Opinión

Do Sadismo. De como vencerse é cousa de se tratar

Hai vinte anos eras veciñanza en Sada idignada pola moción de censura contra Abel López Soto, elixido por unha ampla maioría e alcalde co apoio do PSOE e dun partido local. Indignada co transfuga, J. L. Santamaría, que lle deu nunha moción de censura a Rodríguez Ares do PP, á alcaldía que ostentara desde 1979, que xa son anos de ostentación para quen o primeiro que fixo ao regresar á alcaldía, foi subir o seu soldo e disque poñer no despacho o retrato de Franco. Sumáraste ao chiste que dicía que os de Sada eran sádicos. Sadismo, explicaches, en Sada, era abandonar o masoquismo: a cidadanía en pé, sabéndose libre e reclamando o seu poder. Ti, estabas entre as persoas non masoquistas, dándolle un novo significado á palabra sadismo.

Hai fotografías túas nas manifestacións, outra lendo un texto, imaxe onde se pode percibir o teu orgullo por ser comunidade. Contra tanta mentira e manipulación, segues sendo, Villalta, unha muller de palabra, de moito creto, abonda lerte.

Faltan só dous días para que Galiza vote, para que poña as bases para elixir o próximo goberno; para mudar o seu destino, dirá alguén, e isto está ben, xa que non se pode unha deixarse vencer. Xa o sabemos, deixouno ben dito e escrito, Xela Arias, que o aprendeu das súas maiores: vencerse é cousa de se tratar.

Tamén haberá quen o domingo diga, non estaba de ser. O que non é de crer é que un presidente do goberno en funcións e candidato á presidencia, actúe como o representante da oposición en toda unha campaña electoral, como se estivesemos nas eleccións do 2028 e fose realmente o candidato da oposición (el xa non estará); non é de crer que non teña discurso, que remate un debate en que as palabras máis usadas, até se converter nun retrouso ou nun meme, sexan: Non me votes! Non é de crer que pretenda e crea que funcione, que as persoas de hoxe acrediten nas mesmas mentiras que facían do BNG unha secta do demo nos anos oitenta, nin que pretenda facernos ver o parecido físico entre Ana Pontón e Otegi, aínda que ten o seu aquel.

Non é de crer, nestes tempos, vermos esa fotografía na feira do cocido de Lalín, entre tanto señoro que chega desde a meseta, nin a cara de Feijóo cando lle están botando unha copa de viño, nin a do presidente mandando un bico ao ar como se fisexe un xuramento ou metendo a man na piscina na Solana en xaneiro para probar a auga, nós que xa sabemos de sobra que non se molla, que se converteu no candidato ausente, que se non sabe onde está é non dá a cara, será cousa de deixarse vencer e non se tratar, como non se trata Feijóo. Nada é de crer e supoñemos que Paula Prado está de vacacións e que a campaña electoral do PP é a proba do ben que funciona a intelixencia artificial. Sen goberno, sen programa de goberno, esa é a menxaxe.

Fronte a isto o pobo non masoquista, emocionado cunha candidata que xa non é do BNG, é a única candidata galega, que di con claridade, Galiza ou nada. Nin na feira do cocido de Lalín lle queda algo de galeguidade aos pollitos bien do PP.

Fronte a todo isto a honestidade, o sorriso, a non crispación, o programa de goberno explicado por que asume a responsabiliade de ser Presidenta: a sanidade, o ensino, os coidados, a autoestrada, a nosa luz. Pase o que pase, aquí seguiremos, fronte a súa ausencia. Un souto en Chorente, o futuro.

Comentarios