Opinión

O balance de Vence

O abrazo de Ana Pontón e Xavier Vence, na última asemblea do BNG, axuda a modular un pouco o ton do que vén sendo ultimamente o nacionalismo. 

Entre a estridencia e o don da inoportunidade que ás veces mostra Aymerich, unha persoa por outra parte intelixente e honesta, e a maleducación dalgúns membros da UPG, o abrazo de Pontón e Vence parece máis que necesario neste momento. 

Un inciso: a UPG sempre tivo dúas almas, non diferenciadas pola súa ideoloxía senón polas súas maneiras: unha sedutora e de poucas palabras e outra algo máis verbosa e moi dada ao reproche. Con esta última, non só debe ser difícil convivir e chegar a acordos, senón ás veces incluso tomar un café. Os que forman parte desta segunda UPG non parecen ser conscientes dos innecesarios danos políticos que causan. 

Nin a UPG mostrou moita vontade de consenso, nin Vence buscou exercer ese liderado necesario

Volvendo a Xavier Vence, debo dicir que coincido con el en boa parte das súas ideas e comprendo a súa proposta, realizada que eu saiba só pouco antes da asemblea, de eliminar dobres militancias. Debe ser moi molesto e frustrante ser un portavoz ao que lle chegan todas as iniciativas cociñadas e inamovíbeis. Pero, cal é a solución? Converter o BNG en partido? Dentro dos partidos acostuma a haber tamén tendencias ben organizadas ou, o que é peor, cenáculos de militantes con influencia. De modo, que non creo que iso eliminase necesariamente os problemas cos que se pode encontrar un portavoz (e, se non, que lle pregunten a Pedro Sánchez). O problema creo que radica, máis ben, na vontade de consenso deses partidos ou tendencias que hai no interior e na capacidade do portavoz para liderar a organización con ideas e un impulso propio. 

Hai que dicir algo máis sobre o frontismo. Eu sigo estando a favor del

Neste caso, creo que faltou algo das dúas cousas. Nin a UPG mostrou moita vontade de consenso, nin Vence buscou exercer ese liderado necesario. 

Hai que dicir algo máis sobre o frontismo. Eu sigo estando a favor del. Ten a súa orixe na necesidade de que todos os sectores interesados de Galiza, un país pequeno e de feble conciencia nacional, se articulen a través dunha organización interclasista. Interclasista até certo punto, digamos, pois nunca o cen por cen da sociedade podería apoiar un proceso de autodeterminación. Pero, aquí si que ten razón Aymerich: o BNG, a efectos de trazar a liña política, pouco máis é hoxe que a UPG e o MGS. É dicir, que o problema non é que o BNG sexa unha fronte, senón o contrario, que neste momento é un partido comunista con simpatizantes.

O outro asunto que xerou debate, e no que Vence mostrou tamén a súa discrepancia co finalmente aprobado, foi o da relación coas Mareas. Desde logo, non son inxenuo nin inocente, como diría Francisco Rodríguez. Ademais, e a este respecto, cada vez hai menos persoas inxenuas e inocentes. Que lle pregunten incluso a Anova, que ultimamente se sinte con pouco papel alí dentro.

Persoalmente, até agora pensaba que sería bo establecer algún tipo de diálogo, sobre todo a fin de que a sociedade puidese visualizar mellor as semellanzas ou diferencias e sobre todo as actitudes de cada parte. O que ocorre é que o tempo corre moi rápido e o que hai tres meses podía ser útil hoxe pode xa ser simplemente confuso.

Como colofón, direi que Vence tivo a valentía de aceptar o seu cargo nun momento moi complicado e déixao cunha actitude leal e aberta. Se é verdade que no BNG cabe todo o mundo, el debería seguir estando aí e non nun papel secundario. Ten intelixencia e capacidade para elaborar consensos, dentro e tamén no exterior do BNG. E ese é un dos camiños a seguir. 

Comentarios