Opinión

Bóveda

Acabo de ler o teu poema “Materia de Alexandre Bóveda”, poderei lelo mil veces máis e sempre será ese texto que nos identifica como lar, clan, país enteiro, Galiza. A palabra que simboliza Bóveda, esa obra de fábrica que nos abriga e ampara e que por iso, Bóveda=Galiza, nos permita, só en irmandade, sobrevivir á condena do dedo acusador, aínda hoxe, Luísa. Leo o poema no Cartafol poético para Alexandre Bóveda (2006), edición de Espiral Maior en colaboración coa Consellaría de Cultura con Ánxela Bugallo á fronte. Leo e regreso a aquela tarde do 29 de novembro de hai vinte anos, ao Teatro Principal de Pontevedra, ao recital que lle poñía ramo ao Congreso A Galiza de Bóveda.

Abriu o recital Susana Trigo e leu a primeira elexía dedicada ao asasinado na Caeira, da autoría de S. García Bodaño, que faleceu neste marzo. Deseguido, Manuel María, recitou un soneto; tamén recitou na túa despedida en San Amaro, uns meses despois deixábanos el, quen dalgún xeito aquel Muiñerio de Brétemas, e disto xa falamos, Villalta,  fechou o seu  círculo poético da man de Sabino Torres, con Brétemas de Muiñeiro. Bernardino Graña trasladounos a Cabo Home, eu non deixo de lerlle ao alumnado aquel poema do profesor que dá aulas no Instituto de Padrón. 

Despois o recital seguiu por orde alfabética: Adolfo Caamaño con “Estraños froitos” agarraba a espada Escalibor, nun Grial das procuras. Ana Romaní desde as Estremas, foi quen encabezou a proposta para te nomear a autora das Letras Galegas. Antía Otero, Barroco é o seu máis recente poemario e con Dores Tembrás, agasállannos coas delicadas edicións de Apiario. C. Sanchez Iglesias, regálanos vivencias en cadernos de viaxe, é o presidente da AELG, sucesor do amigo Euloxio Ruibal. Darío X. Cabana tamén se foi hai dous anos e deixounos un ensaio (póstumo) sobre A Música das palabras. De lingua e literatura, co que moito haberías de gozar. De Emma Couceiro agardamos o seu pronto regreso. Kiko Neves que nos deixou o aviso de que estaban aí, os fascistas, é esa presenza ligada ao Condado que non deixaremos de agardar.

Lucía Novas é unha voz consolidada que nos gañou para sempre con Cervatos. María Xosé Queizán non entrou na RAG e tivo tempo para nos contar o seu Vivir a galope. Seguimos agardando pola novela de Marica Campo que segue a nos escribir desde a ética da súa palabra artigos no Progreso. Marta Dacosta compilou poemas para dicir Así fala Penélope, aí a túa voz desde Ruído. Fernán Vello publicou En concreto e é o gran poemario da Coruña, debería estar en todas partes. Pilar Pallares prepara con Eva Veiga unha antoloxía da túa poesía para Chan da Pólvora, oxalá entres con ela en todas as casas. De Vitor Vaqueiro direiche que segue no camiño da poesía comprometida con Palavras a Espartaco e con 1968. Pepe Cáccamo fai o que quere coas palabras, era o que diciamos, agora bótanos terra viva co Cántico dos Topónimos Esdrúxulos, moito gozarías coa música.

Yolanda Castaño dálle voltas ao mundo coa poesía en galego, é o máis recente Premio Nacional de Poesía con Materia. Xela Arias non estivo no recital, mais lemos o seu poema dedicado a Rosalía de Castro. Eu quería contarche como nos foi indo. Ti estiveches, Luísa, e fixeches visíbel, coa túa lucidez, hai vinte anos, o que somos: Materia de Alexandre Bóveda. 

Comentarios