Opinión

Indignación e burla branca

Non teñen talento nin para mentir, nin para escribir o guión, nin os puntos da axenda política. Pensan que mandan na prensa e dominan a arte da ventriloquia, non respectan o pobo e, moito menos, a parte dese pobo que acredita nas súas palabras. Un gran problema cando se ten unha fe cega no ventrílocuo, na ventrílocua, que dispón de monecos e monecas de todas as idades e condicións, para lles ordenar a voz, para lles tirar a vontade e para lles facer crer que viven no mellor dos mundos posíbeis. É así defenden que habitan no Paraíso da Felicidade con praias de area finísima, vizosa en bancos de sabores, alimentos regalados pola natureza, riqueza inacabábel como a chuvia que sempre será arte. Si, aí cren vivir nesa ledicia plena, incuestionábel, coma vítimas dun secuestro, vinculadas con esa man que din lles dá de comer e lles dará á súa descendencia, afectadas pola síndrome de Estocolmo.

E un día algo acontece e desfai o feitizo e demostra que a natureza morre, que a area se volve lava negra, veleno pegañento, que mata. E volve pasar outro día e outro, e sempre é a indignación, despois do mesmo feitizo, cando se cuestionan as palabras e se evidencia a mentira, é entón cando se sae á rúa, cando se lle pon un remate e se despiden os ventrílocuos, as ventrílocuas, xa que se aprendeu que, contra a súa mentira e o seu engano, hai que botalos. A paciencia, non é que se acabe, ten que acabarse.

E xa chegou de novo ese día en que todo aconteceu, en que todo se repite, un conto vello sempre mal narrado, a catástrofe que trousa a pezoña no mar, esta vez unhas boliñas de plástico, unha marea branca, cobre a area e entra nas gorxas do peixe que comemos, mata os bancos de sabores, xa improdutivos e murchos, asulaga as praias. E tampouco sabemos de quen é a responsabilidade da catástrofe, algo tan difícil como averiguar quen é o home do saco.

É coma sempre, esta vez disque todo comezou o 13 de decembro, a data máis repetida entre mentira e ocultación, o día de Santa Lucía, patroa das modistas e avogosa da vista, todo se repite na maneira de actuar en quen ten a responsabilidade, o goberno de turno, herdeiro do de hai vinte anos, Feijóo estaba e aínda está: ocultación, minimización, improvisación, botarlle a culpa a outros. En definitiva, non estar á altura, non saber gobernar. Silencialo todo antes, foi a súa felicitación de Nadal, os comentarios ridículos, entre o infantilismo e o delirio, os galanos de Reis, as palabras que nos demostran que tratan ao pobo coma parvo ou choucho, o pan de cada día. Poden sementar a dúbida de que os pélets non sexan perigosos, poden. O que fica en evidencia é que o goberno é tóxico.

O 21 de xaneiro coa nosa indignación, co noso dereito a nos manifestar e reclamar a dignidade do pobo iremos, benquerida LV, Paco Souto, Xela Aria e ti, connosno, como xa fixemos hai máis de vinte anos, esta vez á manifestación que promoven cincuenta colectivos ecoloxistas e do sector pesqueiro, "En defensa do noso mar". E alí estaremos, ás 12 na Alameda, nós que sabemos do seu desprezo e maltrato. Sabemos que a súa burla sempre é branca. Nós, que seguimos ficando sós e soas, o mar e mais nós. Isto trata de moito máis que de limpar a area, trata da dignidade e de que temos que botalos. Nós, o pobo, somos quen os ten que botar e afirmarmos que outro mundo é posíbel.

Comentarios