Opinión

Normalización lingüística non significa independencia

O problema do galego é esencialmente un problema político. O seu retroceso non poderá ser freado en canto a Xunta estea presidida por un membro dunha forza estatal. Non pretende ser esta unha afirmación sectaria. A actitude contra o galego obedece creo a dúas razóns. A primeira é que a maioría dos representantes destes partidos consideran que o galego non é unha lingua útil. Feixoo teno confesado sen rubor en privado. 

O seu uso ritual e as medidas de protección basicamente inocuas que se veñen aplicando no que levamos de autonomía seguen a liña de non criar conflito pero tamén de non facer dispendios innecesarios por querer impedir unha desaparición que no fondo se ve imparábel e mesmo desexábel. Lonxe dunha prohibición –que unha minoría si pretende e que se levou a efecto no ensino das matemáticas–, o que se busca é unha morte moi doce, como di o título dunha novela de Beauvoir. É dicir, que o galego desapareza de modo “natural”. Neste contexto non hai problema en responderlle en galego a un vello nun hospital, nunha especie de emprego piadoso, por parte de quen se negaría a usalo en calquera outra circunstancia.

Consideran as direccións de ambos os partidos que apoiar na práctica o galego sería crearlle un caldo de cultivo ao nacionalismo

A segunda razón que teñen PSOE e PP para non frear a perda de usos do galego está no perigo nacionalista. Consideran as direccións de ambos os partidos que apoiar na práctica o galego sería crearlle un caldo de cultivo ao nacionalismo. Unha boa proba sería o caso de Cataluña onde, segundo eles, a inmersión lingüística é xustamente a causa do actual independentismo. Esta afirmación parece gozar de certa lóxica pero no fondo resulta moi discutíbel. Escocia persegue a independencia sen contar con lingua propia. Suíza non conta con movementos separatistas pero recoñece a presenza de catro idiomas perfectamente demarcados. 

En España, onde sobreviven varios dogmas que a clase política non parece capaz de superar, considérase que lingua, nación e estado constitúen unha tríada indisolúbel. Tal identificación é non obstante incorrecta e así se pode comprobar en diferentes países, como acabamos de dicir. Bolivia é un estado plurinacional con varias linguas. Os paraguaios coñecen e usan tanto o guaraní como o castelán, etc. 

Non obstante, os defensores do galego deberiamos ter en conta que as correntes que defenden a unidade e mesmo a uniformidade, en calquera ámbito, resultan sempre atractivas para boa parte da poboación. Como o equilibrio e o contraste na arte, a unidade e a diversidade son tamén tendencias en permanente tensión, case se pode dicir que se necesitan. A unidade, en fin, seduce: así somos máis, así é máis doado entenderse etc. Polo tanto é este un argumento que se debe ter en conta sempre. 

Creo con todo que o dilema ten solución. Hoxe en día é posíbel xeneralizar o coñecemento de varios idiomas. No caso do galego e do castelán resulta evidente, tanto desde o punto de vista persoal como tecnolóxico. Por outra parte, ningún independentista busca a ignorancia do español, como si pretende en cambio e de forma manifesta algún defensor do castelán, neste caso respecto do galego. De feito, os datos de Cataluña indican que os alumnos que teñen o catalán como lingua vehicular non se encontran nin moito menos entre os que peor dominan o español de entre todas as comunidades. 

Nngún independentista busca a ignorancia do español, como si pretende en cambio e de forma manifesta algún defensor do castelán

Por outra parte, non se explica como unha persoa que viva en Galiza, por moito que usase o galego e que o recibise na escola, podería ignorar unha lingua tan instalada como o español. Sería como pensar que a desembocadura do Miño no océano pon en risco a salinidade do Atlántico.

E unha derradeira cuestión. Creo que cumpriría reivindicar especificamente o orgullo e o uso público do galego por parte das ducias de miles de galegos criados no campo que hoxe habitan as cidades e que só falan galego en privado. Paréceme un caso claro de discriminación encuberta, asumida certamente polos propios afectados, como tantas outras discriminacións. Por que non alentar tamén esa saída masiva do armario? 

Comentarios