Opinión

Gaza, a negociación é a única solución (con futuro)

Malia o control que ten os Estados Unidos e Israel, e seus aliados máis próximos, sobre os medios de comunicación, a visión que ten unha parte moi grande da humanidade dos bombardeos e ocupación da Franxa de Gaza, así como da situación na Cisxordania, é que se trata dunha verdadeira masacre do povo palestino. Na maior parte do mundo, especialmente nos países musulmáns e da periferia, vese a acción militar como unha persecución por parte do Governo israelí para despoxar aos palestinos/as do territorio, e mesmo un xenocidio se temos en consideración que número de mortos civís multiplica varias veces o de combatentes de Hamás. Ao que se engade a destrución de infraestruturas, igrexas, mesquitas, centros da ONU, así como escolas, hospitais, vivendas e todo tipo de edificios cun fin económico, deportivo, cultural...

Neste escenario, pola relevancia da traxedia, aínda condenando o ataque de Hamás a Israel do 7 de outubro, non se poden esquecer os antecedentes históricos da progresiva ocupación polos israelís do territorio palestino, e o incumprimento das sucesivas resolucións das Nacións Unidas, que implicaban o recoñecemento de dous estados e a normalización das relacións. 

Agora ben, aínda que os aliados de Israel afirman, mesmo sendo potencias tan relevantes como Estados Unidos e a UE, que a matanza de civís debe rematar, na práctica non toman ningunha medida efectiva para forzar a Netanyahu a un acordo de paz ou cando menos un alto ao fogo (e non deixan de lle subministrar armas e municións a Israel). E, sobre todo, pouco fan por garantir a chegada de alimentos e medicinas, o funcionamento de hospitais e de lugares seguros para aloxar os civís. Polo tanto vaise facendo realidade a aspiración dos sectores máis integristas do sionismo que pretenden desaloxar aos palestinos, ao converter na práctica Gaza nunha cidade destruída, inhabitábel, na que a fame vaise estendendo cada vez a un maior ritmo á maioría da povoación (como xa se reflicte especialmente en nenos/as e rapaces/as, e ademais recoñece as propias Nacións Unidas).

Washington, tamén a UE e o Reino Unido, teñen a obriga de forzar un acordo de paz ou cando menos un alto ao fogo. Súa responsabilidade histórica é moi grande, tanto polo papel que tiveron como sostén de Israel desde a sua fundación como Estado, despois da 2º Guerra Mundial, como polo apoio que lle prestaron en todo momento nestas seis décadas. Mesmo deberíanse estar realizando reunións para garantir a reconstrución da Franxa de Gaza, e tamén para poñer fin á presión, mesmo armada, que exercen os “colonos israelitas” na Cisxordania. A solución militar e ocupación de Gaza a medio e longo prazo non é unha saída con garantías para o povo israelí, nen para USA, a UE, e aliados de “occidente”. Carece de base histórica e de valor social e político, máxime nesta conxuntura, a escusa dos argumentos bíblicos respecto de que todo ese territorio lles pertence, tendo en consideración a recomposición do mundo cun papel cada vez máis destacado das potencias rexionais, das que varias teñen unha maioría musulmá.

O conflito en Gaza está collendo un camiño que nen as potencias “occidentais” máis pro-israelís poden defender diante das súas sociedades. Se cadra esta sexa unha das razóns polas que, ademais do que implica non poder garantir a seguridade no Mar Vermello, Macron faia unhas declaracións guerreiras (e a reunión de Francia con Polonia e Alemaña). Se así fose terían a finalidade de desprazar o centro de atención á guerra de Rusia contra Ucraína+OTAN. Tamén incidirá o seu no nerviosismo do Presidente francés a perda de peso no sur do Sáhara e a consolidación dun mundo multilateral. Por último, uns datos, para comprender a dimensión da traxedia do povo palestino e da humanidade: a finais de febreiro, sobre 2.300.000 habitantes, había 30.139 vítimas mortais civís, delas 8.800 mulleres e 13.230 menores de idade, así como 340 traballadores sanitarios e 132 xornalistas. Aos que se suman 7.000 persoas desaparecidas e uns 6.000 mortos de Hamás. A negociación de paz é a única saída con futuro para todas as partes.