Opinión

Biografías secuestradas (IV): Severiano Martínez Anido

Nado en Ferrol o 25 de maio de 1862, ingresa na Academia Militar General en 1880. Participa como alférez de infantería nas campañas de Filipinas e Marrocos e ascende a coronel en 1909. Axudante persoal do rei Alfonso XIII en 1911, tamén exerceu como director da Academia de Infantería de Toledo de 1912 a 1914. Gobernador militar de Barcelona en 1919 e despois gobernador civil de 1920 a 1922, foi un dos impulsores das bandas armadas de pistoleiros e destacou pola represión policial contra as organizacións obreiras, especialmente a CNT. Facilitou a organización do Sindicato Libre, que provocou o asasinato de centos de obreiros, e aplicou a "Lei de fugas". O historiador británico Hugh Thomas sinalaba sobre a súa actuación nesta etapa: "Se hizo famoso por su crueldad, un tipo de represión que no se había visto en España en varias generaciones. Apoyó a los Sindicatos libres, que parecían cada vez más una unión patronal de rompehuelgas".

Relevado como gobernador civil de Barcelona en outubro de 1922, é destinado a Melilla como comandante militar. Desde alí apoiou o golpe do xeneral Miguel Primo de Rivera, ocupando distintas responsabilidades: subsecretario do ministerio da Gobernación, habilitado coa capacidade do ministro; delegado do Directorio Militar e encargado da Xunta Central de Abastos en 1924; ministro da Gobernación en 1925, ocupando tamén a vicepresidencia do goberno. Sae do goberno en xaneiro de 1930 coa caída de Primo de Rivera. O goberno da II República expulsouno do Exército e marchou exiliado a Francia, pero en 1935, despois de trunfo electoral en 1933 da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), José María Gil Robles, ministro da Guerra, recoñece os seus dereitos como militar na reserva co rango de tenente xeneral, que perde, novamente, en marzo de 1936 co trunfo do Fronte Popular.

"Se hizo famoso por su crueldad, un tipo de represión que no se había visto en España en varias generaciones", sinalou Hugh Thomas

Cando se inicia o levantamento militar e fascista o 18 de xullo de 1936 regresa a España, apoiando o exército sublevado. Foi nomeado presidente do Patronato Nacional Antituberculoso e xefe dos Servizos de Seguridade Interior, Orde Pública e Fronteiras en 1937, dependente directamente de Francisco Franco. Ministro de Orde Pública no goberno de Franco en febreiro de 1938 (segundo Hugh Tomas, foi nomeado "con el fin de sembrar el pánico entre los republicanos"), organizando a represión policial nas zonas controladas polo goberno de Franco. Como ministro estableceu as primeiras relacións coa Alemaña nazi para a formación da policía política española, que desembocaría en 1942 na creación da Brigada de Investigación Social (a temida Brigada Político Social do franquismo). Asinou un acordo con Himmler, xefe das SS, para a extradición mutua de "delincuentes políticos". Morreu en Valladolid o 24 de decembro de 1938.

Ramiro Martínez-Anido Baldrich, fillo de Severiano, entraba na corporación municipal da Coruña o 29 de abril de 1943, presidida por José Pérez Ardá. Roberto Martínez Anido, fillo de Ramiro, difundía a carta que enviou o seu avó a Franco o 28 de xuño de 1938 na que comunicaba a súa intención de dimitir a causa dos "excesos" dunha "cruenta" represión. Segundo Roberto, o seu pai, daquela alférez, salvou do fusilamento ao pai de Adolfo Suárez. (La Opinión, 6/4/2014).

No sumario instruído en 2008 polo xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón, Severiano Martínez Anido estaba na relación de 35 altos cargos do franquismo imputados polos presuntos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade.

A que espera o concello da Coruña para retirarlle o recoñecemento de Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da cidade?

Martínez Anido é Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da Coruña. Ten un retrato, vestido de militar, nun salón anexo á Alcaldía no palacio municipal de María Pita, xuntamente cos retratos dos golpistas José Calvo Sotelo, Mario Muslera e Miguel Primo de Rivera.

O concello de Caminomorisco de Cáceres, alcaldía do PSOE, retiraba en 2011 a rúa Martínez Anido. O Pleno de Barcelona de 25 de xaneiro de 2019 acordaba deixar sen efecto o acordo do Pleno de 1929 para solicitar ao Consello de Ministros a concesión da Gran Cruz de Beneficencias ao xeneral Martínez Anido. Na Estrada, a praza Martínez Anido pasou a chamarse praza do Mercado en 2006. A Deputación da Coruña xa retirou en 2019 un retrato de Severiano Martínez Anido, que estaba na 2ª planta do palacio provincial. A que espera o concello da Coruña?

Comentarios