Opinión

O cruceiro de Cantorna, o de Vuiturón... Pola visibilidade social destes bens culturais

Un día a comezos do mes de xullo recibo unha chamada dun compañeiro de Cee. Fálame do cruceiro de Cantorna, dime que queren facer algo porque está no abandono, a maleza e os eucaliptos estano ocultando. É un dos mellores exemplares dese concello, que ten outros tamén de calidade, como o que está no vello cemiterio e orixinariamente estivo colocado na praza da vila até a II República; ou o da Ameixenda, como corresponde a unha terra de canteiros; tamén os de Toba, A Lagarteira ou A Pereiriña.

O de Cantorna, cunha ampla plataforma octogonal, pedestal con caveiras, varal estriado e cruz con imaxes en ambos lados, está no que era un cruce de camiños. Por estes camiños se desprazaba a xente que habitaba o territorio que cae cara á punta máis occidental do país, cara a Touriñán, para ir á “Vila”, porque Cee era o centro comercial, con feira e mercado, ao que moita xente do rural acudía, e acode, cada domingo a vender e comprar; tamén era un camiño sacramental, o último que facían os veciños e con parada obrigatoria diante do cruceiro. Mais os camiños non son agora andados e os fitos que os sinalaban quedaron no esquecemento, esquecemento fortalecido polo cambio dado na paisaxe, especialmente coa invasión dos eucaliptos que ocultan cruceiros ou mámoas, borrando marcas na paisaxe que eran referentes dunha memoria colectiva.

Cruzando o río Castro, e entrando no concello de Muxía, temos o cruceiro de Vuiturón, tamén un magnífico cruceiro barroco

O cruceiro de Cantorna non aparece nas normas subsidiarias do concello de Cee. Non existe, polo que non é obxecto de protección. 

Cruzando o río Castro, e entrando no concello de Muxía, temos o cruceiro de Vuiturón, tamén un magnífico cruceiro barroco, seguramente o máis artístico do concello de Muxía e un dos mellores da milenaria Terra de Nemancos, Terra nomeada nos versos do poeta clásico inglés John Milton. O cruceiro tamén estaba ao lado do vello camiño que comunicaba as vilas de Muxía e Cee e polo que ían, entre outras, as pescas co peixe, de aí o topónimo da zona como “O Campo das Pescas”, mais agora do campo non queda nada, todo desapareceu comesto polos eucaliptos. Na documentación feita para o Plan Xeral de Ordenación de Muxía aparece unha ficha co nome de “Cruceiro do Monte”, mais non hai ningunha referencia. O cruceiro non existe ou non o consideraron de interese, mais ben non o localizaron.

Un cruceiro é un ben patrimonial non só polos seus valores estéticos, senón tamén por convicción social

A finais de xullo aproveito para ir velos e o de Vuiturón, onde estivera hai seis anos, está case invisible. A maleza cubre o pedestal e gabea polo varal. A verticalidade dos eucaliptos case no deixa ver o cruceiro.

Ademais do valor artístico que un cruceiro poida ter, o importante é que serven como soportes da memoria, polo que son referentes significativos da nosa cultura. Encontros e desencontros, costumes, lendas, historias de vida, soporte de vivencias que xeraron identidades e axudaron a crear unha paisaxe ao carón do ser humano, un territorio habitable e unha memoria colectiva. O abandono do rural significa perda de vitalidade social, que se traduce en decaemento do uso duns referentes culturais e perda de coñecementos. Neste contexto, un cruceiro no medio das silvas e dos eucaliptos estanos a falar dunha paisaxe degradada e pasa a ser un elemento sen valor social. Unha paisaxe degradada tamén é un síntoma dunha degradación social.

Un cruceiro é un ben patrimonial non só polos seus valores estéticos, senón tamén por convicción social. Se está invisible non existe, non ten valor como referente social. Para ser patrimonio, é dicir, un ben ao servizo da sociedade ten que estar documentado e ser vivido por esta. Os cruceiros, como bens culturais, son documentos da nosa memoria e valen para escribir a nosa propia historia como pobo. Como di o poeta, nunca deberás esquecer esa memoria.

Comentarios