Opinión

Galiza e a Revolución dos Caraveis

A Revolución dos Caraveis en Portugal, do 25 de abril de 1974, foi un berro de liberdade que se escoitou moi forte desta banda do Miño, na Galiza, e que deu maiores folgos aos partidos políticos e organizacións sociais que loitaban dende a clandestinidade contra a ditadura franquista. Así o foi especialmente para o nacionalismo galego que erguía as bandeiras da soberanía nacional e a xustiza social. Esta complicidade coa "Revolución do Cravos", fica reflectida no Terrra e Tempo, voceiro da Unión do Povo Galego (UPG), nunha nota baixo o título "Carta ao movemento militar" na que se dicía: "Todo o povo galego vibra de solidariedade e entusiasmo. Os muros das nosas aldeas e cidades énchense de letreiros nos que se le: Viva Portugal!".

Margarita Ledo nun artigo, no libro sobre Moncho Reboiras, da Fundación Bautista Álvarez, relata o seguinte sobre as relacións coa Revolución Portuguesa: "Unha noite de xullo recibo a orde de agardar unha chamada na sede da LUAR (Liga de Unidade e Acção Revolucionária), situada na Praza Marqués de Pombal. Dous camaradas van pasar a fronteira. Cando soa o teléfono quen me fala é un axente da GNR (o equivalente á Garda Civil) para me dicir que ten alí dous individuos que din ser parentes meus. Moncho e Manolo foran detidos. Eu, por toda resposta, digo ao garda que vai recibir unha chamada do QG (quartel geral). Póñome en contacto co Tenente Coronel Corvacho. Esa mesma noite, un jeep militar traslada Manolo e Moncho para a cidade do Porto. Eu recólloos no propio QG pola mañá. Manolo regresa para Galiza e Reboiras fica uns días en Portugal". Margarita Ledo organizoulle, na súa casa en Portugal, unha entrevista a Moncho Reboiras gravada pola televisión portuguesa.

O nacionalismo galego desenvolveu unha ampla actividade durante este período, tanto na Galiza como en Portugal. Como as Primeiras Xornadas da Cultura Galega no Porto en xuño de 1975, que foron subvencionadas polo Movemento das Forzas Armadas (MFA), e nas que participaron os profesores Rodríguez Lapa e Jacinto Prado Coelho. Neste evento dariase a coñecer a AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), nun acto presidido polo economista Vilas Nogueira. Lembremos que pouco antes, o 1 de maio de 1975, nacía o Sindicato Obreiro Galego (SOG), como produto de integrar os xermolos sindicais que se nucleaban arredor de distintos voceiros locais na Galiza ("Xerme" na Coruña, "Galego" en Compostela, "Obradoiro" en Ourense, "Ferramenta" no Ferrol, e "Adiante" en Vigo). A orixe de todos eles estaba na na creación, na primavera de 1973, da Fronte Obreira da UPG.

O Portugal revolucionario serviu como refuxio para os militantes da UPG, que por distintas razóns estaban "queimados" diante das forzas represivas do réxime. Unha situación que se agudizou o 12 de agosto de 1975, cando a ditadura dáballe un duro golpe ao nacionalismo galego asasinando ao dirixente da UPG Moncho Reboiras en Ferrol, e detendo a catro militantes máis noutros puntos do país (Manolo Fernández, Marisa Vázquez, Brañas e Xan Manuel López) que ingresarían en prisión ate o ano 1977 no que foron liberados polo decreto de amnistía.

A partir do proceso revolucionario no país irmán, e durante a duración do mesmo, o nacionalismo galego atopou un refuxio, unha segunda liña segura, e tirou ensinanzas da revolución e xurdiron algunhas iniciativas salientábeis. Como a de formar unha organización xuvenil da UPG ou unha intersindical que agrupase os xérmolos sindicais criados despois das grandes folgas xerais de Ferrol e Vigo?... A "Revolución dos Cravos" foi sentida como propia nesta banda da raia ademais foi un período no que as relacións entre organizacións políticas de ambas nacións foron intensas. Moito máis ca hoxe, malia térmonos na actualidade maiores relacións comerciais, turismo, avances tecnolóxicos nos medios de comunicación e a integración na UE. Deberíase reflexionar unha migalla sobre este último aspecto.

Comentarios