Opinión

O masacre cotiá de Gaza. Para que ocupala?

Mentres os medios de comunicación dominantes, seguindo a información que queren destacar Israel e os seus aliados “occidentais”, centran a atención cotiá en cando comezaría a incursión e ocupación de Gaza, e o debate interno que seica habería sobre como e cando e se facela. Mentres na práctica o exército israelí vai destruíndo a Franxa de Gaza e deixando milleiros de persoas mortas e feridas (o pasado martes sumaban 6.500 persoas mortas, delas 2.700 nenos e nenas, e máis de 17.000 feridas).

Polo tanto, aínda que non haxa ocupación do territorio, no concreto Israel e os Estados Unidos (que ten unha parte moi importante no que sucede) están conseguindo que máis de dous millóns de persoas estean nunha prisión sen auga, electricidade e alimentos, porque os camións que deixan pasar son pouco máis cunha anécdota, despois de moito debate e “grandes acordos” coa ONU polo medio, o que amosa que a determinados niveis este organismo está controlado por Washington e compañía (e cando Guterres afirma o que a organización aprobou unha resolución opóndose ao bloqueo de produtos esenciais Israel pide a súa dimisión). Neste contexto tan grave no humanitario: cando comezará a morrer xente de fame? Acaso isto non é un xenocidio da povoación civil? Valen máis unhas vidas que outras?...

Segundo a ONU, nos 150 centros que ten esta institución para acoller aos refuxiados/as hai neste momento 600.000 persoas, e están desbordados. Ademais 40 destas instalacións sufriron danos por causa dos bombardeos israelís. Din que moitos/as palestinos teñen que durmir na rúa. Todo amosa que a demora que se vende por uns como unha concesión para evitar unha masacre e por outros como unha debilidade do exército israelí pola trampa na que se metería, o certo é que na práctica permite a Netanyahú seguir masacrando a Gaza implacabelmente. E, ademais xustificar diante da sociedade israelí e o mundo que aínda que non houbese unha acción ou negociación en serio, para liberar ás persoas secuestradas por Hamás, está  a facer todo o que pode. Este último era e é un dos principais argumentos de Israel para a invasión.

O xeito de proceder de Netanyahú só pode ter dúas finalidades, ou ben, vai facer ao final dun longo e mortífero bloqueo unha breve ocupación, procurando desfacer a Hamás e impoñer un governo titere, ou ben, busca dividir o territorio, ocupando a parte norte nun escenario que obrigue aos palestinos que alí viven desprazarse ao sur. A primeira das opcións semella que é a que máis lles interesa, daquela que se prolonguen tanto no tempo os bombardeos, destruíndo vivendas, mais tamén todo aquilo que constitúe puntos de sociabilidade (escolas, igrexas, lugares de reunión e actividades colectivas... cal son realmente os ataques neste aspecto tan especifico e importante?).

Agora ben, é verdade que o apoio de Estados Unidos e aliados a un governo que masacra ao povo palestino, por máis que Hamas utilizase métodos tan violentos na súa incursión, e mesmo condenando este acto, non se poden obviar máis de sete décadas de opresión. Polo tanto, malia o control que teñen sobre os medios internacionais, unha gran parte do mundo apoia hoxe máis que nunca ao povo palestino, pide un alto o fogo, e que se cumpra a resolución da ONU en relación coa formación dun Estado Palestino. En poucas palabras, a batalla das ideas a están perdendo tanto Israel como os países que levan décadas apoiando as sucesivas agresións e invasións que realiza contra Palestina e os países veciños. Este é o gran cambio respecto doutras agresións anteriores. Hai na maior parte dos países da rexión unha condena máis contundente de Israel. Ademais hoxe estes estados teñen un maior peso que hai unha ou dúas décadas, e iso importa.

En resumo. Israel (+Estados Unidos e aliados) poden bombardear, masacrar e destruír, e frear o axer dos organismos internacionais. Porén corren o risco de que a guerra se estenda, e sobre todo que sexa un motivo máis para se afastar do bloque occidental. E esta pode ser hoxe unha razón de moito peso para que se lle busque unha saída ao conflito. E a última palabra está en Washington nas súas teimas imperialistas. Ademais, hai que engadir, como outro factor a forte oposición interna á Netanyahú e ás solucións militaristas.