Opinión

Pedra, papel ou tesoira

Coma os virus, a estupidez humana tampouco entende de fronteiras. Aquí deunos por fornecernos de papel hixiénico para os vindeiros anos e nos Estados Unidos de América decidíronse por baleirar os estantes das armerías en canto lles foi anunciado o comezo do confinamento.

Este episodio tróuxome á mente o documental Bowling for Columbine. A película narra o terrible suceso acontecido o 20 de abril de 1999 nunha cidade do Estado de Colorado, onde dous rapaces mataron a doce alumnos e un profesor no Instituto Columbine con armas adquiridas de maneira legal. Pero sempre botei en falta unha exploración algo máis profunda deste filme desde a perspectiva da socioloxía xurídica. E a iso vou.

O día 29 de febreiro de 2000 un pícaro de seis anos matou dun tiro a unha compañeira da súa clase. A nai do neno que disparou chamábase Tamarla Owens. Ela non estaba na casa debido ás súas obrigas laborais dentro dun programa denominado “Asistencia social por traballo”, a través do que conseguía cupóns de alimentos e atención médica para as súas crianzas. Tamarla era unha muller negra sen recursos e erguíase moi cedo para chegar a Auburn Hills, unha das zonas máis ricas do Estado de Michigan. Era camareira e tiña dous empregos. Aínda así, non gañaba o suficiente como para pagar o alugueiro a pesar de traballar 70 horas semanais en dous establecementos do centro comercial. O seu arrendador botouna da casa unha semana antes da traxedia. Tamarla pediulle a seu irmán que a acollera e foi nese novo domicilio onde o cativo atopou o revólver co que matou a nena.

A antiga política do benestar levaba aparellada unha maior esixencia no esforzo orzamentario. As administracións públicas norteamericanas foron promovendo a creación de programas de asistencia social mediante os que obrigan a traballar a cambio de beneficios sociais en condicións económicas inferiores a un emprego idéntico no mercado laboral. Un modelo que provoca que a xente sen recursos desatenda as súas propias familias para poderen sobrevivir. Este proxecto anglosaxón supuxo o paso dun sistema de dereitos (welfare) a un sistema de obrigas vencelladas a eses dereitos (workfare ou welfare-to-work). O primeiro concepto responde con solidariedade, o segundo esixe méritos.

Estes empregos de baixa cualificación e remuneración foron creando un novo fenómeno nos EUA: o dos working poor, persoas traballadoras que non dan saído da miseria a pesar de teren unha ocupación a xornada completa. Sóavos isto?, porque ten moito que ver con esa teoría neoliberal do “pleno emprego”. Non é o mesmo traballar ca ter un emprego digno. Unha filosofía, a do workfare, que asemade marxina as empresas locais en beneficio das grandes corporacións que colaboran cos programas de emprego obrigatorio.

Con todo, entre a pedra (munición), o papel (de váter) ou a tesoira eu decántome por esta última ferramenta co ánimo de rachar coas políticas privatizadoras do actual Goberno da Xunta dunha vez por todas.

Comentarios