Opinión

Das cancións que choran

Hai cancións que non viaxan polas redes, que non van sumando números para dar cartos. Cancións que non sentimos coma cancións; ás que non lles queremos entender a letra, cunha melodía da que fuximos. Cancións que enviamos ao silencio do exilio.

Son cancións que choran, ladaíñas do tremer, historias afogadas na gorxa das intérpretes. Están aí, como imaxes que non se fotografían nin se gravan. É existen. Isto sábese. De se gravaren e fotografiaren, serían virais. Hai quen pagaría moitísmo por velas, por escoitalas, protexido polo anonimato, iso si.

Como hai unha canción que agocha toda a verdade nesas outras cancións diarias que choran? Como hai unha canción que enche espazos de opinión, programas de televisión e tamén informativos? Unha canción que fai ferver as redes fronte ás cancións das gorxas mortas e ben matadas?

Que nos está pasando coma sociedade cando poñemos a un lado as mulleres asasinadas polas súas parellas, ex-parellas?  Cando aínda hai comportamentos que se permiten: matouna e era o seu home (mateina por ser miña), de portas adentro nunca te metas (non oín nada, nin vin nada).

Hai quen non sabe que o privado é público; quen non sabe que hai miles de batallas diarias en moitos fogares; que  hai mulleres fechadas no cárcere do seu corpo, fechadas no cárcere da casa? Por que non se aplica nestes casos o delito de omisión do deber de socorro? Que ocorre cando este deber non se aprende en ningún lado?

 Que ocorre cando se cuestiona a palabra feminicidio? Que ocorre cando esta palabra non se explica na escola? Por que non aparece nos libros de texto? Por que non somos capaces de falar destes asasinatos que se producen nos fogares nas democracias “modélicas” fronte aos dos réximes totalitarios onde adquiren outra dimensión? Por que hai quen pode cortar unhas mechas de cabelo e  tapa ollos e oídos cando soan as cancións que choran? 

Que ocorre cando se educa para que a muller teña que ter coidado e ser responsábel de que non a ataque un ou unha manada na rúa? Que acontece para que unha nena ou unha muller teña medo e se sinta culpábel se a violan? Esta batalla ten lugar todos os días e xa se sabe que non só na casa. A tolerancia cero contra o machismo non está de moda, non é viral.

É difícil de entender que no clasismo, na falta de sororidade e no escarnio da outra “media laranxa” da “parella perfecta” hai quen vexa apoderamento da muller e dicurso feminista. Contra esta letra que percorre o mundo abonda dicir que non factura todo o mundo. Sabemos que moitas mulleres non facturan e que, en moitos casos, por faceren o mesmo traballo ca os homes non cobran o mesmo, nin sendo futbolistas xogan nos mesmos campos. E por estas e por outras cousas, tamén por dar cartos a  gañar, as mulleres aínda choran.

Fico sen palabras coa noticia, que me tronza o artigo e me fai tremer, da sentencia de tres anos para quen cometeu violacións continuadas dunha nena desde os sete até os trece anos, en Baleira. O fiscal pedía nun principio once anos. Todo pasaba na casa, onde a nena vivía coa súa irmá, co marido desta e co cuñado.

Era habitual segundo recoñeceron os acusados. Con trece anos a nena, violada, preñou, pariu e deu a criatura en adopción. Ninguén sabía nada. Que lei reduce esta condena?

Quen escoita o latexo do corazón da nena, da muller, afogada na súa canción que chora? 

Comentarios