Opinión

Cairón

Hai palabras que nos habitan no corpo, que nos revolven por dentro, que nos fan amar e chorar, palabras que emocionan. Palabras humanas que designan o patriarcado e o terror, como feminicidio ou violencia vicaria. Palabras humanas que nomean o xenocidio e a exterminación, o anxo custodio e o anxo exterminador. O primeiro extenuado, como os ollos das crianzas, como as costas das vellas avoas coa carga de tantas vidas que lles naceron mortas e de tantas que nunca lles naceron; coma quen loita para que o alento se manteña ou para axudar a ben morrer; velaí a extenuación no intento de salvar, coidar e curar e a impotencia, no intento por todos os camiños fechados pola perversión, de chegar á humanidade sedenta e famenta, Si, o anxo custodio tamén está morrendo. O outro, o anxo exterminador, sabe que non ten lindes, camiña soberbio e arrogante, sábese poderoso, con moita forza e cre ter toda a vida por diante e coñece as palabras: Palestina e Israel que USA USA. E coñece a palabra Debilidade, do teu poema Luísa, que no día da Poesía percorre Galiza como denuncia, débiles todas nós, no lado da conciencia secuestrada por Europa que USA USA. 

Celebramos a poesía e con ela moitas alentamos manifestacións, contra o contido das palabras: feminicidio e xenocidio. Hai días que dan para ir ás oito e media protestar polo feminicio desta semana en Ribeira e para nos concentración en defensa do pobo palestino. Prefiro dicir denuncia do xenocidio. Defensa xa non nos queda a nós, nin moral.

Hai vinte anos,  o 22 de marzo, Día Mundial da Auga, chegaba a Compostela contigo na cabeza e no corazón aquel grupo de persoas do mundo da cultura que realizaron o Camiño de Santiago por iniciativa da ONG Acción contra Fame, que ti ías facer. Non hai xeito de desafamar en Palestina, sófrese de laceira, carpulla, gazuza, FOME, que coma lambuxa nace na cara; desde a que nos observan os ollos que nos acusan das crianzas indefensas, das vellas cargadas con anos de sabedoría, porque se hai quen cre na palabra perdón, nós, xa non o temos.

E como non é pouca tanta destrución, benquerida Luísa, a Ulloa está en perigo, desde o corazón de Galiza ao mar da Arousa onde chegan as augas do Ulla, a ameaza é unha pasteira, unha nova celulosa nas palabras do común, un proxecto insostíbel que vén da man de Greenfiber, de Altri, desde Portugal. O territorio está en perigo e todo o que nel habita desde os peixes do mar ás aves do ceo e Nós. E só hai un camiño, dicir non, contra a fame e pola vida. O Caerón é a nosa espiña dorsal.

Eu quixen onte, Día da Poesía, amiga, rescatar outra palabra, a de Lorenzo Varela. A palabra do poeta que nos aprendeu que aramos sobre os mortos nesta terra, que xogou en Fufín de Monterroso, onde está o seu corpo, nesta Ulloa, hoxe amezada, ao pé dun monte. O monte que levou cos seus ollos de neno ao exilio, para sempre, o que lembrou naquel seu poema como "Ofrenda a los franceses", publicado na revista tan galega de Bos Aires Correo literario. Unha homenaxe para aquela data, o 24 de agosto de 1944, en que coa axuda de moitos tanques cos nomes das batallas da guerra perdida e de moitos españois e galegos republicanos, se liberou París, se venceu o nazismo. O poeta que nada ten, ofrécelles a palabra, un topónimo que el resucitou. Esa palabra que agora como pobo nos invoca, para (nos) salvar, a entraña da terra: Cairón.

Comentarios