Opinión

Inmigración: integrar e regular

Que o Congreso español tramitará a iniciativa popular para regularizar a medio millón de persoas que entraron ilegalmente é un paso positivo. Entre os votos favorábeis está o do BNG. Coido que é unha medida correcta, tanto porque permite que estes inmigrantes conten con todos os servizos básicos, así como poder realizar todas as actividades en condicións de legalidade, especialmente con entidades públicas e as sobre todo as de tipo laboral. Fago especial mención a este último aspecto porque o número de regulacións deixa en evidencia a existencia dun importante “mercado negro” de sobre explotación e condicións laborais en precario. E isto non só afecta a este colectivo senón tamén e dun xeito moi negativo ao conxunto da clase traballadora e outros sectores populares, como mínimo en tres aspectos: preme á baixa os salarios e condicións laborais; reduce os ingresos fiscais; e implica un gasto a ter en conta en servizos públicos e axudas sociais.

Aínda que Galiza non sexa unha das nacionalidades e autonomías con maior porcentaxe de inmigrantes, tamén está afectada por este tema (máis do que se pensa). Daquela que os xornais facían mención ao final do ano pasado que 73 mil persoas na Galiza tiñan traballado en “negro” durante o vran, seica 9 mil máis que o ano anterior, ou sexa que había unha tendencia en alza (as cifras son produto de cruzar os datos da EPA cos da Seguridade Social). Téñase en conta que o número total de ocupados é de 1.140.000. Calculase que no noso país a “economía mergullada” representa un 23% do PIB. Son cifras que deixan en evidencia a importancia do problema, que os datos indican non só atinxen a persoas en situación irregular senón a moitas que tendo papeis teñen que aceptar ser “contratos en negro” para toda a xornada ou parte dela.

Agora ben, coido que a cuestión da emigración e da inmigración non está abondo tratada e que se parte a maior parte das veces de dúas posturas antagónicas e moi parciais. Por unha banda aquelas que ven detrás do inmigrante a competencia á baixa no mercado laboral e a substitución de cultura e lingua propias (especialmente nun país onde a identidade nacional foi esmagada por séculos e está en disputa). E por outra banda os que ven neles esforzos e sacrificios, e un mundo máis cosmopolita, sen cuestionar a fondo que este proceso, cando é masivo, é consecuencia do imperialismo, da globalización neoliberal, da concentración e centralización da riqueza e do poder. En realidade as persoas que migran son (na inmensa maioría dos casos) vítimas forzadas a afastarse da súa familia, amizades, cultura e mesmo a lingua que falan, e ao mesmo tempo cumprindo o papel, non desexado, de punta de lanza do capitalismo máis agresivo ao ter que aceptar (en moitas oportunidades) as condicións laborais máis duras nunha sociedade descoñecida na que teñen que se abrir camiño. Daquela que os inmigrantes formen núcleos tan pechados nos países de “acollida”, e que o proceso de integración dure unha ou dos xeracións (vexase o que acontece no centro e norte de Europa).

Un contexto que por outra banda coñezo ben, xa que son fillo e neto de emigrantes, e vivín durante máis de vinte anos, de neno, rapaz e mozo na Arxentina, organiceime na “colectividade galega” (entre outras na Irmandade Galega) e militei nunha organización estudantil arxentina (TUPAC) e nun partido marxista (Vanguardia Comunista). Daquela que coide que son necesarias políticas de integración e de regulación dos procesos migratorios; ademais é fundamental a vontade dos emigrantes de se adaptar aos comportamentos sociais do país de recepción. Desta integración falábanos na casa meu pai, á miña irmá e máis a min, de pequenos, sabendo que a eles éralles practicamente imposíbel, para alén de casos moi illados e de situacións conxunturais. Daquela que fose natural que se xuntasen os fins de semana e nas festas con outros/as paisanos, para falar de como lles ía na Arxentina, máis sobre todo para lembrar a Súa Terra,... a morriña. Era lóxico.

Porque falo de todo isto, porque para que a cuestión migratoria non sexa un problema na Galiza, en poucos anos, cómpre desenvolver medidas de integración e regulación do proceso migratorio. Non vale con nos enganar, por exemplo considerando galegos a aqueles que son fillos e netos e naceron noutro país. Son e séntense arxentinos, uruguaios, cubanos, madrileños, ou cataláns... e algúns, os menos, son tamén galegos porque se senten parte desta nación, da súa cultura e lingua,... algúns sono mesmo desde pequenos... outros/as desde cando decidiron migrar á Terra dos seus antergos. Non é unha cuestión de branco e negro.

Hai moitos matices neste tema, e un reto de integración, que se debe analizar e debater para abranguer todas as súas vertentes. Non é unha cuestión de chamalos a todos galegos/as porque viven na Galiza,... si de abrir portas e dar oportunidades, de analizar as capacidades, mais tamén de non obviar que a migración aumenta a man de obra de reserva, co que iso implica nun país con 115 mil persoas desempregadas (sobre un 12%, tamén moitos deles inmigrantes). Como esquecer que cada ano milleiros de galegos e galegas moi formados teñen que marchar fóra e que unha gran parte dos beneficios das empresas invístense masivamente no exterior (outro saldo negativo a sumar).

Hoxe hai 438 mil persoas que viven na Galiza nacidas no exterior (156 mil con orixe noutras autonomías, e 282 mil noutros estados do mundo). Ou sexa co 16,2% da povoación que reside na nación galega naceu fóra. Un dato máis, un 53% dos inmigrantes (excluída a UE) que viven no Estado español están en risco de pobreza. Dá moito no que pensar, e deixa en evidencia o papel de man de obra de reserva. Polo tanto hai que integrar aos/as inmigrantes e ademais regular o seu número, e axudar aos países de orixe, para evitar que en vez de ser un aporte se converta nunha eiva máis, nun aumento da explotación laboral, nun atranco, que se suma á dependencia secular, a desfeita do ecosistema, a explotación laboral, a desigualdade.