Opinión

Memeirada

Entre a avalancha de memes cos que nos asoballan a través da mensaxaría instantánea do móbil, anda a circular por aí unha imaxe poderosa que xoga coa superstición. O propósito que persegue é claro, xa que establece unha especie de maldición cíclica para a humanidade: «1720, peste negra; 1820, cólera; 1920, gripe española; 2020, coronavirus». Penso que a verba "memeirada", a pesar de non constar como entrada válida no dicionario, poderíase aplicar a este tipo de mensaxes inzadas de falsidades á mantenta. Pero por máis voltas que lle dou, non se me ocorre como lles habería que chamar ás persoas que argallan estas barbaridades.

Ao longo da Historia houbo varios brotes de peste. No ano 1720, ao que se refire o meme protagonista deste artigo, orixinouse a Gran Peste de Marsella, que só afectou á Provenza. Así a todo, a pandemia máis importante de todas foi a da Peste Negra, que se estendeu por Europa de 1347 a 1350. Este andazo matou un terzo da poboación do vello continente. Non obstante, nese tempo tamén houbo outro tipo de contaxio alleo á infección. A sociedade foi manipulada e acabouse acusando á comunidade xudía de provocar a doenza a través do envelenamento da auga, polo que milleiros de hebreos foron queimados vivos nas fogueiras. A parroquia católica nin soubo nin quixo entender a importancia da hixiene como prevención. Mentres, o pobo xudeu bañábase unha vez á semana na honra do Shabat.

A respecto do cólera, desde o século XIX até a actualidade houbo sete epidemias. A última aínda está activa. Non chega a Europa porque acostuma golpear as rexións en vías de desenvolvemento. De feito, o cólera está directamente relacionado coa falta de saneamento e auga potable. Estímanse en 80% os casos que se poderían curar con simples sales de rehidratación oral. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, prodúcense máis de vinte mil mortes anuais por esta enfermidade que non prexudica a Wall Street e, polo tanto, non hai présa por erradicar.

A Gripe Española foi unha pandemia que empezou aló por1918 e acabou arredor de 1920, ano de referencia do meme do principio. As axencias internacionais de noticias chamáronlle así ao aparecer na prensa da época que o rei español enfermara dunha doenza descoñecida. Os datos oficiais din que esta influenza matou máis de cincuenta millóns de persoas. Con todo, desde o século XVI levamos padecido unha trintena de epidemias de gripe a nivel global.

Hoxe en día, entre nós, xurdiron movementos tan maliciosos coma os da Idade Media. Estou a falar desas persoas delatoras durante o confinamento pola COVID-19 que se deron en nomear "policía de balcón". Noutros tempos a maldade acabou por triunfar ante a desesperación colectiva, alentando falsas crenzas que mesmo desembocaron en actos violentos. Polo tanto, agora que comezan a ceibarnos, vai ser mellor ir deixando de lado esas persecucións que non levan a ningures e que tanto nos lembran á Santa Inquisición. Máis vale.

Comentarios