Opinión

Ferenike

Hai moitos anos que coñecín en Tréveris a unha moza nas clases de alemán para estudantes estranxeiras da Universidade que se chamaba Ferenike. Desde hai dous días non podo deixar de pensar nela, nas súas ganas de vivir, nas súas gargalladas e en todo o ben que o pasamos. Viñera para aprender alemán e estudar dereito, falaba o seu idioma, o macedonio, aínda que fora educada fundamentalmente en inglés, xa que a familia se trasladara, por voltas e revoltas dunha vida complicada, a Gran Bretaña; ademais falaba albanés, búlgaro, variantes serbocroatas e francés. Non quixo aprender grego. Daquela cando nos coñecemos, o país de orixe da familia denominábase, Antiga República Iugoslava de Macedonia, contábame isto e de, seguido, levantaba a copa como para un brinde e dicía: Todo por culpa de Grecia! Agora por nosoutras! Nese "nosoutras" estabamos: ela e mais eu, bebendo para aprendermos a conxugación verbal alemá, e o seu "nosoutras" familiar, parte espallado polo mundo e parte no cemiterio das súas aldeas. Ferenike levaba toda a forza e intelixencia das mulleres da familia nas costas e na cabeza, tiña unhas ganas enormes de vivir e era, o que se pode dicir, feliz. Contoume que a súa nai nacera dunha violación e que ela non parou até descubrir quen fora o culpábel, por verlle a cara, os ollos e por saber que herdanza dese home podería ter recibido o seu corpo. Soubo que fora o mellor amigo do avó, o que todo o mundo cría pai da súa nai; a violación ocorreu o mesmo día en que a avoa ficou viúva, co corpo do seu home morto na casa, no corredor da mesma casa. Todo podería ter ficado aí, co nacemento dunha filla póstuma pola que había que tirar, mais a súa avoa contoulle á súa filla a verdade, tampouco lla ocultou á neta cando entendeu que chegara o día, coa esperanza de que nalgún momento, aquel home da Macedonia grega, pagase o que debía: a manutención de tantos anos. Ás veces, está ben que ocorran cousas durante a adolescencia, cando se sitúan tantos espazos no mapa interior dos afectos que todas as persoas levamos dentro.

A avoa e a nai de Ferenike elixiron o seu nome, en macedonio, polo seu significado, Berenice en grego e Verónica en moitas linguas latinas, é a portadora da vitoria. Unha Ferenike de 15 anos chantouse un día diante da casa do seu avó biolóxico para procurar o que á súa nai lle pertencía: a manutención de tantos anos. Para celebrarmos aquel día en que a avoa, a nai e mais ela souberon que ían cobrar e con intereses para pagar a súa magnífica educación, brindamos: por nosoutras!

En abril de 1997 Ferenike reapareceu nas aulas, levabamos un mes sen nos ver. Quedamos para brindar, ese ritual de irmás da noite. Pola miña nai, que para que a súa enfermidade non lle comese os soños, decidiu poñer fin á súa vida. Por nosoutras!

Non ía ser a última vez que me ía enfrontar coa vivencia dun suicidio. Vivimos rodeadas por moitas persoas que cren que acabar coa propia vida é un pecado. Afastadas da idea de que a saúde mental está tamén en mans da ciencia e da conversa amiga e do coidado amigo e da calma e do brinde pola vida. Por Verónica, por Nosoutras!  

Comentarios