Opinión

Israel, triunfo militar e derrota política

Despois de mes e medio de fortes bombardeos sobre a Franxa de Gaza como represalia a máis dun milleiro de mortos e o secuestro de máis dun cento de persoas por parte de Hamás, como consecuencia da incursión que o día 7 de outubro fixeron en Israel, a estratexia do Goberno de Netanyahu estivo dirixida a destruír a esta organización político-militar e forzas aliadas. Utilizando para conseguir este obxectivo todos os medios. Con tal fin aumentaron as forzas militares, dado que se trataba de ocupar Gaza e, ao mesmo tempo, defender o territorio de Israel de posíbeis ataques de forzas aliadas á resistencia palestina no Líbano (Hezbolá) e Siria, así como que en último extremo a situación desbordase e entrasen no conflito ademais Iran, Xordania, Exipto... 

Como xa teño manifestado en artigos anteriores sobre o tema, resultaba evidente que dado que Israel se marcaba como obxectivo eliminar a Hamás iso implicaba en todos os escenarios posíbeis destruír en boa medida Gaza, e así o ten feito até agora. Ademais isto obrigaba a ocupar a Franxa, tanto fose para impoñer un goberno títere, como para forzar á poboación palestina (toda ou gran parte dela) a abandonar o territorio, como propón un sector importante do Goberno. Que esta fose a postura que se impoña non sería unha novidade, porque con distintas escusas é o que ven facendo Israel nas últimas sete décadas. Daquela que os bombardeos afectasen toda a infraestrutura da Franxa de Gaza, como edificios residenciais, mais tamén escolas, hospitais, centros administrativos, mesquitas, igrexas,... sempre coa escusa de que formaban parte da infraestrutura militar do "grupo terrorista". Mesmo se atacaron centros da ONU, no que había unha masa inxente de refuxiados, mesmo causando a morte de máis dun cento de empregados da ONU

Malia esta desfeita que cuestiona o futuro, como mínimo, da vindeira década dos habitantes de Gaza, o centro de atención está hoxe nos 15 mil palestinos mortos até agora, máis dun terzo menores, unha cifra que medra cada día, polo que implica de traxedia humanitaria. Tanto que nen os grandes medios sistémicos tan submisos ás políticas de occidente poden deixar de transmitir as imaxes da masacre, do xenocidio. E é esta traxedia e o cuestionamento que fai a opinión pública mundial, a que sen dúbida forzou a que Netanyahu aceptase unha tregua para trocar prisioneiros, porque estaban a perder a batalla da imaxe diante do mundo, con todo o que implica, para alén das alianzas e do poder militar e económico que sustenta ao Goberno israelí que realiza os ataques cinicamente presentados como defensivos.

Daquela, que agora na tregua, os medios esencialmente sistémicos poñen en primeiro plano a liberación dos/as israelís secuestrados por Hamás, aínda que (como contrapartida?) aumentaron os ataques contra os palestinos/as en Cisxordania, tanto por parte doe exército israelí como dos colonos armados. Aínda así a tregua foi un importante paso adiante, para alén das tácticas cínicas do Goberno (e dos Estados Unidos e potencias occidentais aliadas), porque remataron os bombardeos sobre a Franxa. E isto permite a mobilidade da poboación, e a recepción de carburante, alimentos, e outros insumos de primeira necesidade, aínda que, como afirma a propia Nacións Unidas trátase de cantidades insuficientes, que condenan a milleiros e milleiros de persoas a morrer de fame.

Polo tanto, sendo importante a tregua e sobre todo que se estendese máis do previsto polo Goberno israelí, de pouco vale se continúan os bombardeos até a destrución practicamente total de Gaza co argumento de terminar con Hamás. Algo que por outra parte é moi difícil que se consiga no eido militar, aínda que se ocupe toda a Franxa, non só porque quedarían células clandestinas, senón porque seguirían pendentes as contradicións que deron razón de ser á súa existencia e fortaleza. Esta tendencia que alenta a saída militar fortaleceríase moito se ademais da ocupación da Franxa o Goberno israelí pretende expulsar a toda ou parte da poboación. Ademais, non se pode ignorar, que o que está sucedendo na Franxa de Gaza está sendo vivido en primeira persoa por moita xente en todos os recunchos do mundo, e moi especialmente polos países musulmáns da contorna.

A estas realidades que condicionan calquera saída exclusivamente militar ou que non teña en conta os intereses palestinos, cómpre engadir dous aspectos fundamentais: que a poboación árabe dentro do territorio de Israel suma un 20% do total, e que o futuro apunta a un retroceso da incidencia de occidente no mundo en todos os aspectos, e un maior peso dos países musulmáns, que ven o conflito como propio, como é o caso de Turquía, Iran, Arabia Saudita, Paquistán, Indonesia... En resumo, a única saída con futuro pensando no medio prazo, mesmo para Israel (e occidente), é a negociación, o recoñecemento de Palestina como un estado, a axuda na súa reconstrución e no desenvolvemento. Un paso deste tipo só é posíbel aceptando o multilateralismo. Porque as políticas que aplicou durante todos estes anos Israel son a esencia dunha visión unilateral da realidade, comezando por se considerar o "pobo escollido por Deus". E neste camiño importa é moito que o cambio o impulse os Estados Unidos, e que a UE non siga apostando ao subimperialismo, pensando só nos intereses dunhas poucas grandes empresas e grandes fortunas, mesmo ignorando o medre das diverxencias e tensións internas e con terceiros países... Semella que a situación non está aínda madura para dar este salto cualitativo... mais houbo veces na historia que todo cambiou en días.

Comentarios