Opinión

Novos proxectos: avances e hipotecas

Dende os partidos sistémicos, nas súas dúas versións, unha seica de dereita “moderada” e a outra de esquerda “progresista”, con responsabilidades de governo no país galego e no Estado español respectivamente, están a destacar o cambio do ciclo económico na bisbarra da Coruña e na de Ferrol-terra. Pasaríase dos peches de empresas referenciais a investimentos millonarios na produción de enerxía verde e industrias claves. Este futuro que se debuxa tan optimista especialmente na comarca de Ferrol-terra estaría empurrado polas transformacións no modelo enerxético, o maior gasto en defensa, e grazas ao apoio dos fundos Next Generation da UE.

Como estas transformacións non se fan en días, e a crise vai a máis, e están próximas as eleccións, bótanse as culpas polas demoras entre a Xunta do PP e o Governo central do PSOE-UP, porque os proxectos non avancen, e mesmo non se fixera realidade a colocación da primeira pedra... Tamén ten lóxica a desconfianza da povoación, porque dende os anos 70 os sucesivos procesos de reconversión na bisbarra de Ferrol foron acompañados por grandes proxectos de reindustrialización que nunca se levaron a cabo.

Axudou nesta evolución regresiva unha política estreita na Xunta durante os mandatos do PP, dependente, abandonando as responsabilidades de governo, centrada exclusivamente na xestión e deixando toda a iniciativa ao Governo central (hoxe tan submiso á UE) así como ao capital privado. Fomentando o investimento dos beneficios no exterior, unha das razóns polas que non se aproveita o medre das exportacións, e non crece o emprego, a outra son os baixos salarios ea precariedade dos contratos. Este feixe de atrancos frea a natalidade, razón pola que temos un país avellentado.

Non se pode obviar que esta tendencia regresiva, en comparanza con outros territorios da contorna, expresouse con enorme forza na emigración dunha parte significativa da mocidade máis formada. Este recuar deuse noutros países da periferia especialmente nas áreas rurais, mais na Galiza acontece tanto no mundo rural como urbano, sendo substituído parcialmente neste último por inmigrantes, dos que a metade teñen ingresos por debaixo da liña de pobreza (como man de obra de reserva). O caso da cidade de Ferrol é o máis extremo en termos demográficos xa que perdeu boa parte da súa povoación, pasando dos 87 mil habitantes en 1970 aos 64 mil actuais.

Afirman dende os partidos e os medios de comunicación sistémicos que Ferrolterra vai cambiar de ciclo económico, xa que se revitaliza a construción naval e a eólica mariña, construirase unha fábrica de pneumáticos, outras de hidroxeno, metanol e amoníaco verde.... Non se pode negar que estas iniciativas serían un paso adiante. Mais. trátase de moita produción primaria que debería ser completada con industria transformadora, para optimizar o valor engadido e o emprego... Por exemplo os traballadores do naval piden un dique maior e unha modernización de Navantia?... Tampouco se pode obviar que non hai tanto pecharon varias empresas ligadas á construción de torres eólicas, produción de enerxía...

Hai demasiados interrogantes sen contestar. Cando comezaran realmente as obras dos proxectos anunciados?... estará ligada súa dimensión ás necesidades da Galiza?... ou todo depende exclusivamente da vontade dos círculos de poder hexemónicos, por estar relacionadas ás achegas públicas e á dependencia externa da nación galega?... Sen dúbida a protección do ecosistema axuda á substitución enerxética, e o conflito entre potencias dá pulo á construción naval militar... Mais, todo reflicte que se trata dun camiño con avances e hipotecas, que necesita unha ampla reflexión e consenso previo, ou sexa que dependerá da presión social, máxime cando son proxectos que forman parte dun paquete estratéxico da política de bloques.