Opinión

Soaron os sinos para chamar contra os foros

Palmira, unha muller de cento catro anos que vive en Paramos, sentiu aquel día de 1922, con doce anos, un grito tremendo que saía como da terra: Mataron unha muller preñada, mataron unha muller preñada...!

Palmira, unha muller de cento catro anos que vive en Paramos, sentiu aquel día de 1922, con doce anos, un grito tremendo que saía como da terra: Mataron unha muller preñada, mataron unha muller preñada...!

Aínda hoxe, case que todos os días, sente aquel berro de dor e de indignación...E recorda como os sinos tocaron aquel día a fogo. Ao día seguinte fixérono a morte.

"Aínda hoxe, case que todos os días, sente aquel berro de dor e de indignación...E recorda como os sinos tocaron aquel día a fogo. Ao día seguinte fixérono a morte".

A Palmira dedícolle este escrito.

Sancho Panza dicíalle a Don Quixote que a diferenza entre ricos e pobres estaba no comer. En ter ou non ter que comer.

A humanidade está chea de grandes fames. E de homes e mulleres que pasaron fame moitas veces por culpa doutros homes e doutras mulleres.

A historia dos nosos devanceiros é unha historia de imposicións, pola forza, de fames, de negación de igualdades, de inxustizas, de miseria moral e física…

Pero tamén é unha historia de loitas para conquistar o poder comer, o poder vivir libre, o poder amar... É de loita por conseguirmos a igualdade entre todos os homes e mulleres.

Nesa loita aínda andamos.

Aquí neste lugar, dous homes e unha muller, ou unha muller e dous homes, venceron.

Cándida, Xoaquín e Venancio morreron pero venceron. Morreron e venceron porque non esperaron un redentor que lles dera o ceo, ou a felicidade na vida eterna. Quixeron a felicidade e poder comer aquí, neste planeta. Foron redentores aquí, nesta terra, neste anaquiño de terra, onde se botaron as primeiras sementes para conseguir a redención dos foros. Aquí iniciouse o remate daquel xeito histórico de explotación. 

Porque pouco despois do seu asasinato, nas aldeas da contorna, cantouse:

Xa se acabaron os foros, chitó, chitó, chitó.

Chitó era o nome, ou o alcume, dun que cobraba foros en Randufe.

E aquí estamos a recordar nós hoxe aos redentores, a sentilos e a querelos. Agradecidos.

No sei se alguén recorda a Chitó de Randufe. Del, penso, que só fica a canción. Pero que ninguén se engane, os que cobraban os foros seguen amañando as vidas dos demais. Doutro xeito, pero… cambian leis electorais. Suprimen xustizas gratuítas, sanidade pública, educación...

Estamos vivindo nun momento, en que os amigos dos foros e das inxustizas de entón e de agora, tratan de dicir que todos somos iguais. Pero aquí, agora mesmo, Cándida, Xoaquín e Venancio están dicindo que non. Están dicindo que hai xente que cobra foros e xente que paga foros. Están dicindo que non somos iguais nin nos pensamentos nin nas obras.

Están dicindo...

Que hai estafados coas preferentes e estafadores coas preferentes.

Que hai quen gaña nos recortes e quen perde.

"Foron redentores aquí, nesta terra, neste anaquiño de terra, onde se botaron as primeiras sementes para conseguir a redención dos foros. Aquí iniciouse o remate daquel xeito histórico de explotación". 

Que hai sentenzas xudiciais como a do Prestige e xuíces expulsados da carreira por ser xustos, como Garzón.

Que hai donas Cristinas intocables pola xustiza, pero segue habendo Pepas e Carmelas da Fonte (mendigas da miña aldea, de Ribadelouro, na miña infancia) que ademais de no ter que comer, algunhas, moitas, teñen fame de xustiza. Gallardón está deixándonos sen xustiza. 

Que hai xente que quere superar situacións de inxustizas permanentes e hai outra xente que quere, se cadra, máis inxustizas.

Hai que berrar.

(E demostrar con feitos. Temos que ser tremendamente esixentes cos que pensan coma nós cando nos representan),

Hai que berrar, repito, que non somos iguais, que nin nós, nin os que aquí morreron, nin os que estaban aquí aquel ano, nin os que estamos hoxe a recordalos, a reverencialos, temos un mínimo de parecido cos cobradores de foros, cos “negadores” de liberdades, cos “recortadores” de dereitos conquistados.

Nin temos nada en común cos defensores de que siga habendo unha sociedade onde se dea a explotación do home polo home. Nin temos nada en común cunha sociedade onde o mercado non teña medidas sociais que a fagan un pouco menos inxusta.

Nós e os nosos, as nosas, quen conmemoramos aquí hoxe, somos todo o contrario. Somos defensores dos dereitos que os nosos, as nosas, quen estiveron aquí naquel día e outros moitos e moitas no mundo (tamén morrendo ás veces), conquistaron.

Porque nós, quen estabamos contra os foros, estamos hoxe contra as inxustizas. Inxustizas dos que din que todos somos iguais e aplauden os seus tribunais que bendicen o que eles queren que se bendiga.

Por exemplo, cando estes tribunais ditan sentenza pola maior contaminación que se provocou nesta terra nosa e case no mundo, e sentencian… sentencian que ninguén tivo culpa de nada. Eles que son os culpables do rumbo errático do Prestige tamén son os culpables desa sentenza inxusta, porque, aparece nitidamente claro, que tamén os tribunais están ao seu servizo.

