Opinión

A cuestión do poder: guerras, sancións, loita ideolóxica

Desde que comezou a guerra na Ucraína sigo moi de preto este conflito, xa que supera o ámbito militar, aínda que neste eido estease a marcar o terreo de xogo do futuro, xa que que representa o punto máis intenso da confrontación, e as tendencias que prevalecen, indican en boa medida que regras de xogo primarán no sistema nas futuras décadas. Tampouco se pode excluír que esta conxuntura teña altos e baixos, e que o mundo entre nunha longa etapa de inestabilidade sen unha tendencia dominante clara. Todo indica que tanto Estados Unidos (USA) e aliados, ou  sexa “occidente”, así como Rusia-China-Iran valoran todos estes escenarios, porén desde intereses enfrontados. Tamén o fan as chamadas potencias rexionais e os países que teñen un papel subalterno na cadea de valor, e que queren gañar en soberanía para poder desenvolver unhas economías dependentes e hipotecadas, con todo o que iso implica de desigualdade e precariedade entre territorios e clases sociais, aínda que esta contradición está hoxe moi condicionada polo avance globalización neoliberal.

No aspecto militar aínda que se fala dunha guerra estancada, en realidade o exército da Federación Rusa (FR) está triturando ás forzas da Ucraína, tanto polo número de baixas, como pola destrución do equipo militar e municións, malia o pleno apoio da OTAN (mesmo a un custe que esgota súas reservas, con todo o que implica isto respecto da seguridade “occidental”). Non se pode esquecer que ambas partes están probando o seu armamento máis moderno, os avances electrónicos neste ámbito, así como na localización de obxectivos e a eficacia nos obxectivos. Polo tanto, aínda sendo unha guerra de trincheiras e zonas minadas, e que todo o territorio está controlado desde o espazo por ambas partes (a OTAN e Rusia), esta última potencia de vagar está causando un enorme número de baixas, destrución de armamento e equipos no exército ucraíno. O único que non controla a FR son os tempos, que dependen de ate que punto “occidente”, e moi especialmente aos Estados Unidos, lles favorece a confrontación (en beneficio do complexo militar industrial, reconstrución da Ucraína, venda de gas...). Daquela que Moscova planifique para resistir e superar o escenario máis negativo, unha longa guerra, aínda que desexe unha paz inmediata.

Porén, o conflito desenvolvese ademais noutros ámbitos, como son o económico, no que malia as duras e masivas sancións de “occidente” o PIB de Rusia medrou o 3,6% o último ano, mentres que a da UE ficou estancada (PIB do 0,5%), e a dos Estados Unidos creceu menos (2,5%). Ou sexa, neste aspecto non se pode falar de que Rusia fose derrotada, todo o contrario, aínda que por mor da guerra e as sancións todas as economías medrasen menos que nun contexto de paz. Non me vou estender máis sobre este tema porque está moi tratado (dolarización, sistema swift, chips, intercambio desigual, enerxía...)

Agora ben, a guerra na Ucraína tamén se está a librar noutros ámbitos, moi importantes, como o de gañar o relato en relación coas causas do conflito e das súas consecuencias para a humanidade segundo sexa o resultado final, respecto das condicións sociais, laborais e de dereitos e liberdades. Neste aspecto, de gran importancia, non se pode obviar que “occidente” e especialmente os Estados Unidos teñen un control moi grande dos medios de comunicación e na cultura de masas, impoñendo un relato e unha perspectiva que reinterpreta a realidade, agocha a súa práctica imperialista, para deste xeito lexitimar seu expansionismo no mundo co disfrace dunha acción solidaria. Un Estados Unidos que ten centos de bases no exterior, e intervén activamente noutros países contra a vontade popular, en non poucos casos mediante a invasións e apoiando golpes de estado. Vexase como exemplo, as ocupacións en Iraq, Afganistán,... as bases militares que impuxo pola forza en Siria malia a oposición do governo daquel país, ou a masacre de civís palestinos polo exército israelí, coa protección de USA e aliados. Aínda que este último é un dos grandes buratos no relato de “occidente”. Neste aspecto tanto Rusia como outras potencias emerxentes teñen unha posición de debilidade, mesmo respecto das vellas potencias europeas vinculadas ao colonialismo.

“Occidente” apostou pola confrontación coas potencias emerxentes para manter: todos os privilexios conseguidos coas regras de xogo impostas despois da caída da URSS; así como a correlación de forzas de principios de século coa globalización neoliberal. Só evita unha maior escalada na guerra (Ucraina-Gaza...) que Rusia, China (e pode que tamén Iran) sexan potencias nucleares. Resulta evidente que a OTAN está perdendo a guerra na Ucraína, e que a ocupación na Franxa de Gaza é máis unha destrución, mesmo un xenocidio, que unha resposta proporcional ao ataque de Hamás, e que polo tanto na recomposición do Próximo Oriente, a esta altura, non saen fortalecidos Estados Unidos e seus aliados na zona.

Cada vez resulta máis evidente que a Unión Europa está a pasar unha profunda crise económica, cun crecemento do PIB mínimo ou negativo, que perdeu incidencia no resto do mundo, e que a fractura económica con Rusia e China afectan negativamente a súa economía e corto e medio prazo. Ou sexa, que aumentaran moito máis as contradicións territoriais e de clase, dado que se reducen os ingresos públicos, aumentan os gastos militares en prexuízo daqueles que teñen un carácter social e cultural. Ademais todo sinala que se pretende mellorar a competitividade reducindo salarios, e coa importación de produtos básicos máis baratos no exterior (por exemplo no sector alimenticio, vestimenta... en substitución dunha enerxía máis cara). Esta é estratexia da UE, do subimperialismo.

Pola súa banda os Estados Unidos sabendo que a recomposición do mundo é inevitábel, queren demorar o proceso o máximo posíbel, para, cando menos, manter seu papel dominante alí onde podan, comezando polos países do G7+OTAN. Un triunfo de Rusia na Ucraína na guerra contra a OTAN muda o organigrama internacional, xa que cambia a correlación de forzas, e fortalece as expectativas de soberanía non só nas potencias rexionais da periferia senón ademais nas nacións cun rol subalterno. Tamén naqueles territorios dependentes externos ou internos das potencias dunha UE en decadencia e ateigada de contradicións? Sería unha vía que se abriría, polo desmembramento total ou parcial da Unión?... O acordo de paz na Ucraína é, e será visto, como o remate da vella orde, abrindo unha etapa reivindicativa,... tamén unhas novas regras de xogo consensuadas, que permitan consolidar a paz, reducir os conflitos, e primar a solidariedade e xustiza social, e que a diversidade étnica, cultural e lingüística, sexa vista como unha das maiores riquezas da humanidade?... Hai que traballalo en todas partes. Deberiamos estar moi atentos a estes cambios, o que sucede na Ucraína, Franxa de Gaza, Mar Vermello, Taiwan, Sur do Sáhara,... son máis que guerras, masacres e golpes de estado, e loitas entre as grandes potencias e os donos da riqueza.

Comentarios