Opinión

OTAN: de entrada non

Hai agora 25 anos, o 14 de novembro de 1996, que o Congreso decidía a plena integración do Estado español na OTAN. Esta decisión contou co apoio de 293 deputados/as (PP, PSOE, PNV e CIU) 27 en contra (IU, BNG e Euskadi Alkartasuna) e 4 abstencións (Coalición Canaria). Governaba o PP presidido por Aznar. O Bloque Nacionalista Galego estaba representado no Parlamento polos deputados Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez. Deste xeito remataba o proceso de adhesión que propuxo Leopoldo Calvo Sotelo o 25 de febreiro de 1981, e que foi aprobado o 26 de outubro do mesmo ano polo Congreso, ou sexa, hai agora catro décadas. Naquela decisión inicial votaron a favor a UCD, Coalición Democrática, PNV e CIU, e en contra o PSOE, PCE, PSA. O ingreso faríase efectivo no ano 1982.

Hai que destacar o cambio de postura do PSOE. Este pasou da oposición manifestada na consigna de “OTAN de entrada non”, ao apoio máis absoluto

Entre ambas datas (1981-1996) hai que destacar o cambio de postura do PSOE. Este pasou da oposición manifestada na consigna de “OTAN de entrada non”, ao apoio máis absoluto, adobiado con algunhas condicións para convencer ao seu electorado. O PSOE gañou as eleccións de 1982 coa postura da oposición e a inclusión no programa de realización dun referendo para que a cidadanía decidise sobre o tema. Aínda no ano 1983 Felipe González afirmaba que faría campaña no referendo contra a integración na OTAN. Axiña vai mudar esta postura. Considerase que as principais razóns que influíron no cambio de actitude foron: a presión dos Estados Unidos e de varios países europeos; a incorporación de España á CEE; e a actitude favorábel das Forzas Armadas respecto de estreitar lazos OTAN nun intre no que (seica) estaba moi tensa a Guerra Fría.

Daquela que a consulta se adiase o máximo posíbel, e que se realizase case ao final da lexislatura, o 12 de marzo de 1986, en boa medida pola presión das forzas políticas e sociais que se opuñan a se sumar ao bloque militar dos Estados Unidos e outras potencias imperialistas. Os resultados foron, en porcentaxe, no Estado español un 56,85% a favor da integración e un 43,15% % en contra, o que reflicte a oposición social, e que a base do PSOE non asumira toda ela ese cambio de postura tan radical nun tema de tanta importancia estratéxica e ideolóxica. En Euskadi, Navarra, Cataluña e Canarias gañou o non, co 67,55%, 56,72% 53,72%%, e 53,69% respectivamente. Na Galiza houbo un 59,1% de votos a favor da OTAN e un 40,90% en contra, mais cómpre ter en conta que só participou o 38,51% do censo (no EE foi do 59,42%). Nas eleccións realizadas ese ano o PSOE obtería a maioría, mais perdeu 18 deputados/as, afianzase o liderado de Felipe González e a liña  comprometida co capitalismo e seu bloque hexemónico.

"O BNG presentou varias resolucións para votar no pleno insistindo para que o Governo negocie unha política de defensa común con Portugal"

No debate de 1996 no Congreso para a plena integración na OTAN, na intervención do deputado do BNG, Guillerme Vázquez denunciou que a Alianza “estivo antes e segue a estar agora comanda polos Estados Unidos que segue a fixar a actuación da organización militar en función dos seus propios intereses”. O semanario A Nosa Terra (ANT) nº752 indicaba que: “o BNG presentou varias resolucións para votar no pleno insistindo para que o Governo negocie unha política de defensa común con Portugal, que contemple o peche de todas as bases estranxeiras na Península e a declaración da zona libre de armamento nuclear”.

Neste semanario de ANT valorábase o papel da OTAN naqueles anos, e lembrando que: “caído o muro de Berlín, asinados os acordos de desarme coa URSS, e cos antigos países que formaban parte do Pacto de Varsovia pedindo unha integración na OTAN, a Alianza foi á guerra do petróleo de 1991 e ao conflito dos Balcáns. Feitos que puxeron en evidencia a realidade dunha organización completamente supeditada aos intereses dos Estados Unidos, e a continua imposibilidade da Europa comunitaria de erguer unha política de defensa común, nucleada arredor da UEO (organización de defensa europea que desapareceu no ano 2011)”.

Perante este período ademais houbo unha importante mobilización social contra o ingreso na Alianza Atlántica, das que lembrarei dúas. A  manifestación  que se realizou o 29 de decembro de 1981, meses despois do anuncio da proposición de solicitude da entrada na OTAN por parte de Leopoldo Calvo Sotelo. Fíxose en A Coruña e participaron máis de 6.000 persoas. Finalizou na praza de Maria Pita onde houbo unha incursión de dúas seccións da policía militar que cargou contra os manifestantes. O reaxer fronte a esta agresión das persoas participantes na convocatoria fixo recuar aos militares que levaron con eles sete civís, que terminaron detidos pola policía. Tamén hai que destacar a marcha do 24 de marzo de 1985 da Pobra do Caramiñal até Ribeira, coa participación de varios milleiros de persoas, baixo a consigna “Galiza pola paz, saída da OTAN” que foi convocada por numerosas organizacións (Coordinadora Nacional de Organizacións pola Paz, ADEGA, INTG, LCR, PC, MCG, BNG, AGM, UPG). Respecto destas mobilizacións consúltese o semanario ANT (números 167 e 266).

Nos anos seguintes os países europeos que forman parte da OTAN fóronse comprometendo en conflitos que superan o marco continental, tanto en África como Próximo oriente e Asia central

Nos anos seguintes os países europeos que forman parte da OTAN fóronse comprometendo en conflitos que superan o marco continental, tanto en África como Próximo oriente e Asia central. As intervencións máis graves e controvertidas foron os bombardeos contra Serbia no ano 1999 por mor do conflito de Kosovo, a intervención en Afganistán (2002-2021) que rematou coa retirada precipitada das tropas de Estados Unidos. Entregando o poder aos talibans, e deixando o país en precario, coas divisas e axudas bloqueadas. A falta de consultas previas forzou a saída das tropas dos países europeos da OTAN, que participaban na ocupación, causando un gran malestar. Unha situación semellante volveuse a dar coa constitución do bloque militar AUKUS (Australia-Reino Unido-Estados Unidos), co obxectivo de bloquear a China no Pacifico, mais ignorando aos aliados na UE que integran a OTAN, e afectando especialmente os intereses estratéxicos e económicos de Francia.

Son feitos que amosan que, ademais de ser unha forza agresiva, a OTAN non é unha organización de iguais (como denunciaba Guillerme Vázquez no Congreso en 1996), e que Estados Unidos, tanto con Trump como con Biden, considera como segundos mesmo ás potencias europeas. Polo que non é casual que manteña bases militares na maior parte dos países que integran a UE, e que se lle dea folgos ao suposto perigo ruso para manter esta estrutura de poder e dependencia que alimenta o complexo industrial militar estadounidense. Neste intre hai moito descontente nalgunhas das potencias da UE, mesmo quérese revivir unha forza europea. Mais na Unión os países do leste de Europa apostan pola confrontación con Rusia, avalando a postura de Washington, e todos os intentos anteriores para se independizar do protectorado militar estadounidense terminaron en vía morta. Será distinto deste volta?... Por certo, sobre este tema: que pensa o PSOE, para alén de estar contente pola celebración en Madrid do cumio da Alianza do 2022?...

https://obloguedemera.wordpress.com/