Opinión

A forza está no povo (organizado e con proxecto de seu)

A proposta electoral de Milei, coa promesa de que con duros sacrificios iniciais en pouco tempo poderíase eliminar o flaxelo das altas taxas de inflación, evitando o aumento constante da pobreza e da precariedade laboral, a incerteza e a inseguridade, convenceu nas pasadas eleccións a un 56% dos/as votantes da Arxentina (participou o 76,31% do electorado, ou sexa, unha parte significativa abstívose). A responsabilidade do alto crecemento da concentración da riqueza e do aumento da pobreza era, segundo el, obra da “casta”; unha denominación coa que designaba aos partidos sistémicos, empregados públicos e a todo aquilo que formaba parte da estrutura do estado. Milei prometía eliminala en gran medida, ademais de substituír o peso polo dólar, pechar o banco central, privatizar as empresas públicas e moitos servizos esenciais, e reducir as subvencións a moitos colectivos que (seica) se “aproveitaban” destas achegas públicas. 

De que gañase a presidencia, sen contar cunha forte estrutura partidaria, coido que Milei fai unha lectura pola que asocia este triunfo a manter unha actitude moi agresiva tanto coa esquerda como cos seus aliados circunstanciais do centro dereita neoliberal, aos que mesmo considera “socializantes”. Reforzando así a responsabilidade que ambos sectores teñen diante da sociedade pola crise económica e social da última década (Macri, Álvarez), e que el estende interesadamente a todo o período transcorrido desde a caída da ditadura militar. Daquela que se volva cada vez máis agresivo nas súas mensaxes e nas medidas que toma, máxime cando non ten maioría nas cámaras de senadores/as e deputados/as, e as contradicións entre o relato político previo e as decisións de governo son cada vez máis evidentes, e os resultados nada efectivos, polo que desviar a atención das cuestións centrais tamén forman parte do discurso. Aínda así mantén unha alta porcentaxe de apoios segundo as enquisas, malia que a mobilización da sociedade contra as medidas do Governo é cada vez maior. Axúdalle nesta actitude de sacrificio e/ou confianza cega, dunha parte importante da sociedade, a fragmentación do peronismo e da dereita neoliberal, e a debilidade da esquerda antisistemica. Falta un proxecto alternativo que se presente e se vexa como superador do realizado por Macri e Fernández, e que ligue a resposta sindical e social a unha folla de ruta e política de alianzas que rache coa dependencia exterior e a concentración do poder no gran capital.

Daquela que o xornalista José Natanson (www.eldiplo.org) ao analizar o éxito de Milei e a posibilidade de recrear a gobernanza neoliberal e a latinoamericanización do país, se pregunte: “Somos tan parecidos aos nosos veciños máis pobres que é posíbel un experimento político como o que o libertario quere impor? Noutras palabras, cantas vacacións acurtadas pode soportar a clase media? Canta menos proteína poden comer os sectores populares? Cantas ceas pódense substituír por un Guaymallén? Se algo mostra a historia é que non existe un “obxectivismo da crise”, un chan de sufrimento do que certa realidade faise socialmente intolerábel. Polos antecedentes do 89 e do 2001, estamos afeitos a pensar na crise como unha explosión, como algo que estoupa, derruba, mata, porén ao final crea un novo comezo. Mais non é necesariamente así, non ten por que existir un ano cero: hai outros formatos de crise, que se poden estirar como a nova normalidade dun país máis pobre e desigual, nunha Arxentina que xa é así”. 

Natanson, como outros analistas, está colocando no centro do debate a necesidade de que a oposición político-social ao proxecto ultraliberal de Milei sexa unha alternativa que non só denuncie as consecuencias económicas e sociais regresivas das medidas que está a tomar o presidente “anarco-capitalista”, senón que poña como aspecto central un programa que dea respostas a corto e medio prazo a obxectivos como a xustiza social, solidariedade e soberanía nacional, ou sexa, aos atrancos e eivas que padece o povo arxentino. E esta alternativa da oposición, en positivo, que debe ser organizada e estruturada, con folla de ruta e política de alianzas para este momento histórico e situación nacional e internacional, non pode estar supeditada a que a xente vaia abandonando a Milei, polas súas medidas e declaracións regresivas para as clases populares, porque a resposta tamén pode ser a abstención, unha maior fragmentación ou a resignación como di no seu artigo Natanson. A responsabilidade histórica do peronismo (kirchnerismo) neste tema é enorme, porque é a única expresión política que conta cun peso social e institucional abondo como para sustentar unha oposición que confronte non só con Milei e asociados, senón tamén cos poderes económicos e facticos que o apoian na Arxentina e no eido internacional (tendo en conta unha posíbel substitución pola vicepresidenta e o macrismo, de se queimar o presidente). 

Na Arxentina as clases dominantes, o imperialismo, está probando un reparto aínda máis inxusto do do PIB e con condicións laborais máis opresivas, como fixo no seu día en Chile co neoliberalismo. A esquerda debería estar atenta ao que ali sucede, máxime cando as forzas da ultra-dereita medran en moitas partes do mundo, tanto na periferia como no centro do sistema, e existe unha disputa tan forte para evitar a consolidación dun mundo multipolar (e isto tamén afecta ao modelo económico-social no centro do sistema e especialmente na súa periferia interna).