Opinión

Macron xogando aos vaqueiros

Unha guerra é un tema moi serio, tráxico, como amosan na Ucraína os centos de miles mortos e feridos, así como a destrución de infraestruturas, dos desprazamentos de povoacion, da queda da actividade económica, e da mala situación anímica das persoas afectadas. Polo tanto buscarlle unha saída inmediata é o lóxico e necesario, sabendo que implica concesións e garantías por ambas partes, especialmente por aquela que orixinou o conflito. E no caso da guerra da Ucraína malia que Rusia foi quen decidiu a intervención había causas previas. A OTAN colocaba en perigo a seguridade estratéxica da federación, e Kiev incumpriu os acordos para outorgar a Donetsk e Lugansk unha ampla autonomía e mantivo bombardeos continuos desde 2014 (causando 14 mil mortos civís) sobre as dúas repúblicas que se opuxeron ao centralismo de Kiev e ao golpe de Estado do “Maidan”.  

Afirmase, cinicamente, que a OTAN axuda a Kiev na guerra “defensiva” contra Rusia co obxectivo garantir as regras internacionais, seica incumpridas pola “invasión”. Mais, o certo é, que os que se din garantes da soberanía das nacións non o fixeron cando se expulsou (e expulsa) aos palestinos da súa terra ancestral polos colonos xudeus e pouco fan para evitar cando se lles masacra como sucede en Gaza. Tampouco o fixeron cando a maior potencia do mundo, os Estados Unidos, ocupa ilegalmente territorios en Siria onde teñen varias bases militares, e manteñen a ocupación de Guantánamo desde hai un século, ou apoian a separación de Kosovo de Serbia para localizar ali a maior base norteamericana en Europa. Por poñer só uns exemplos. Ou sexa, que a regras de xogo non son iguais para todos, senón que se aplican con especial dureza ás potencias e países que non aceptan submisamente a hexemonía e directrices de “occidente”.  

Francia é un estado que como outros da UE está a pasar por un profundo reaxuste. Nos últimos dous trimestres non creceu a súa economía e no ano 2023 o medre do PIB foi de só o 0,8%, e as expectativas para 2024 son dun crecemento do 1%. Neste contexto o presidente do país, Macron, propón o envío de tropas á Ucraína, unha postura suicida, non só para o seu país senón para Europa e gran parte da humanidade, porque abre as portas a unha confrontación nuclear, a unha guerra directa, total, entre Rusia e a OTAN, que se estendería como mínimo a practicamente toda Europa. Daquela que axiña se soubese que a maior parte dos países da OTAN están en contra, e que o propio Stoltenberg secretario xeneral desta organización negase que estivese entre seus obxectivo.

Porén que o presidente de Francia faga estas propostas, aínda que despois realizase algunhas matizacións, reflicte até que punto a UE meteuse nunha poza da que non é capaz de saír recuperando a actividade económica e a referencialidade no ámbito cultural e de modelo socio-político, con propostas que deberían poñer o acento na solidariedade, igualdade, e a paz. Preocupante. Semella que Milei non é unha excepción en predicar e levar adiante accións radicais, propias da extrema dereita, submisa aos grades grupos económicos, aos que toda centralización e concentración da riqueza élles pouca.

Aínda que a UE se presente como o máis avanzado da democracia e da xustiza social, é pura ilusión, xa que non se debaten previamente coa sociedade estes temas fundamentais tanto para o presente como para o futuro. A democracia reduciuse a votar cada catro anos, o resto do tempo pelexas de galos entre os partidos do sistema. Daquela que as mobilizacións pola paz, a prol do agro, as reivindicacións no laboral ou de prestacións básicas, malia que os medios hexemónicos normalmente as ignoran, non deixan de ser centrais, esenciais, para dar voz e protagonismo ao povo, ter presenza real nas institucións, e superar un capitalismo na súa etapa senil (como o valoraba Samir Amin).