Opinión

Aínda que non o pareza polos resultados, o PP é unha anomalía

Os impoñentes resultados do PP nas autonómicas (mesmo en 2005, cando perdeu Fraga, logrou 45,03% dos votos) non se corresponden coas súas prestacións á hora de gobernar. Mírese por onde se mire, a da Xunta non é máis que unha maquinaria politicamente inane. O PP é un partido okupa, con trazos burocráticos bismarckianos. Se Galiza constitúe hoxe algo máis que unha "república eucalipteira", como a definiu no seu día Gustavo Luca de Tena, é pola iniciativa da súa propia sociedade e contra toda expectativa ou pulo exterior (aí temos hoxe ese eixo atlántico ferroviario que Lisboa promove e Madrid boicotea). 

O PP non gobernou nunca en Galiza, nin ben nin regular, limitouse a designar cargos e aprobar decretos en beneficio dos seus amigos (remember Del Álamo, conselleiro de medio ambiente con Fraga e despois directivo de Ence). E, de paso, fíxolle ao Estado profundo o servizo de evitar que outros gobernasen, talvez ese terceiro nacionalismo que estes días provoca insomnio na Castellana. 

Aínda que, ben pensado, de cando en vez o PP fai algo máis: atacar os intereses dos seus propios votantes. Velaquí o máis extraordinario. Rafa Cuíña escribía hai poucos días, na rede social X: "Vir falar de imposición do galego en Lalín, onde o 80% dos votantes do PP son galegofalantes, é curioso". Botar abaixo o plan eólico de Fernando Branco no bipartito, como fixo Feixoo, un plan que beneficiaba a comunidades e empresas do país e non só ás eléctricas foráneas, como fai o actual, é outro exemplo.

Que isto veña ocorrendo desde hai tantos anos débese, por un lado, á foraneidade dos socialistas, desvencellados de Galiza desde que o PSG de Beiras rexeitou a entrada no PSOE de Felipe González, e, por outro, ao profundo corte do galeguismo coa xeración da República, que o obrigou a constituírse ex novo, a diferenza de vascos e cataláns. 

Desde ambas alternativas se deixou o campo relativamente libre para que un novo caciquismo e finalmente un novo consenso conservador se asentasen por toda a nosa xeografía. Non estaba escrito que tivese que ser así, pero sucedeu.

Felipe González sentiuse cómodo con Fraga aquí e o nacionalismo tivo que inventalo todo, descubrilo todo e adquirir pericia política nun terreo xa francamente adverso.

Como é obvio, o PP non poderá vivir sempre desas rendas. A súa porcentaxe de voto tenderá a baixar indefectibelmente, aínda que quizais non tanto como o PRI mexicano que hoxe é un partido menor.

Máis alá de partidismos, Galiza necesita hoxe modernizarse, necesita un goberno activo, moi activo, necesita proxectos propios e unha certa planificación. E necesita facer todo iso desde unha mirada específica, aínda que dentro do contexto moi poderoso e influínte no que se move. Iso sucederá, mellor antes que tarde, pero a historia, en todo caso, nin se detén nin volve atrás.

Comentarios