Opinión

Confrontación de EEUU-UE con Rusia, o que está en xogo

Non creo que a Federación Rusa sexa hoxe unha referencia para Galiza como modelo económico e social, e que tampouco Putin e aquelas forzas que o apoian representen a mellor opción para Rusia. Coido que a alternativa política ao servizo das clases populares, ou sexa dun reparto xusto do traballo e da riqueza producida, hai que buscala á súa esquerda. Putin non é un seguidor de Lenin, nen un socialista. Mesmo así, non se pode obviar que este país de países recobrou boa parte do seu poderío militar e que polo tanto trátase dunha potencia a ter en conta.

Seus detractores poñen o énfase nas intervencións militares no exterior, escasas en comparación coas potencias occidentais, e mesmo consideran un límite á democracia que un 55% do PIB correspondese en 2015 a empresas de propiedade estatal, en parte pola re-nacionalización. Sen dúbida a economía rusa diversificouse, abonda con ver a produción de cereais, a industria farmacéutica, a construción de armamento de vangarda, o papel no ámbito espacial, a venda de trens á Arxentina... non dependente só da enerxía, e ademais posúe unha das maiores reservas de divisas do mundo, uns 738 mil millóns de dólares (só superada por China, Xapón e Suíza). Se sumamos a isto os altos prezos da enerxía e o medre do comercio con China, e as relacións estratéxicas coa India e Iran (entre outros), son datos e feitos que lle dan certa tranquilidade a Moscova no eido económico a medio prazo, fronte as ameazas e presións occidentais.

Mais o debate neste intre respecto de Rusia non está centrado no modelo económico e social polo que aposta Putin, aínda que teña importancia, senón no dereito que teñen todos os estados do mundo a exercer plenamente a soberanía, sen a tutela do imperialismo estadounidense, e potencias aliadas. Así como nos compromisos da solución pacifica dos conflitos, evitando as guerras, máxime cando poden destruír a humanidade. Garantir estes principios e criterios é elemental, tanto para os países que hoxe son independentes, como para aquelas nacións que no futuro consigan que se lles recoñeza a súa plena soberanía. Ou sexa, é esencial avanzar cara un mundo multipolar, e de institucións internacionais plurais. E esta cuestión é a que enfronta neste intre a Estados Unidos e os seus aliados con China, Rusia e outras nacións.

Polo tanto, a hipotética invasión de Ucraína é só unha escusa, xa que saben que as garantías de seguridade que esixe Rusia son elementais, e que a solución do conflito coas repúblicas de Donetsk e Lugansk, pasa polo recoñecemento da autonomía e unha integración con garantías. Agora ben, a entrada da Ucraína na OTAN implica mísiles nucleares norteamericanos ameazando a Moscova sen que, pola sua proximidade, Rusia teña tempo para neutralizalos e responder. Este é o problema. Permitiría algo semellante EEUU, por exemplo a instalación de mísiles rusos en Cuba?... A resposta é negativa. E, o sería tamén se Rusia fixese manobras con México na fronteira estadounidense.

Os motivos para que Putin poña liñas vermellas están claras e son lóxicas. Así o recoñecía o xefe da armada alemá nunha visita á India, da que se divulgou parte da súa intervención sobre o tema, e que deron lugar á súa dimisión (todo indica que forzada). Kay-Achim Schönbach segundo os medios dixo que “o presidente ruso, Vladimir Putin, merece respecto e que é un feito que a península de Crimea nunca volverá a Ucraína, e cualificou de parvada a idea de que Rusia pretendía invadila”.

Resulta evidente que neste intre, mais tamén perante a Guerra Fría e décadas posteriores, que Washington tírolle moito rédito a manter unha situación de conflito, xa que fortalece o seu inmenso complexo industrial militar, alimentou a subordinación da UE e outras nacións (que tiran beneficios deste protectorado fronte a terceiros países), e ademais permitelle construír novos muros para impedir un mundo multipolar. Polo que continuaran as tensións, xa que para EEUU o central non é a paz, a democracia e a solidariedade, senón manter os privilexios imperialistas. Só unha postura soberana da UE, de aposta polo multilateralismo, tería un valor cualitativo como para que Washington mude de estratexia, porque cambiaría moito a correlación de forzas. Tamén unha América Latina, África e sur-este asiático máis fortes (será esta a razón pola que se acelera a confrontación con Moscova?). Daquela que neste neste aspecto, e neste momento, que Rusia gañe esta batalla (e mesmo que sexa quen de resistir a presión), é positivo para as outras potencias emerxentes, porén tamén o é para as nacións subalternas e dependentes, xa que aínda que se trate dun tema aparentemente militar ademais pon en cuestión o relato hexemónico, e a medio prazo a centralización da riqueza e do poder.

Comentarios