Opinión

A reconstrución de Gaza

Sen dúbida é difícil poñer datas ao final da guerra entre Israel e Hamas, máxime cando a  confrontación pódese estender aos países limítrofes, e Netanyahu tampouco aclara cal é o final da súa folla de ruta. Só así se entenden as ofensivas militares e ameazas de invasión contra os grupos que atacan esporadicamente o norte de Israel desde o sur do Líbano e Altos do Golán en Siria. Ou a pasividade que amosou o governo de Netanyahu, malia a presión social, para abrir negociacións con Hamas respecto do resto dos reféns israelís, e que este tema pasase a primeiro plano na última semana. Todo fai pensar que se adían os tempos xogando con temas sentidos pola povoación israelí, mentres se manteñen como unha constante as accións devastadoras en Gaza e represivas en Cisxordania.

Todo amosa que, por maior que sexa a organización e a vontade do milicianos de Hamás e o apoio que teña esta organización político-militar do povo palestino, a súa derrota militar é cuestión de tempo. Agora ben esta confrontación non só se debe ligar ao inmenso número de mortos e feridos civís, senón tamén ao grao de destrución de edificios e infraestruturas da Franxa de Gaza, xa que cuestiona o seu futuro como lugar habitábel. Só sendo este oun dos obxectivos do Governo israelí ten lóxica a súa estratexia militar na Franxa de Gaza, xa que forzaría a emigración. Daquela que nen Israel, nen Estados Unidos e os países occidentais fixesen aínda ningunha proposta concreta para unha reconstrución da cidade, que resulta evidente que debe ser inmediata.

Segundo algún medio a reconstrución de Gaza custaría uns 50 mil millóns de dólares. Israel seica tería consultado a Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudí que estarían dispostos a asumir parte da factura, que ademais se contaría coas achegas doutros países de Europa occidental (quen realizaría as obras?... Quen decidiría e dirixiría os proxectos? Non deberían ter os palestinos un papel decisivo?...). Porén, en concreto, polo momento non hai iniciativas, propostas e proxectos. Non é pouco diñeiro, máxime cando o tempo empregado na reconstrución debe ser o mínimo, e ademais de vivendas hai que edificar empresas, hospitais, escolas, edificios administrativos, deportivos, etc. xa que o exército israelí, destruíu practicamente todos os centros que tiñan un carácter social, mesmo igrexas e mesquitas.

A reconstrución é parte principal da folla de ruta para cando remate o conflito, sexa mediante un acordo ou polo triunfo israelí. A mellor sería a primeira alternativa. Esperemos que non teñan razón  aquelas voces que acusan ao Governo israelí de querer desprazar a toda povoación, ou gran parte dela, fóra do territorio aproveitando que os bombardeos deixaron o lugar sen condicións de habitabilidade?... Polo tanto axudaría moito a despexar o futuro do povo palestino que se aclarase, por exemplo nunha reunión da ONU, cal é o plan de reconstrución, cal a responsabilidade neste aspecto de Israel, e cal o papel dos organismos internacionais, tanto no aporte como no proceso de execución. A aprobación dun proxecto de reconstrución axudaría a pechar interrogantes, como: evitar que se force á emigración a toda ou parte da povoación; se Gaza vai manter a súa autonomía;  e se Israel vai respectar o dereito dos palestinos sobre a reserva gasifera da Franxa de Gaza

Por último, teimar na necesidade de que as potencias occidentais poñan freo ao conflito, forzando a negociación, para terminar coa matanza de civís e a destrución da cidade de Gaza, antes de que non fiquen máis que escombros. Israel pode gañar este conflito no ámbito militar mais teno perdido no aspecto humanitario e político, na súa imaxe pública, daquela as numerosas manifestacións en todas as partes do mundo esixindo a paz, e o recoñecemento do Estado Palestino nos territorios que lle corresponden. Daquela que Estados Unidos seu principal valedor se vexa obrigado a pedirlle moderación polo día mentres lle entrega municións pola noite. Canta dobre moral, o capitalismo está na súa etapa senil... Non hai povos escollidos por Deus, e moito menos para dirixir o mundo,.. só teñen futuro os proxectos colectivos, que acepten a diversidade, que respecten as soberanías nacionais.

Comentarios