Opinión

Un golpe militar para esmagar a vía chilena ao socialismo

O 11 de setembro cúmprese medio século do golpe militar en Chile (1973-1990), no que foi asasinado durante a ocupación da Casa de Governo o presidente Salvador Allende. Deste xeito remataba violentamente a vía chilena ao socialismo. O golpe comandado polo xeneral Augusto Pinochet instaurou unha ditadura militar sustentada sobre a represión, con detencións, torturas e mortes masivas de persoas ligadas ao movemento popular. A Xunta militar disolveu o Parlamento, suspendeu aos partidos, puxo fóra da lei a Unidade Popular e ao MIR así como á CUT (Central Única de Traballadores), declarou o Estado de Sitio de modo permanente. 

A implicación dos Estados Unidos neste golpe militar en Chile foi evidente, aínda que naquel intre se negase, mais sería recoñecida un ano despois polo presidente Gerald Ford (1974-77) cando declarou á prensa: “os esforzos realizados neste caso constituíron a asistencia para preservación dos xornais e medios electrónicos opositores, como para preservación dos partidos políticos da oposición (...) no interese do povo de Chile e, certamente, tamén a prol dos nosos intereses” (El fantasma de Chile; Zenón Alvarado Acevedo; Chile). Houbo planificación e coordinación nesta etapa entre as ditaduras no sur da América Latina, todas respondían á chamada Operación Cóndor. Era Washington quen adestraba e daba instrucións aos militares destes países. Non foi ningunha excepción, e aínda os Estados Unidos segue a interferir e dar ordes en moitos países da rexión.

O primeiro golpe da chamada Operación Condor foi no Brasil (1964-1985), despois no Uruguai (1973-1985) e logo chile, e despois na Arxentina (1976-1983). En todos eles os golpes e ditaduras militares deixaron unha ringleira de mortos e desaparecidos, moreas de detidos e centos de miles de exiliados. Na Arxentina calcúlase en 30.000 os mortos e desaparecidos; no Uruguai sobre 300; en Chile foron 2.298 os executados, 1.209 os detidos desaparecidos, e 28.259 as vítimas de detención e tortura. No Brasil a ditadura causou 500 mortos e 147 desaparecidos. Son cifras arrepiantes. A represión deixou unha profunda ferida na sociedade destes países que aínda non está curada.

O 4 de setembro de 1970 o socialista Salvador Allende gañou as eleccións presidenciais en Chile, fíxoo por moi pouca marxe, un 36,3% dos votos, fronte á dereita de Alessandri que obtivo un 34,9% e ao conservador demócrata-cristián Tomic cun 27,8%. Non tiña asumido a presidencia e comezou a conspiración, xa que propuña cambios económicos e sociais que a dereita e os Estados Unidos consideraban inaceptábeis. Afirmaba Allende, líder da coalizón gañadora Unidade Popular, ao gañar as eleccións: “Triunfamos para derrotar definitivamente á explotación imperialista, para rematar cos monopolios, para facer unha seria e radical reforma agraria, para controlar as importacións e exportacións, para nacionalizar o crédito...” (Chile, vence el pueblo, comienza la conspiración; Transformaciones; Centro Editor de América Latina, Arxentina).

Unha das medidas máis destacadas do seu governo foi a nacionalización da minería en xullo de 1971, que chocaba cos intereses de Washington que controlaba a produción e exportación de cobre. Era tal a  importancia deste mineral na economía nacional que nos primeiros 50 anos de explotación polas empresas estadounidenses, até o ano 1964, calculase que se levaron do país en beneficios 4.600 millóns de dólares da época, cifra que equivalía a metade de todo o patrimonio de Chile. Durante os anos de governo de Allende mellorou a distribución da renda, por exemplo, no ano 1971 (até o mes de novembro) aumentou o consumo de produtos básicos como as aves nun 16%, o porco nun 18% e as patacas nun 55%. A renda dos asalariados/as pasou dende o ano 1970 ao 1971 do 51% ao 63% do PIB.

A chamada “vía chilena ao socialismo” ademais alentou a mobilización laboral e social. Concretamente pasouse de 23 ocupacións de fábricas por folgas en 1969 a 523 só nos primeiros 8 meses do ano 1971. “Produciuse unha radicalización enorme das loitas de masas, folgas, ocupacións, etc. Os traballadores/ras esixían ao 'seu' governo novas nacionalizacións, maior participación, un afondamento do proceso” (Pinochet, Chile bajo la dictadura militar; Hugo Moreno; Historia de América; Centro Editor de América Latina; Arxentina).

A oligarquía non estaba disposta a aceptar este grao de protagonismo das clases populares, que mudaba a correlación de forzas e cuestionaba os seus privilexios e podía consolidar un cambio sistémico. Comezou unha forte confrontación no eido económico: paro de transportes e, moi especialmente, desabastecemento de produtos básicos. Mais non se detivo neste aspecto “o esquema de 'golpe legal' civil consistía en provocar o deterioro da situación económica; a acción psicolóxica a través dos medios de comunicación de masas; a tarefa de penetración das forzas armadas; e a preparación de grupos paramilitares para o terrorismo de 'apoio' ao deterioro económico” (Estos mataron a Allende, Robinson Rojas, Ediciones M.R., Barcelona). 

Ademais do secuestro de dereitos democráticos fundamentais outra das consecuencias do golpe foi a privatización das empresas públicas e pensións, e un governo servil aos intereses do gran capital e corporacións trans-nacionais. Chile converteuse en experimento e exemplo neoliberal. Cuxos efectos sofre aínda hoxe dun xeito dramático, tal como reflicte a constante revolta social e popular, e os múltiples mecanismos que teñen as clases dominantes para impedir ou frear cambios a prol das clases populares.