Opinión

O soberanismo catalán na encrucillada

O resultado das eleccións en Cataluña foron gañadas polo españolismo, xa que as forzas soberanistas perderon a maioría, para alén dos bos resultados de Junts. Polo tanto as eleccións teñen unhas consecuencias negativas sobre o “proces”, e deberían poñer a debate a folla de ruta que o nacionalismo debe seguir no futuro, xa que se amosou trabucada, mediu erradamente a correlación de forzas e o estado de animo do momento. Así o amosa o retroceso de ERC e da CUP, mais sería un erro coidar que isto non afecta tamén a Junts, malia o aumento de deputados/as, máxime cando esta forza, como herdeira de Covergencia, desde a caída da ditadura e durante décadas sempre tivo un papel determinante nas institucións catalás, que agora tampouco ten garantido.

Que houbese unha abstención tan alta, semella que afectou especialmente ao soberanismo de esquerda e progresista. Sendo así, todo leva a pensar que parte do voto que perdeu ERC recolleuno o PSOE e en menor medida Junts ou ficou na casa. Lembremos que a abstención non sempre afecta aos mesmos partidos, e neste caso as razóns poderían ser tanto por criticas á acción de goberno como a manter unha postura de dialogo permanente co PSOE (na procura de dar unha saída mediante unha amnistía ás persoas afectadas pola represión). E sendo verdade que tamén se reivindicou no mesmo marco de negociación co PSOE poder decidir en referendo o futuro de Cataluña, na práctica o Goberno do EE pechou as portas a este tema.

O resultado das eleccións tanto no EE como en Cataluña deixan en evidencia que o contexto e a correlación de forzas neste intre non é favorábel ás reivindicacións a prol do dereito de autodeterminación, máxime coa oposición tan belixerante dunha dereita españolista fortalecida, e a postura da Unión Europa é a contraria (vexase o caso de Flandres en Bélxica). Agora ben, até que punto, que o conxunto do soberanismo mantivese como obxectivo principal nesta conxuntura o referendo de independencia, sen que se clarificase abondo como isto estaba ligado con outras reivindicacións importantes, puido ser un atranco? O debate terminouse polarizando no tema identitario, afastando a unha parte do electorado dunhas eleccións que, neste momento, semellaba que carecían dunha resposta inmediata a temas económicos, sociais e democráticos esenciais ... As eleccións ao Parlamento Europeo, aínda que teñen a súa propia dinamica, sen dúbida definiran con máis claridade o mapa político actual en Cataluña e o estado de animo dos/as electores.

No inmediato, dado o triunfo do PSC (con 42 dos 135 deputados/as), debese decidir en Cataluña: quen debe formar goberno ou se é necesario convocar novas eleccións. En principio o PSC só conta cos votos favorábeis de Comuns-Sumar, polo que necesitaría o apoio de ERC e/ou de Junts (abondaríalle coa abstención). Non é unha decisión doada de tomar para estas forzas nacionalistas, máxime cando a táctica, moi clara en Junts, é a de vender o máis caro posíbel o voto cunha visión a moi curto prazo da estratexia política, polo que o emotivo xoga un papel importante no seu relato (e unha sobrevaloración do seu poder institucional?...). Unha postura que semella lle dá réditos nunha época como a actual saturada de información, da personalización da política, onde a sobre actuación dá resultados electorais; outra cuestión é que constrúa organización, aumente a conciencia política, alente a mobilización e protagonismo da sociedade. Convocar unhas novas eleccións pode mudar algo en positivo o panorama institucional, mais tamén agudizar as tendencias no voto negativas para o independentismo expresadas o 12 de maio. Trátase dunha aposta arriscada, de facer política supeditada ao inmediato.

Non sería necesario que antes dunhas novas eleccións en Cataluña o soberanismo debata os erros, corrixa obxectivos e folla de ruta? ou sexa, que gañe tempo para fortalecer a súa auto-organización e o relato... Sen dúbida conta para esta recuperación cun activo importante como é a iniciativa e militancia, tal como amosou en todo momento durante as últimas décadas, mesmo baixo a represión franquista. E este non é un valor menor para conquistar a liberación nacional e social.

Comentarios