Opinión

Plácido Castro, o pai de Plácido Castro

Moitos somos agora coñecedores da figura de Plácido Castro, do seu labor político e intelectual: fundador do Partido Galeguista, da súa intervención no IX Congreso de Nacionalidades Europeas onde se dixo que Galiza era unha nación, dos seus programas en galego na BBC británica, da súa faceta como tradutor, etc. Todo isto llo debemos en moi boa medida ao traballo da fundación que leva o seu nome e da súa filla Susi. Esta recuperación comezou en 1997 cando Xulio Ríos publicou a primeira achega bibliográfica. Até entón era un personaxe para moitos descoñecido, mais o traballo dos citados trouxeron ao presente a unha das figuras máis significativas do galeguismo histórico. E no esquecemento está Plácido Castro Rivas, o pai de Plácido Ramón Castro del Río. 

A Guerra Civil e o exilio levaron a borrar unha parte da nosa memoria como sociedade. Figuras claves foron borradas e resitualas agora é unha tarefa complicada. Un recente traballo de Aquiles Garea sobre os depósitos flotantes de carbón na ría de Corcubión trae ao presente a figura de Plácido Castro Rivas, o pai do intelectual e político galeguista. Agás algúns artigos xornalísticos de Baldomero Cores e de Luís Lamela, pouco máis coñezo sobre este empresario fisterrán asentado en Corcubión até 1916.

En varias publicacións da Fundación Plácido Castro dise que a singularidade deste intelectual radica, entre outras, en que non era habitual no galeguismo a presenza de persoas procedentes dunha clase social moi acomodada. E aquí situamos a figura do acomodado pai, un personaxe clave no desenvolvemento económico da zona nos anos a cabalo entre os séculos XIX e XX e que mandou ao seu fillo, aínda neno, estudar a Glasgow. Empezou vendéndolle lagosta aos franceses e establecendo viveiros deste crustáceo en Donostia e Roscoff, na Bretaña. Despois estableceu unha empresa, pioneira naquel tempo, de depósitos flotantes de carbón na ría de Corcubión, desde os que abastecía deste mineral aos barcos a vapor que navegaban en altura por diante do cabo Fisterra, obrigándoos a ter a ría de Corcubión como punto de recalada. Mais para que os barcos entraran na ría a abastecerse de carbón para as súas caldeiras tiñan que ter sinalización dos perigos e marcas que os guiaran con seguridade. Así, el está na reivindicación e colocación da sinalización dos Carrumeiros ou do Sinal do Pindo ante a desidia do goberno español en facelo. O carbón procedía do País de Gales, algo que o levou a enfrontarse cos intereses das empresas mineiras asturianas ben defendidos desde Madrid. As viaxes até esta cidade eran frecuentes para facer entender ao “poder central”, como di no escrito de despedida de Corcubión, da importancia estratéxica destes depósitos. 

Empezou noutros negocios, desde os transportes aos bancarios pasando pola salga, pero a rivalidade coa familia Miñóns levouno a desistir nestas empresas. 

Entendendo que os intereses económicos había que defendelos desde varias frontes, tamén tivo unha curta actividade política, tanto a nivel local como provincial. Un fracaso nunhas eleccións lévano a ir apartándose de Corcubión, chegando a renunciar da localidade e censándose na de Cee, xa que era o propietario do castelo do Príncipe, na Ameixenda, un dos tres construídos a mediados do século XVIII para defender a ría e que el comprara en subasta en 1894. Pronto deixará tamén Cee por Donostia desfacéndose das súas propiedades na zona. Coa Guerra Civil, establécese en Niza, onde tiña casa, marchando co estalido da II Guerra Mundial ao Uruguai, onde falecerá en 1945.

Plácido Castro, pai, foi un empresario emprendedor e aberto ao Atlántico que, como logo o seu fillo noutros campos, buscaba a inserción internacional de Galicia. Entón os barcos entraban na ría a algo máis que guarnecerse cando hai temporal e nos peiraos había actividade. Daquela o mar era algo máis que un lugar de lecer para turistas e Corcubión unha vila con moita máis actividade económica que a que trouxo o franquismo e o posfranquismo. 

Comentarios