Opinión

Ribeira Sacra, tempo de agarda e reflexión

Comezo cunha anécdota. Hai uns anos tocoume organizar unha das xeiras que, de vez en cando, facemos (facíamos) os socios e socias do Museo do Pobo Galego polo país adiante. Desta vez era polas terras da coñecida como Ribeira Sacra. Ao remate do día, e xa no autobús de regreso a Compostela despois dunha cata de cervexa Chacueca, lembro que lles dixen aos compañeiros e compañeiras algo así: “Marchamos, non fomos nin no catamarán nin a ningún miradoiro, tampouco vimos socalcos, aínda así non nos chegou o día. Viñemos á Ribeira Sacra e non cumprimos cos tópicos que hoxe a identifican”.

A Ribeira Sacra é máis que un paseo en catamarán ou subir a un miradoiro, que tamén paga a pena. Nós, desta vez, só nos movemos nun triángulo cos vértices en Proendos, Doade e Gundivós, abranguendo na súa área outros puntos, como Lobios, Amandi ou Bulso. Mais para gozar desta paisaxe cultural, como doutras, hai que ter información, coñecer o seu patrimonio, tamén aquel menos espectacular. Nós contábamos cunha persoa preocupada pola memoria e patrimonio ribeirá, especialmente do chamado inmaterial, como é Afonso Blanco. Non queríamos unha excursión, senón unha incursión.

Esta anécdota váleme para comentar, brevemente, sobre o aprazamento que a candidatura da Ribeira Sacra tivo para ser incluída na lista de Patrimonio Mundial da Unesco, anunciado o pasado 3 de xuño.

Desde que en 2003 a Unesco oficializa na súa nomenclatura o patrimonio inmaterial, medraron as declaracións e fálase dunha hiperinflación ou burbulla patrimonial. As declaracións da Unesco poden axudar á salvagarda do patrimonio, mais o que si é seguro é que contribúe á declaración dunha marca e signo de distinción para poñer nun mercado global ansioso de autenticidade. Na Ribeira Sacra había expectativas, mais seguro que tamén algún receo, senón totalmente á declaración, si ao proceso e consecuencias. As decisións da Unesco teñen efectos locais. Na Ribeira Sara preocupa o despoboamento e abandono que se traduce nunha alteración da paisaxe, poderíamos dicir que sen xente nos lugares (a lista de aldeas abandonadas medra: A Armada, Os Vázquez, Tabouzos, Momelle, ... e de lugares onde queda só unha persoa ou dúas e que pronto quedarán baleiros), e cunha viticultura en mans de empresas industriais, a paisaxe aféase.

Estas declaracións da Unesco veñen acompañadas de fastos e loanzas, mais tamén de críticas por focalizar os intereses en só atraer turistas e esquecer os da xente local. Exprésano ben dúas colegas antropólogas nun artigo sobre a declaración do tango ao recoller a expresión dun músico: ”Carajo, para algo que era noso, agora é de toda a humanidade”.

O que está en xogo aquí son visións distintas sobre o patrimonio: unha visión fetichista e espectaculizadora que entende o patrimonio como reclamo e mercadoría e, outra, que enténdeo en relación á memoria e as identidades, isto nunha configuración do paradigma que nos leva dun patrimonio “nacional” a outro “mundial”, froito do avance da globalización e do neocapitalismo, é dicir, saltando dos intereses da nación aos do mercado. Así, fálase de patrimonio neoliberal, aquel que se activa para inserirse nas redes dos mercados transnacionais.

O patrimonio sempre foi e será un campo de conflito, porque por medio del configuramos o presente dando sentido ao pasado. No contexto actual dunha economía mundial o patrimonio é utilizado como elemento de dominación e control por uns, e como algo que se pode usar contra esa dominación por outros. O choque está servido. Agora hai un tempo para mirar cara a dentro e darlle voz á xente e axentes locais. Reflexionar, por exemplo sobre se os parques eólicos non está cumprindo un papel semellante de destrución da paisaxe e das memorias aos dos encoros da época franquista, algo que está na parálise da candidatura; tamén sobre o abandono e o despoboamento. Sería interesante darlle a volta aos versos do poeta e filósofo, asentado na Ribeira, cando di: “Non está ninguén facendo o caldo / non está a cheminea fumegando”.

Comentarios