Opinión

Brincar, unha palabra do dicionario

Brincar é moito máis ca unha palabra do dicionario. Brincar ponnos contentes. Con esa palabra choutamos enriba da cama, saltamos á corda, pinchamos dunha a outra banda do regato... Moitos brincos de alegría hai cando nos xuntamos coas amigas e cos amigos. Brincar di o dicionario que é pasar o tempo facendo cousas que entreteñen e divirten, cousas que se lles supoñen aos nenos e ás nenas.

Sabíase o que era brincar cando os parques, os camiños, as eiras, estaban cheas de nenas e nenos; cando se sentían os patios ou torreiros nos recreos. Antes de entraren na escola, ao sairen, e sobre todo nos recreos, moito rebeiraban rapaces e rapazas, moito compartían entre risos, tamén entre choros. Cando brincar era aprendermos entre todos e todas a vida, a amizade era un ben prezado.
Cando se eliminou das nosas vidas e se condenou aquel axioma incuestinábel de que a letra con sangue entra, vivironse tempos de liberdade e deuselle valor á escola como un lugar para aprender brincando. É certo que moito importaba o labor da ensinante, o seu tamén querer aprender para aprenderlles a elas e a eles; promovíase ese saber entrar no poema que viña no libro, afondar no ritmo da canción, darlle valor á lectura de cada neno ou nena, reparar no berro que irrompía no texto dunha redacción, darlle valor a ese berro, facelo brincar; perderlle o medo aos números, facer choutar as probabilidades, redactar problemas matemáticos con solucións inesperadas e tan auténticas como que os cartuchos cheos de fariña podían romper e alá ían os quilos. Dependía moito dos mestres e das mestras, mais moitos e moitas, convertían a aula nun lugar onde a dúbida se acollía con ilusión e nada era así e xa estaba. Tempos en que se potenciaba o ensino de ver e oír, de andarmos o territorio, para subirmos outeiros e admirarmos cavorcos, para sabermos do estripeiro. Tempos de música e de teatro nas aulas, de vivirmos bioloxía e literatura. Tempos de debater, de desexar ese debate, de brincarmos coas palabras.

A Covid-19 mandou á UCI a palabra brincar, silenciouna e fechouna no dicionario. Este vai ser o terceiro curso afectado pola pandemia con criaturas que teñen seis anos, adolescentes que teñen quince e levan tres con esta (i)realidade con máscara e con distancia. Volveremos con esa distancia interiorizada, que nos fechou na casa con medo, a que lle fixo crer a moita rapazada que no seu cuarto desde a rede do seu móbil estaban no mundo e por todo o mundo andaban, tamén coas amizades para xogaren fechados cada un no seu cuarto, sen se tocaren. Non saír da casa foi un desexo de moita rapazada este verán e non ir á escola é tamén un desexo de moita rapazada. Este é un dos problemas máis graves co que nos teremos que enfrontar familias e profesorado: prenderlle a brincar.
Encher o tempo libre da rapazada con tarefas escolares, ese aumentar o número de horas da escola con seguir na casa, como un castigo, debe de se ter en conta máis ca nunca este curso. Á rapazada hai que mandala á rúa, haina que volver ilusionar para que viva en comunidade, para que xogue, estimulala.

Brincar é unha palabra demasiado importante para desaparecer da praza e habitar na soidade, para morrer no dicionario.

Comentarios