Opinión

Turistas nunha paisaxe sen memoria

Nun traballo o antropólogo francés Marc Augé escribe que os turistas acostuman visitar os países dos que os inmigrantes se ven obrigados a irse. Non vou negar que o turismo é unha das primeiras actividades económicas do mundo, xerando postos de traballo a persoas que serven a outras persoas que se despediron do seu traballo, como alguén ten definido ao turismo. E é así a nivel global desde hai menos dun século. O turismo aparece como a panacea que nos vai tirar da pobreza e encher o futuro. E hai quen pensa que cantos máis turistas veñan mellor nos irá. Un movemento incesante de xente, como vimos este verán pasado en Compostela, ocupando o espazo vital dos propios habitantes. Por iso non concordo con outra definición de turismo, como que é o maior movemento pacífico (a cursiva é miña) de xente. Si, concordo coa que di que é un dos fenómenos que máis inflúen na transformación dos sistemas económicos, do espazo e da vida social e cultural das persoas. Tamén hai quen o ve como unha forma de imperialismo.

Mais esta importancia e suposta riqueza xerada pola actividade turística ten ocultado os efectos nocivos sobre a propia sociedade e o territorio que habita. Turista e migrante teñen algo en común, a mobilidade, porque se desprazan dun lugar a outro, aínda que os motivos sexan moi distintos, incluso unha persoa migrante pode chegar como turista e outra que vén para quedarse, pensemos no francés d´As bestas, non é considerada realmente un migrante. A diferenza pode estar en si procede do Sur pobre ou do Norte rico.

A emigración pode mellorar a calidade de vida da persoa migrante, e esta pode ter máis facilidades de desprazamento ao lugar de orixe. Non é o mesmo unha viaxe hoxe a América que cando o facían os galegos e galegas que emigraban. Isto é así grazas en parte ao éxito do turismo que levou á aparición das compañías de aviación de baixo custo e fai que a mobilidade sexa hoxe distinta e máis fácil. Mais a emigración trae rupturas e desequilibrios.

Por outro lado, cando unha actividade perde a súa función ou desaparece optamos por considerala patrimonio. Un dos usos que se lle dá ao patrimonio é o de ofrecelo como recurso turístico. Unimos así dous elementos importantes no día de hoxe: turismo e patrimonio.

Veñen estas reflexións sobre un libro recente, da autoría de Xan Fernández Carrera e publicado pola Deputación da Coruña, que fala da pesca en Muxía. Léndoo un pode preguntarse si cunha actividade pesqueira en mínimos se pode falar de vila mariñeira. Ter un porto deportivo onde amarran embarcacións de recreo non é suficiente para sumar o adxectivo de mariñeira, en tal caso o de náutica. Porque o que caracteriza unha vida mariñeira é a actividade relacionada coa pesca e as relacións que esta actividade xerou ao longo do tempo. Hoxe a actividade pesqueira en Muxía está reducida a mínimos e xa non é tan determinante na vida social nin na imaxe da vila como o foi hai uns anos. Non hai relevo e non hai continuidade. O congro xa non se seca nas cabrias e pérdese un coñecemento ancestral, un vocabulario específico, como se perde unha imaxe identificativa, tamén turística. Os percebeiros e percebeiras reducíronse á metade desde o Prestige. A lonxa está baixo mínimos e non se ve peixe. A solución e o futuro: o turismo?

Mais, pode o turismo neste caso substituír á pesca e frear o despoboamento? Porque a vila mariñeira perde poboación –un 20% nas dúas décadas deste século XXI– e ao perder poboación hai unha desvitalización social, hai éxodo xuvenil que rompe o relevo xeracional e trae a desmotivación social. A comunidade perde vitalidade colectiva.

Volvendo a Marc Augé, podemos dicir que sen actividade produtiva hai unha degradación derivada da inestabilidade económica, social e xeográfica que leva á universalización do baleiro, ao territorio sen recordos e volvo, como noutras ocasións, a Gonçalo M. Tavares, quen ten escrito que "não se caminha com os pés para o paraíso, caminha-se com  memória". E sen memoria non hai futuro por moito turista que chegue.

Comentarios