Opinión

As primeiras eleccións sen Feixoo e sen Baltar

Serán as primeiras eleccións, despois de moitos anos, sen Feixoo e sen Baltar. Está por ver se o cambio de líderes lle afecta, e en que medida, á veterana maquinaria do PP. No primeiro exame preelectoral, o dos pellets, a Xunta de Rueda desafinou bastante. Non mostrou axilidade, nin desexos de gobernar. Tampouco se percibe ilusión nas súas filas. A día de hoxe, case todo se reduce a unha ansiosa campaña de promesas. As últimas, unha axuda para que os novos quiten o carné de conducir e a entrega dunha tarxeta de xubilado que non ofrece aínda vantaxe ningunha. A dereita sempre entendeu as institucións democráticas como unha sociedade de mercado. E os períodos electorais como o momento das rebaixas.

Ourense, pola súa parte, será unha incógnita até o propio 18. Ourense é case unha nación dentro da nación. Desde fóra da provincia poucos son capaces de tomarlle o pulso.

Visto desde un plano xeral, pode dicirse que o PP, de Madrid a Santiago, anda co colesterol moi alto: ETA, amnistía, Puigdemont e a deslixitimación continuada do sistema do que forma parte. Mala perspectiva se é verdade o que di o CIS: que o 70% dos galegos, incluídos moitos dos que votan PP, queren que nestas eleccións se fale de Galiza.

Polo que se refire á alternativa, Ana Pontón é unha líder con experiencia e a máis nova dos candidatos, dúas condicións que rara vez se dan xuntas. E sabe comunicar en horizontal. O modelo podería ser o dos "cafés igualitarios" que os nacionalistas practican desde hai anos no concello do Rosal. Para o nacionalismo, unha das formas de compensar a presión externa podería ser ese diálogo en pequenos grupos.

Ao BNG, en todo caso, aínda lle falta percorrido. A súa implantación non é a dunha forza que se encontre a un paso da hexemonía. Os resultados das últimas municipais non foron malos, pero si insuficientes. Os das xerais mostraron, en enorme medida, a "diglosia" electoral galega. Voto en clave propia só para andar pola comunidade.

Pero hai contrastes positivos. Quintana, que segue a ser unha persoa lúcida, apuntaba o pasado día 14, en Infolibre, que o BNG "seguramente é moito máis compacto, moito máis clarificado e moito máis adulto que en 2005".

Se houbese que facer un resumo, poderíase afirmar que o PP neste momento, en Galiza, carece, quizais máis que nunca, dun proxecto e de ideas propias. A maiores da propaganda, nos medios públicos e nos concertados, o máis que fai é xestionar o día a día, coma a quinta deputación. 

Ana Pontón parece así acertar cando di que estamos ante un modelo esgotado, aínda que iso non significa necesariamente que o PP non poida repetir mandato. Hai motivos diversos para que unha sociedade non apoie, nun momento determinado, as solucións necesarias. Véxase a Arxentina que, antes que forzar a renegociación da súa débeda co FMI, preferiu abrazar o espectro de Milei.

Comentarios