Opinión

Intenso e solidario feminismo

Benquerida, LV:

Nos ultimos días de febreiro de 2004 foi o teu derradeiro recital, na presentación da edición ampliada do libro Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003), denuncia do xenocidio dun pobo e impotencia, a que lemos no teu poema "Debilidade", unha actualidade que nos fai tremer, o desasosego. Nada vaticinaba que só uns días máis tarde os camiños cegaban para ti, Luísa.

Ten razón Pilar Pallarés, todas as persoas lembramos a útima vez que estivemos contigo, foi a túa morte, un acontecemento doloroso que nos marcou. O derradeiro día en que nos encontramos foi o 7 de febreiro do 2004, na cea homenaxe na Coruña á benquerida amiga, Mª Pilar García Negro. Ese día levácheslle un fermoso agasallo, o teu poema, "Materia de Alexandre Bóveda", escrito coa túa caligrafía que revitaliza a materia, a identidade, desde o Nós de Castelao ao Nós de Pepe Barro; unha cadea en que Díaz Pardo, fiel ao étimo das formas, é un elo e ti, na materialización do poema, outro. Coincidimos na saída do Hotel María Pita, con Daniel e mais contigo; Alexandre e mais eu, regresabamos para Tui. Falamos da integridade da homenaxeada, da alegría de Maruxa Negro, a nai de Pilar, do poema escrito a man, que me prometeches para o meu corenta aniversario, e da valentía e dignidade de Sandra contra o alcalde de Toques.

Quero falarche dun libro, unha homenaxe do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (Illa) da Universidade da Coruña, á súa colega, Mª Pilar García Negro, unha antoloxía de estudos (artigos en todo tipo de publicacións, relatorios, unidades diácticas...), sobre a figura e a obra de Rosalía de Castro. Un libro que hoxe ti terías nas túas mans como galano. Imaxino á amiga Pilar emocionada agardando o teu parecer, despois de facercho chegar, Luisísima, escribiría nalgun lugar. Máis de corenta anos de investigación, achegándonos interpretacións pioneiras sobre a obra rosaliana, mantendo aceso o diálogo coa autora neste tempo e xenerosa a investigadora, mestra, aprendéndonos. Celebras e agradeces, coma min, a coidada edición, a atinada selección dos textos datados entre 1980 e 2022 e a excelente introdución, todo baixo a responsabilidade de Carme F. Pérez-Sanjulián, agora colega, primeiro alumna no bacharelato. É fermoso agradecer desta maneira á mestra; Sanjulián faino, non tiñamos dúbida ningunha, iluminando esa vontade de traballo e a brillantez das lecturas da profesora García Negro. Cando lin, Rosalía á luz de Mara, descubrín a escritora, a intelixencia da profesora e a agudeza da discípula, Carme, que nos introduciu na profundidade da narrativa rosaliana. Participa no epílogo deste recoñecemento a profesora K. March.

García Negro, retoma a idea das palabras que Carvalho Calero, ten no centenario de Castelao, para quen se ama utilizando o político rianxeiro, para quen realiza unha aplicación indebida. Pilar, explica esa dualidade: amarnos (nós) utilizando Rosalía de Castro ou amarmos Rosalía de Castro en por ela, con todo o que ela foi. Podo mudar o nome de Rosalía polo teu Luísa, nacida un 15 de xullo, para revitalizar ese Intenso e solidario feminismo, título do libro. Pilar García Negro, Kathleen March, Carme Sanjulián e mais ti, no ronsel de Rosalía de Castro, con certeza, intenso e solidario feminismo. Leamos Rosalía de Castro iluminada por García Negro.

Comentarios