Opinión

Seica o PP dá folgos ao BNG. Perderon algúns o sentido da orientación?

Hai militantes nacionalistas que se senten desacougados, unhas vítimas, se non teñen sempre a razón, ou non existe con eles ou as súas “correntes” un trato especial que permita un “consenso” no que podan impoñerlle á maioría o fundamental da súa folla de ruta. Fago este comentario ao fío dos artigos de Xesús Veiga neste xornal e da súa intervención na asemblea do BNG, nos que valoraba que non sempre a maioría ten a razón. Fican no aire as seguintes preguntas. Quérese dicir que o sistema de unha persoa/un voto non vale? Que hai militantes que teñen un nivel distinto, ou sexa, que deberían existir uns militantes vip? E cales serían estes militantes de primeira? Os profesores de universidade e profesionais, ou os cadros sindicais e sociais? Se non é así, a que vén a teimosía na afirmación?

Chama a atención que faga referencia e este aspecto agora, e non durante o bipartito ou cando era deputado. Naquel intre, e anos antes, eramos outros, como o que asina este artigo, os que manifestabamos o noso desacordo coa imposición de posturas que coidabamos contradicían a liña fundacional e que non se consultaba e contaba coa militancia (seica pola dinámica das institucións). Claro que daquela, a xente aínda votaba como para manter unha ampla representación electoral, cada vez menor. E moitos, mesmo que non nos gustaran as decisións da maioría aceptabámolas, como as volvemos aceptar hoxe. Así funciona a democracia.

Na Asemblea da Coruña abriuse de novo unha fiestra de oportunidades, pode que parcialmente, mais é un espazo dende o que impulsar a recuperación da fronte

Daquelas poeiras veñen estes lameiros, xa que o metabolismo social ten os seus prazos específicos nas forzas do nacionalismo de esquerda. Só houbo un intre de respiro, a Asemblea de Amio. Durou pouco tempo. Deseguido, nova asemblea, bandazos e liña do medio; o tacticismo, o atallo, o consenso ou o camiño “menos malo” pola correlación de forzas “pactada” na cúpula, que agora reclama Veiga se manteña e afonde porque unha parte representaba a sabia minoría. Outros entendemos que a decisión da maioría é clara, e que na Asemblea da Coruña abriuse de novo unha fiestra de oportunidades, pode que parcialmente, mais é un espazo dende o que impulsar a recuperación da fronte. Non será cousa dun día, tampouco é algo doado, pódese fracasar, cómpre vencer moitas inercias, ideas e métodos de traballo trabucados. A rectificación é necesaria, para o BNG e para o país; debe ser constante. Axudemos nesta tarefa todos e todas, criticamente, porén construíndo. Por certo, as respostas de Ana Pontón, nunha entrevista no Correo Gallego esta fin de semana, son precisas e axeitadas. 

Coido que non é esta valoración a que fixeron da Asemblea (pola andaina que colleron) algúns nacionalistas que, aínda que afiliados/as ao BNG, só vén defectos na organización, e todo virtudes nas Mareas. Daquela que as críticas que realizan a esta última non son de folla de ruta e de proxecto senón secundarias, subxectivas e tácticas. Polo tanto, é lóxico que propoñan a confluencia, e vexan o BNG como unha organización sen futuro se mantén en todo momento un camiño e discurso propio. É estatutario que o fagan, mais non é correcto. Unha cuestión é ser crítico coa liña da organización, e outra moi distinta é facer propaganda doutra forza coa que se está en disputa polo espazo político, mesmo que nela haxa nacionalistas e sexa a máis próxima cando se trata de conseguir acordos nas institucións, na mobilización, etc. 

No proceso congresual houbo un significativo destaque dos medios sistémicos ás posturas alternativas ao relatorio oficial

No artigo ao que facía referencia, afirmábase (con retranca) que o PP galego iniciou unha campaña de arroupe ao BNG coa intención de rachar unha fronte común coa Marea que derrote a Núñez Feijóo nas eleccións galegas, aproveitando a “equivocada” decisión da asemblea. Confirmaríanse así as teses de X. Veiga e outros/as en poucos días. Porén, sendo verdade que houbo dúas mencións deste tipo, claramente intencionadas, o articulista esquece os ataques continuados nos últimos anos en beneficio de AGE e das Mareas, a demonización arreo do BNG, da UPG e do MGS. Por se non abondase, no proceso congresual houbo un significativo destaque dos medios sistémicos ás posturas alternativas ao relatorio oficial. Poderíase polo tanto afirmar que as súas eran propostas funcionais ao PP? Resulta evidente que non. Tampouco se pode ignorar a importancia que se lle deu nos xornais, o propio día do Congreso e posteriores, ao abandono de Aymerich e Quintana, e a indicar que asistiron menos militantes que en Amio, agochando que foron máis que na asemblea que elixiu a Vence en 2013, e que medrou o número de afiliados/as en máis de 500, por non falar dunha interpretación nesgada do encontro. Como norma, os medios sistémicos procuran dividir e enfraquecer o nacionalismo, porén non a todos por igual, xa que algúns representan un perigo estratéxico para as clases dominantes. Mais iso non significa que inventen as diverxencias, senón que acentúan uns feitos e agochan outros, destacan uns dirixentes e minguan outros/as, ou sexa: deforman a realidade para incidir, de acordo cos seus intereses, na formación da conciencia do povo. En calquera caso, as excepcións que comenta en relación co BNG confirmarían a regra xeral, como ben sabe Veiga.

