Opinión

Lila de Lilith: A libraría

Eu tamén quixen ter unha libraría, un proxecto que tiña moitas posibilidades de se converter en realidade como algúns outros. A miña libraría ía estar nunha aldea de mil persoas, que son as mesmas que fan posíbel que exista unha tenda de alimentos en que poder mercar pan e eses produtos de diario; as mesmas que gozan da tenda e café que leva Kathrin, das súas tortas de morangos, de pexegos e de ruibarbo; as mesmas que van cear, de cando en vez, á taberna “Altes Schrothaus” e as mesmas que, ocasionalmente, tamén mercaban teas ou xabón ou algún galano especial naquela casa onde se vendían produtos da Provenza, cun fermoso xardín. Si, un día quixen ter unha libraría en Ober-Hilbersheim, unha libraría de mulleres, para todas as demais persoas que nos lesen en voz alta. Literatura de mulleres, escrita por mulleres en moitas linguas do mundo, aínda que as linguas principais ían ser o alemán e o galego. Eu quería que as miñas amigas galegas, escritoras e lectoras, visitasen a miña libraría; que se achegasen á nosa aldea, que durmisen e almorzasen na casa que rexenta Gúndula; que todas visitasemos a adega de Axel Schmitt, que falasemos de cinema, de Canada e de como viviamos Sylvie Pagé e mais eu, as dúas de fóra e nas últimas casas da aldea, tan dentro de Alemaña. 

No ano 2000 falecía a escritora Penélope Fitzgerald e o meu compañeiro había uns meses que me agasallara coa súa novela A flor azul, foi así como a descubrín. Volvín a Galiza, regresei a Alemaña e entón o meu compañeiro no 2014, leume anacos de A libraría da escritora inglesa. Iso era o que tiña que montar, a libraría. Había uns anos que xa botara a andar a Lila de Lilith, a libraría, en Compostela. Uns anos despois Isabel Coixet adaptou e dirixiu A libraría de Penélope Fitzgerald, entón a miña vida mudara moito e eu xa souben que nunca ía ter unha libraría, conformábame con ser lectora e volvín ás páxinas que me foran lidas. Como nunca antes,  comprendín a profundidade da personaxe de Florence Green, unha muller que quería conservar unha libraría, que habitaba co amor e no amor dos libros e seguía sendo humana. 

Agora vivo en Compostela, son lectora, consumo libros como alimento e teño unha libraría que atenden Patricia Porto Paderne e Mon Vilar, libreiras felices, que nos coidan a todas as persoas que entramos na literatura da Lila de Lilith, a todas as persoas que len en voz alta ás escritoras, que procuran no interior das súas palabras, que pronuncian feminismo.... Levan facéndoo dez anos, mentres coidan e entusiasman ás súas propias fillas, orgullosas do traballo das súas nais. Que fermoso é ser libreira! Que fermoso é ese espazo, esa casa de palabras pensadas e escritas por mulleres! Que fermoso foi ese encontro para celebrarmos dez anos! Para celebrar que xa teño a miña libraría, onde podo mercar cadernos para escribir e levarllelos como galano a Sylbie, a Gundula, a Elfi en Ober-Hilbersheim... ás miñas amigas que len escritoras en voz alta.

Sei que teño casa con moitas mulleres e outras persoas na Lila, onde as máscaras non nos illaron, convertéronse en libros, e no amor e co amor dos libros festexamos coa ilustración de Xoana Almar, de Cestola na Cachola. Patricia e Mon, benzón! A lila de Lilith: a (miña) libraría. 

Comentarios