Opinión

En política hai sumas que restan

Hai quen fai sumas aritméticas sobre a incidencia política, considerando exclusivamente o cúmulo de siglas, ou de sectores afectados por cuestións moi diversas. Mais logo, a maior parte das veces, os resultados en organización, mobilización e votos, fican moi por debaixo das expectativas. Cando se trata da unidade de partidos, os motivos poden ser máis evidentes. Por exemplo, porque se pode diluír ou modificar a liña política, afastándose de parte ou da maioría do celeiro de simpatizantes e votantes, ou porque o conflito interno atranca tarefas e iniciativa. Mais, nalgunhas forzas con incidencia social e política os cativos resultados ou o retroceso pódense deber  esencialmente a outras razóns, máis ligadas a non ter en consideración como se forma a conciencia. 

Ante todo temos que partir dunha premisa: que os partidos e organizacións sociais que loitan contra o sistema deben confrontar acotío cos grandes medios de comunicación e outros poderes fácticos que posúen unha inmensa capacidade para incidir na formación da conciencia. Daquela, non son as mesmas, en calidade e cantidade, nen as formas, nen os tempos, nen a importancia da loita das ideas, da mobilización e da organización, para conquistar a liberación. As forzas sistémicas, tanto se representan as clases dominantes no seu conxunto, como unha fracción delas,  nadan a prol da corrente. Polo contrario, os cambios só son posíbeis confrontando, ou sexa: construíndo poder popular.

Debullemos o tema. Que unha forza estea presente en todos os conflitos laborais e sociais é necesario, mais iso non constrúe por si mesmo no imaxinario das clases populares a comprensión de que se trata do seu proxecto transformador. Primeiro, porque se sumamos todos as accións reivindicativas, non sendo as folgas xerais (e son as que son) reúnen a unha minoría dos/as afectados. Segundo, porque moitos dos que participan nestas accións (as de ámbito social) non teñen porque coincidir noutros aspectos que forman parte do ideario político do partido que teñamos en mente. Terceiro, porque outros partidos que, por exemplo, só queiran realizar retoques ao capitalismo, ou facer certas concesións ou recoñecementos na cuestión nacional galega ou de tipo social, tamén poden participar nestas accións. En poucas palabras, estar presentes nas loitas laborais e sociais é básico, mais non abonda.

Que unha forza estea presente en todos os conflitos laborais e sociais é necesario, mais iso non constrúe por si mesmo no imaxinario das clases populares a comprensión de que se trata do seu proxecto transformador

Polo tanto, a mensaxe é fundamental para fixar na sociedade a liña política dunha organización, xa que así se socializa para o conxunto, especialmente no discurso dos referentes nacionais e das análises dos medios de comunicación propios. Se a mensaxe xira sobre todo arredor do circunstancial e conxuntural, ou das reivindicacións xustas que afectan a fraccións reducidas da sociedade, nunca será ollada como propia dunha forza acaída para mudar a realidade, por máis axitación que realice e práctica correcta que desenvolva. Ante todo, porque aqueles/as que integran estas fraccións poden ter, como xa dixen, contradicións en temas que si atinxen directamente ao que afecta directamente ás maiorías sociais. Ou sexa, non se trata só de reivindicar dereitos colectivos e individuais xustos, senón ademais darlle a cada un o papel que lle corresponde para construír o cambio, en función do seu peso. Só así se poderá conectar coas clases populares e conquistar a liberación nacional e social. E as maiorías, por exemplo, a clase traballadora, pode ter pouca presenza nos medios e non estar constituída por intelectuais, mais iso non significa que non saiba distinguir entre o que é conxuntural e aquilo que para os referentes políticos é parte esencial, ou cando menos semella selo pola teimosía nestes aspectos do discurso. 

Daquela, que as contradicións, como a de clase e nacional, son fundamentais. A explotación e opresión da clase traballadora é central neste país e neste tempo histórico. Non só porque o 83% das persoas activas son asalariados/as (aos que debemos sumar os falsos autónomos/as), senón porque o grao de explotación aumentou a taxa de desemprego (polo medre da xornada laboral e intensidade do traballo), precarizou as condicións laborais, e empobreceu a unha boa parte daqueles que teñen emprego. Ademais, os baixos salarios e a precariedade non garanten as pensións futuras e mesmo xa non permiten manter as actuais. Falamos da maior parte das familias galegas, e dun problema que viven con anguria centos de miles de familias. Non chega con desenvolver a economía. Se non hai un reparto xusto do traballo e da riqueza producida, un maior produto concentrarase nas clases dominantes. E estas, neste país, son en boa medida foráneas e controlan as grandes empresas. 

As contradicións, como a de clase e nacional, son fundamentais. A explotación e opresión da clase traballadora é central neste país e neste tempo histórico

As contradicións, os atrancos e eivas das clases populares non se solucionan coa soberanía nacional se esta non ten un contido de clase, se non vai xunguida a cambios radicais no modelo económico e social. A soberanía nacional, aínda que fundamental para ás clases populares deste país, e esencial para avanzar no ámbito social, non será posíbel sen contar co apoio consciente e polo tanto participativo da maioría social. Existe unha interdependencia entre o nacional e a cuestión de clase, máxime nun mundo no que as clases dominantes (tamén a galega, totalmente integrada hai moito tempo na española) apostan pola economía de escala, pola lei da selva, pola globalización neoliberal (que centraliza e concentra). E esta interdependencia ten que se socializar con didáctica e argumentos na mensaxe política. Non abonda con ir ás concentracións e mobilizacións laborais e con facer preguntas e propostas nos parlamentos. A práctica revolucionaria é moito máis ca iso.

Cómpre deixar claro na praxe que Galiza é a súa xente, e que as condicións materiais de vida son tan importantes como a lingua, cultura e historia. Tamén entre estes factores existe un nexo indisolúbel, e nin unhas son patrimonio exclusivo dos sindicalistas, nin as outras das persoas do eido da cultura e da universidade. Non existen ámbitos estancos. Quen procure chegar á maioría, debe comezar por aquilo que a esta máis lle afecta, preocupa, e necesita solucionar de inmediato. Quen queira liberar a clase traballadora (e outras camadas populares), débelle ofrecer organización, obxectivos, folla de ruta, métodos de traballo axeitados, capacidade de lectura da realidade e o protagonismo que lle corresponde. Un comentario. O povo non necesita que lle preguntemos que hai que facer, espera que lle fagamos propostas, que lle deamos participación democrática. E polo tanto, termina opinando deste tipo de escenificacións, que os que as realizan non saben que facer, que non son quen de organizar e dirixir o cambio, ou que os tratan como nenos na escola. 

Cómpre deixar claro na praxe que Galiza é a súa xente, e que as condicións materiais de vida son tan importantes como a lingua, cultura e historia

Por último, cando se fan ben as cousas, un máis un poden ser tres. Preguntémonos porque tivo éxito ERGA ou o sindicalismo nacionalista. Preguntémonos cando se deron os maiores progresos do nacionalismo político. No bipartito ou na década dos noventa? Cal era daquela o peso da cuestión de clase e cal foi o avance da conciencia nacional?

http://manuelmera.blogaliza.org/