O BNG ten nas Mareas unha alternativa próxima nalgúns obxectivos, especialmente Anova. Porén non se pode ignorar, ou agochar, que é un proxecto electoral en disputa, no que a hexemonía hoxe está en Podemos, como reflicte o feito da integración no seu grupo parlamentar. Como se resolverá esta contradición? O tempo dirá. Mais para que sexa en beneficio das clases populares, axuda non debilitar ou suprimir a única alternativa nacionalista que carece de dependencias. A única forza que ten unha teoría, mensaxe, e organización, que non está mediatizada por pactos e integracións orgánicas con forzas de ámbito estatal. De pouco vale o dereito a decidir, como teoría, se na práctica se escenifica que se vai ao rabo de partidos españois ou necesítase deles para case todos os temas de importancia. Así non se dá folgos á conciencia política nacionalista, nen ao poder popular. Esta eiva de fondo non se corrixe con algunha mención no Parlamento, ou rodas de prensa circunstanciais.

Non abonda con sermos nacionalistas para construír un proxecto liberador, unha fronte, e tampouco para formar unha alianza electoral

Non abonda con sermos nacionalistas para construír un proxecto liberador, unha fronte, e tampouco para formar unha alianza electoral. Existe a loita de clases no cotiá, contradicións de intereses moi fortes que dan lugar a obxectivos e folla de ruta diverxentes, a conflitos, mobilizacións. Tensións nas condicións laborais, tamén por mor do patriarcado, a desfeita dos ecosistemas, as privatizacións de servizos públicos, unha fiscalidade regresiva, o retroceso nos dereitos individuais, etc. Estas contradicións non son secundarias, senón unha das dúas pernas nas que se sustenta a liberación nacional e social de toda nación dependente, colonizada, como a nosa. Sociedades onde a explotación é mais intensa por mor da opresión nacional (como analizou Rui Mauro Marini), que se manifesta tamén na marxinación da cultura, lingua e historia propias (léase a Frantz Fanon e Albert Memmi). 

Neste contexto, para gañar eleccións, o número de militantes é secundario (agás nas municipais), aínda que a militancia é central para consolidar un proxecto rupturista. Así o reflicten os resultados electorais nas galegas, xerais e europeas, nas que AGE/En Marea acadaron máis votos que BNG/“NÓS-Candidatura Galega”,  malia o BNG ter unha militancia moito máis numerosa, e que Anova e Podemos sufriron múltiples escisións e conflitos internos. Cada proceso electoral ten dinámicas propias. Non son o mesmo as municipais que as xerais, e estas que as galegas, e a situación actual é moi volátil. Historicamente os resultados do BNG sempre foron moi distintos segundo o tipo de eleccións. En calquera caso, en todos os procesos, en maior ou menor medida, conta moito un discurso que reflicta os problemas e necesidades das clases populares, e que  transmita a forza precisa para conquistar os cambios que se propoñen.

Non se trata de pensar só na vindeira lexislatura, senón en como se garante que a dereita non volva ao poder dentro de catro anos

Sendo necesario que o PP perda as eleccións galegas, de pouco valerá se non está presente con toda claridade un proxecto nacionalista, que teña protagonismo propio, autónomo, sen necesidade do apoio interesado das forzas progresistas do estado que nos oprime (hai séculos). Estas ligazóns condicionan discursos e propostas, e xeran un determinada subxectividade social e política. Non se trata de pensar só na vindeira lexislatura, senón en como se garante que a dereita non volva ao poder dentro de catro anos, como se recobra a autoestima nacional, e o nacionalismo de esquerda se converte en forza hexemónica. E para iso é fundamental aprender do bo e do malo da etapa do bipartito, e dar respostas a un contexto no que a crise sistémica xa non ten saídas na reforma, nen sequera de forma transitoria (son necesarias cando menos algunhas medidas que cuestionen o capitalismo, que revertan a correlación de forzas en todos os eidos). Daquela, non se pode ignorar que, mesmo sendo Podemos unha das opcións estatais menos ligada aos intereses de estado, recrea como Syriza a socialdemocracia do primeiro felipismo, cuxa evolución coñecemos. 

Derrotar o PP semella garantido, un acordo co PSOE factíbel e o apoio do BNG non ha faltar. Daquela, que se pretende coa unidade en abstracto? Non será que se quere eliminar na Galiza toda alternativa propia que cuestione o sistema? Non existirá unha teima desmedida por acadar poder institucional, esquecendo os límites da xestión, cando non se conta co povo mobilizado, politizado e organizado, e cunha folla de ruta para rachar as regras de ferro do imperialismo? 

http://manuelmera.blogaliza.org/