"Eles que son os culpables do rumbo errático do Prestige tamén son os culpables desa sentenza inxusta, porque, aparece nitidamente claro, que tamén os tribunais están ao seu servizo".

Eles son uns hipócritas que se acochan detrás das leis cando lles interesa e nós non. Eles aseméllanse entre eles. Nós non podemos nin debemos nunca ser parecidos a eles.

Eles son un barco cheo de negruras que verte miseria. Nós non. Eles son o Prestige soltando merda. Nós somos os de NUNCA MÁIS. Eles son un mar de chapapote, nós somos e queremos océanos limpos para que a vida non desapareza do planeta Terra.

Eles son herdeiros políticos dos que gobernaban cando se asasinou neste lugar. Eles son os inspiradores da guerra de África, onde os nosos morreron e Franco aprendeulles aos mouros, que despois trouxo aquí, a matar sen piedade alí e aquí.

Eles son herdeiros políticos dos que mandaban sicarios a matar nos amenceres de Caldelas, Paramos, Tui, Guillarei, Tebra, Confurco... Nós somos herdeiros de Cándida, Xoaquín e Venancio. De Gumersindo do Rollo, do Ferreiro de Caldelas, dos Francés do Porriño, dos Puente de Caldelas, dos Chasco e dos Cibeira de Guillarei, de Guinde de Áreas, de Serafín Fernández e seu fillo Julio de Tui, de Felipe Muñoz de Arenas de San Pedro (asasinado en Tui), de todos e todas que morreron por defender o goberno legal e lexitimamente constituído aquí e por querer mellorar o mundo en todo o mundo.

Nós somos herdeiros dos fusilados na volta da Moura, aquí tan pretiño. Eles…

Eles, mentres non condenen aquel holocausto e non queiran enterrar dignamente aos mortos, son herdeiros dos que mataban, dos que mandaban matar, do fascismo español, dos nazis alemáns, dos salazaristas e dos de Mussolini. Máis preto no tempo, son os amigos dos asasinos dos avogados laboralistas de Atocha. E dos de Yolanda Ruíz e dos de Lasa e Zabala...

Vítimas do terrorismo e dos que hoxe ninguén fala. Pero os asasinos hai moito tempo que andan ceibes e ben vivindo polo mundo. Incluso traballando, como Hellín o asasino de Yolanda, para a Guarda Civil e os xulgados.

"Non debemos permitir nunca que digan que todos os políticos son iguais porque nós, que tamén somos políticos como os que repiten ese dito, nós, repito, non temos nada a ver nin co dito nin con quen o inventa".

Porque o mesmo que din eles dos presos de ETA, de que non se arrepentiron, nin pediron perdón, pódeselle dicir a eles… Pois tampouco pediron perdón nin parece que se arrepentisen e agora mesmo non queren entregar á xustiza a torturadores franquistas, que defenden como propios. E se os defenden como propios é porque os consideran deles. E ata a ONU esixe respostas que eles non dan.

E non só os defenden senón que cando lles peta, sacan os seus símbolos para veneralos. Provocando se é preciso a todos os demócratas. Como fixeron estes días no club náutico de Vigo co escudo fascista do pito. Máis ben EL POLLO?.

Porque eles, os militares fascistas, a Igrexa Católica, os monárquicos da CEDA e de renovación española de José Calvo Sotelo, os falanxistas, todos xuntos máis a tolerancia hipócrita e interesada de moitos, montaron e fixeron o holocausto español. E entre todos, despois de matar, torturar, perseguir e difamar, tivéronos secuestrados, de corpo, alma e pensamento, máis de corenta anos.

Ao mellor o holocausto empezou aquí, neste lugar…neste anaquiño de terra.

Temos que recordar que este monumento foi destruído polo o fascismo español. E destruírono porque era noso e en honra de quen pensaban coma nós. Na honra de quen morreron porque non querían pagar foros e querían espantar a fame.

Non debemos permitir nunca que digan que todos os políticos son iguais porque nós, que tamén somos políticos como os que repiten ese dito (cando lles interesa e nunha posición política repugnante), nós, repito, non temos nada a ver nin co dito nin con quen o inventa. Porque eses, esas, que din que todos somos iguais, fano para seguir eles mandando. Para seguir defendendo os seus intereses de clase. Os intereses dos foreiros de agora: os Rato, Botín… e toda a oligarquía financeira que hoxe manda no mundo.

Eu hoxe espero ter sido incorrecto con algúns. Porque despois da sentenza do tribunal superior de xustiza de Galicia sobre a catástrofe do Prestige, non é tempo de correccións hipócritas. E o que dixeron Veiga (senador por Pontevedra do PP), Aznar sacando peito da súa miseria e Louzán, cualificando a sentenza de modélica, fai que sexa tempo de volver gritar:

¡Nunca máis!

Saúde, amigos, amigas . Honra os mártires de Sobredo! Honra a todos os homes e a todas as  mulleres que morreron por defender a liberdade, a igualdade e a fraternidade. E quen loitou contra a inxustiza en todo o mundo.

Neste anaquiño de Terra esta unha mostra, na Terra e no aire que nos envolve.

(Discurso pronunciado na homanaxe aos Mártires de Sobredo, no aniversario da masacre)


 

Comentarios