Opinión

Antonio Fraguas e a memoria da veciñanza de Cotobade

Cada 28 de decembro no Museo do Pobo Galego xuntámonos para lembrar a Antonio Fraguas, don Antonio, para nós, quen naceu nesa data na parroquia de Santiago de Loureiro, no lugar de Insuela. No día dos Santos Inocentes do ano que vén de rematar fomos ao seu Cotobade natal. Alí a Fundación que leva o seu nome presentou a homenaxe que este ano lle dedicamos: un libro que reúne diversos textos nos que a súa terra e os seus veciños e veciñas son os protagonistas. O libro leva por título Na lembranza dos veciños e nel hai vinte e tres traballos que estaban espallados por diversos medios, maioritariamente revistas académicas e actas de congresos. Aquí encontramos desde o seu segundo artigo publicado en Nós en 1931, a varios que nas décadas de 1940 a 1970 saíron en español en diferentes revistas, como a Revista de Guimarães ou Trabalhos de Antropologia e Etnologia, e que agora se verteron ao galego, até o último, en Grial, cando xa estaba collendo a última volta do camiño da vida.
Cotobade foi sempre un lugar de referencia para el, un lugar da súa memoria convertido tamén nunha fonte de datos para a súa obra etnográfica, a súa fonte principal de información, o seu principal "campo de traballo". O recordo das súas vivencias convértese en descrición do xeito de vida dunha xente, a súa xente, en relato etnográfico para contar unha realidade desde o respecto e o amor. Benquerenza que xera identidade. 

A etnografía é a descrición dunha cultura facendo uso do traballo de campo etnográfico. Fraguas, como os seus compañeiros de Nós, describía para facer visible unha cultura, a súa e do seu tempo, para coñecela, prestixiala e respectala. Así, Fraguas fálanos, por exemplo, do seu lugar, no que só había seis casas e todas coñecidas por nome de muller; do muíño e das horas que nel tiñan para moer; da presenza do lobo e da última corrida para obrigalo a caer no foxo, que rematou coa morte da persoa que solicitara facer a batida; das xuntanzas de socialización despois de rematar os traballos; dos cultivos que se daban, dos nomes das ferramentas que se usaban e dos labores que se daban, así como das crenzas e ditos ao respecto; dos xogos infantís; da igrexa parroquial, e sempre acompañando os textos con información expresada nas coplas. Mais tamén nos fala da estadía de Castelao en Cotobade un verán, o de 1926, para que o seu fillo enfermo respirara o aire puro da montaña, verán no que o rianxeiro "axiña foi un veciño máis" e non un simple veraneante, aproveitando o tempo para debuxar cruceiros e falar coa veciñanza, entre a que estaba Fraguas pai, quen lle contou a historia de Florentina, a rapaza que morrera de amor e cuxa historia, segundo Patricia Arias Chachero, inspirou o relato "A condesiña".

Hoxe en día dise que despois de décadas de resaltar os procesos da globalización, tales como desprazamentos ou migracións, os antropólogos e antropólogas volveron á problemática do lugar onde se dan claramente as contradicións das relacións de poder entre o global e o local. Mais aquí houbo quen sempre pensou que o mundo non é só global, senón que tamén continúa sendo local, onde o lugar non é irrelevante, aínda que ocupe unha posición de subordinación nas relacións de poder, como, por exemplo, mostra a actual invasión de parques eólicos que pechan todos os horizontes, onde o factor económico está por enriba das condicións ecolóxicas que definen como a natureza foi apropiada e utilizada para crear cultura. Neste sentido Fraguas fala de prácticas comunitarias que son contrarias ao individualismo liberal que trae desigualdade e deslocalización sen saír do local, unha deslocalización con perda de referentes simbólicos necesarios para asentarnos. Fala dunha economía compatible coa preservación do medio, algo que hoxe se reivindica desde a sociedade civil.

Grazas a Fraguas, e a xente como a de Nós, que pisaron a Terra, escoitaron os veciños, tomaron notas e xeraron coñecemento para valorizar a nosa maneira de ser e entender o mundo, déronse pasos para recompoñer a cosmovisión que podemos mostrar ás novas xeracións e seguir adiante, porque non é posible abrirse a outras realidades desde a ignorancia e indiferenza da propia. Velaí o valor da etnografía e do traballo dos clásicos. 

Comentarios