Opinión

Non é doado acadar a paz demonizando ao adversario

Era lóxico que agora, que comeza o inverno no norte do planeta, recobre forza a alternativa dunha saída negociada para acadar a paz na guerra da Ucraína. As razóns son, as baixas temperaturas afectaran moi fortemente ao país ao que se suma a destrución dunha parte do sistema eléctrico. Por outra banda, as sancións a Rusia, malia cada vez ser máis duras, non evita que regresen aos estados que as promoven como un búmerang. E, para alén das declaracións triunfalistas e da soberbia, boa parte da UE non contará con gas abondo para a industria e as calefaccións dos fogares se a tempada de frío extremo se alonga. Mesmo se fala de cortes da electricidade, por exemplo na Francia.

A confrontación está a causar graves problemas na maior parte das economías europeas, e medra o descontente e a protesta social. Aínda que no caso dos Estados Unidos, se considere como unha vitoria porque lles afecta menos, e gañan atractivo para o traslado dalgunhas industrias europeas, polo que é visto pola UE como un aliado e competidor. Até onde medraran as contradicións?

As sancións contra Moscova, que se engaden as que xa había contra outros países, fan máis dano a aqueles que as promoven que a Rusia

Agora ben, a esta altura nin na Ucraína+G-7+OTAN nin na Rusia están preparados para un pacto, especialmente os primeiros, malia que a negociación das diferenzas e a paz sexa a única solución real. Cada un destes dous bloques considera que o tempo xoga a seu favor alongado o conflito, e ademais están presos dos obxectivos que se marcaron nun principio. Moscova facendo valer súa soberanía e poder militar freando a expansión da OTAN nas súas fronteiras, e garantindo os dereitos culturais e políticos das áreas de identidade rusa. Os Estados Unidos na procura de derrotar a Rusia para debilitar a China e evitar un mundo multipolar, no que perda a súa capacidade de fixar regras, demonizando a aqueles que non as aceptan. Consolidando ao mesmo tempo o rol subordinado, de socio menor da UE e outros aliados, que obteñen a cambio os réditos dun papel subimperialista.

As sancións contra Moscova, que se engaden as que xa había contra outros países, fan máis dano a aqueles que as promoven que a Rusia. Mais, no campo de batalla, tívose que se repregar nalgunhas áreas, por erros tácticos, falta de efectivos e pensar que mantiña unha gran superioridade militar (sen valorar correctamente até que punto xa estaba comprometida a OTAN na guerra). Daquela que axiña Kiev mellorase o armamento, as súas tropas medrasen en preparación, e se lle sumasen mercenarios. Aínda así non se pode obviar que o número de baixas da Ucraína son moi altas. Ademais, e non é pouca cousa, ten unha información exacta dos movementos en terra (vía satélite) transferida polas potencias occidentais (e especialistas e mandos de países da OTAN?).

O maior perigo é que Zelenski (e compañía), malia que USA e a OTAN non o queiran, busque na súa irresponsabilidade como saída destruír a central nuclear de Zaporiya

As fraquezas de Rusia están sendo superadas, por exemplo: máis tropas, e un novo satélite de vixilancia sobre a Ucraína, ataques masivos á infraestrutura... e seica no inverno non estará tan afectada como o exército ucraíno. Hoxe en boa medida a iniciativa está nas forzas rusas, que semellan priorizar o desgaste das tropas ucraínas e ir gañando terreo coa garantía de non perdelo no seguinte contraataque. E isto alonga a guerra, mais reduce o número de baixas propias e civís.

Ambas partes a esta altura non se dan por derrotadas, e coidan que os vindeiros meses lle favorecen. O maior perigo é que Zelenski (e compañía), malia que USA e a OTAN non o queiran, busque na súa irresponsabilidade como saída destruír a central nuclear de Zaporiya ou un novo ataque de bandeira falsa sobre un país da OTAN (como en Polonia), ou bombardeos masivos sobre as cidades rusas (con axuda técnica de occidente, aínda que o negue?). Isto sería un novo salto cualitativo. Cada unha destas é unha razón máis que se suma ás mortes e destrución cotiá, polo que a paz debe ser unha opción prioritaria. Mais para Washington o esencial é manter a hexemonía, impoñer as regras de xogo. Polo tanto, neste contexto, sería importante que os pobos se mobilizasen premendo ao imperio, ligando as solucións coa xustiza social, co recoñecemento de toda diversidade nacional. Que non sexa así, agás excepcións, amosa a confusión e fragmentación da esquerda, e o poder que aínda ten USA no militar e financeiro, e sobre todo no eido da información. Moitas frontes.

https://obloguedemera.wordpress.com/