Opinión

Alma, columna de violino

En decembro na agonía, só alentan os últimos días da derradeira folla do almanaque 2023. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda conta para que comece 2024, o teu ano, benquerida poeta e amiga, e lémbranos con versos do poema “A Cidade Antiga” de En concreto, que: aniñamos sen temor nos muros derruídos/ xa invencíbeis/ da memoria/. Versos que a segadora Susana Aríns, situou no roteiro imaxinario na parada do Mercado de Santo Agostinho, que xa forma parte da imaxe da Coruña Literaria. LV, ti es unha autora roteirada, como di Aríns, unha escusa para partillarmos os teus textos.

2024 será o ano en que moitas ensinantes nacidas no 1964 iniciarán o camiño da reforma ou do xúbilo. Creo que as dúas palabras cadran ben, fartas de reformas e contrarreformas, da perda de creto nun sistema que nos vai tirando valor como o alumnado que xa nos pretende enganar cos textos que redacta unha intelixencia artificial, que non distingue entre un roto e un descosido, que, probalemente, non saiba que non todo é ganduxar e tirar para adiante.

O engano, a trampa é materia que se cultiva con esmero. Mais contan e moito os anos do demo e a nosa experiencia está aí, fronte ao artificio e os apuntamentos que substitúen libros e mans para se conectar coa razón. Semella que se a man nunca escribe nunha folla, se non se mexe co bolígrafo, non chega o sangue ao cerebro. Penso que as persoas dedicadas ao ensino son como o señor Antón de Castelao, que antes de existir a fotografía, facía retratos que lle saían “pintiparados”, coma el, nós só temos que lle botar unha ollada ao alumno ou á alumna, pousarlle unha man na cabeza, (non sei se a poderemos bambear) para tomarlle o cariz, arredarnos unha migalla, el para medir cos ollos chiscos, nós para situar o retratado na aula. Coa experiencia gañamos, aínda que fartas e cansas, agás excepcións, sabemos máis. Mais o sistema só quere emprender e saber ocupa lugar. Hai quen pensa que as ensinantes xa non facemos falta. Seremos un corpo en vías de extinción?

O Conselleiro de Educación mandounos unha felicitación para o Nadal cun texto teu. LV, no 2020 a Xunta de Galicia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, iniciaba a Biblioteca Luísa Villalta cunha fermosa publicación, As palabras ingrávidas, edición facsimilar do almanaque poemario Assirio & Alvim 2004, en que ti ías achegando anotacións, á beira dos poemas de diferente autoría. O texto elixido para nos felicitar é do día 4 de febreiro do 2004, que dialoga cun poema de Umberto Saba e trae o corazón do inverno. Volveremos sobre este almanaque en que anotaches nos teus últimos días, desde o 1 de xaneiro até o 26 de febreiro. Nin máis follas, nin notas, nin poemas.

Decembro comezou cos primeiros libros que falan de LV, co teu nome completo na portada, que magoa, unha festa en que non estarás, renacerás como a música cando se intrepreta, diferente como peza de teatro cada noite, como a lectura de cada poema. Mais o teu nome, será, alma, columna vertebral, peza fundamental no violino, para comprender a túa obra; que ben explica a alma, Beatriz Maceda, autora con Eli Ríos, de: Luísa Villalta, alma de violino. Un álbum ilustrado por Laura Suárez. Un texto difícil de escribir cando non se te coñeceu, fermoso cando se te encontrou nas palabras cultivadas na túa obra, que florecen nesta alma. 

Comentarios