Opinión

CRTVG e responsabilidade

Telegaita é unha palabra que non me gusta, que case anulou á que fai referencia: Televisión Galega. Ou aínda peor, anulou á Televisión de Galicia ou Galiza. Galiza somos nós e esa radio e esa televisión da CRTVG pagámolas e son nosas. Gústennos ou non nos gusten as gaitas, Telegaita, é unha boa metáfora, serve para explicar todos os prexuízos que existen contra Galiza e contra a súa lingua, reducida a ese atraso, antifuturo e antiemprendedor mundo. Moi lonxe da realidade en que vivimos, mesmo temos magníficas gaiteiras. Se a televisión e a radio galegas están lonxe de nós non é pola falta de bos e boas profesionais, habelas, hainas e comprometidas, tanto que levan catro anos denunciando en venres negros o que acontece desde a plataforma Defende a Galega, denunciando a manipulación informativa; pedíndonos que nos impliquemos, que esixamos, que non sexamos cómplices co silencio, nin por saírmos nun minuto de "gloria na tele" para falarmos do último que nos anda nas mans. Téñoo oído demasiadas veces, se criticas non te chaman. Como hai cincuenta anos, aquela frase: hai que andar a ben con todas.

Televisión e Radio Galega sen planificación, todo semella cortado en anacos, non só o Diario Cultural, xa hai quen lle chama guieiro; redución de persoal, chega o verán e volven os programas gravados. Na radio en que todo é voz e música, guialas ben é fundamental; na realización nótase moito o desleixamento na música, na cuña publicitaria. Falta crer en Galicia, no galego e mesmo na música galega, aínda que pareza mentira. Non todo abonda con que deixen facer un Podcast. Coñezo a ilusión coa que se comezou na radio e na televisión galegas, a aprendizaxe para chegaren a esa calidade de profesionalidade, desas persoas que levan anos aí, traballando e defendendo a galega. A xente máis nova que comeza non ten que cobrar tanto. Esta ilusión e compromiso cos medios públicos non se percibe na actualidade, a xestión é desmantelar, recortar. Mesmo a lingua perdeu calidade.

Preocúpame como se tratan certos temas; non abonda termos boas intencións para falarmos do deporte feminino tamén é preciso ter formación. Sobre todo, hai que ter formación en políticas de igualdade, en xénero, e isto nótase moito cando se tratan temas como os da violencia de xénero. Cando se produce a condena ao futbolista Santi Mina os medios de información pública deben informar, dar exemplo e educar, este caso advirte que hai que traballar contra a violencia sexual desde todas as partes, non se pode entrevistar o avogado do Celta. Non se pode facer desaparecer o delito, tapar a violencia. Cando unha muller é agredida pola súa parella, cando a súa vida corre perigo no hospital, non se pode entrevistar só á veciñanza dorida e abraiada, isto é o caso con morbo. Son minutos necesarios para aprendermos, para que falen especialistas en violencia de xénero, para situar ese tema no centro, non é un caso illado, obedece a un sistema. Hai que educar, os medios públicos teñen responsabilidade.

Alégrome moito da condena polo TSXG á CRTVG polo expediente que lle abriu ao xornalista Carlos Jiménez. Se a plataforma Defende a Galega non ten voceira, nós somos a voz. Se a CRTVG é nosa, nosa tamén é a obriga de nos implicarmos, de de nos implicarmos, de exixirmos e de actuarmos como cidadanía con responsabilidade.

Comentarios