Opinión

Aurichu e a aperta que nos une

A realidade que nos envolve é tan dura que fechamos os ollos, como se vivísemos noutro mundo, coma illas espalladas, sen nos encontrar. A realidade supéranos, situámonos fóra, como visionando un filme en cámara lenta, cunha voz en off: Estados Unidos ataca Iemen para controlar a paz comercial no Mar Vermello; Pakistán ataca Irán; en Gaza, tamén se morre de sede e de fome, sen saída. Mentres Israel elimina Palestina e nos condena a vivir con esta culpa, nós, cómplices do xenocicio, Suráfrica acusa e non cala! A pena de morte é cada vez máis sofisticada e Kenneth Eugene Smith será executado mediante hipoxia de nitróxeno en Alabama. Canto horror!

Contra tanta deshumanización, quero falar do amor, que fronte a todo nos mantén en pé, que nos obriga a abrir os ollos e a sentir, a celebrar vidas de quen queremos, na lembranza do compartido, da xenerosidade que nos agasallaron para sempre. Por iso, hoxe, LV, quero falarche de Aurichu Pereira Carballo, como se vos escribise ás dúas, a ti e mais a ela; como se as palabras chegasen a algún lugar máis alá dos corazóns de quen vos quere; como se eu fose esa rapariga, que nunca fun, e puidese crer que nalgún lugar, chámese Ningunha Parte, Alén ou Nangoisllala, vos encontraredes agora que partistes para durmir fóra; non fun esa rapariga e quero selo, para vos imaxinar co Pancho Pillado, algunha tarde sen fin, para convocardes a Avilés de Taramancos na inmortalidade da Obra Viva, para mesturar na conversa a música e o teatro, a poesía que se cose en todas as teas de liño, no oficio antigo e valioso do tear, para que a pintora vos devolva con seu Courel Imaxinado, todas as cores da terra que amades e que nese espazo sen portas, nin cancelas, entre Novoneyra, nunha tarde cando vos cadre, que teredes moita xente á que abrazar. Sería ben fermoso pensarvos nese lugar en que en vós vive quen vos quere.

A unha dor, outra dor, é triste pensar que neste ano das Letras, tamén de Teoría de xogos, desas afinidades electivas, quen ben te quixo, como Aurichu ou Pillado, serán lembranza e non nos poderán falar de ti. Abatemento, que palabra para pronunciar.

O Museo do Pobo Galego é unha casa de nós, con alicerces fortes, onde van ficando obxectos amados que representan: pobo de mans dadas, monte comunal, identidade. Foi o lugar onde, Xosé Ramón Fandiño quixo ceibar as pombas azuis que Aurichu amaba para que a acompañasen, Concha Losada, deunos a benvida. Nesa celebración, Chus Nogueira, a curmá pequena e escritora, evocou a raíz e o compromiso coa vida da muller valente contra todo; Mercedes Rozas alumeou a pintora e o seu espazo; Miro Casavella cantou do Cebreiro, de Novoneya, de María Soliña e do meu/noso país. Oriana Méndez e Celso Sanmartín ceibaron poesía, conto e canto; Tomás Camacho coa guitarra clásica, conduciunos pola historia de Aurichu que nos contou Beiras, o mellor orador da dor que vai por dentro, onde lle vive a amada, para sempre e deunos unha gran lección de vida. Con Tomé Mouriño e Alfonsina y el mar, choramos e sorrimos como o faría Aurichu.

O domingo 14 de xaneiro, quero que o saibades, que o celebredes nesa tarde sen fin, Anova e o BNG, falaron e chegaron a un acordo. No abrazo de Beiras e Ana Pontón, estabades connosco, quen desexa ese noso país libre para se querer e gobernar. A forza de tanto amor non é inútil.

Comentarios