Opinión

Cataluña, represión e solidariedade

A medida que vai avanzando o proceso a prol do dereito a decidir do pobo catalán resulta evidente que o Goberno central (Executivo, Poder Xudicial e Lexislativo) nunca barallou outra solución ao conflito que non fose a represión, arroupándose no sobado argumento de cumprir a Constitución.

A medida que vai avanzando o proceso a prol do dereito a decidir do pobo catalán resulta evidente que o Goberno central (Executivo, Poder Xudicial e Lexislativo) nunca barallou outra solución ao conflito que non fose a represión, arroupándose no sobado argumento de cumprir a Constitución. Unha sacralización que obviaron todos os partidos sistémicos cando a reformaron en poucos días para inserir o límite de déficit público que lle esixía Bruxelas. Tamén fica claro que a negación dos dereitos colectivos dunha “nacionalidade histórica” como Cataluña conta co apoio de UPyD, Citadans, mais tamén do PSOE, que aínda que chame ao diálogo e ao recoñecemento de certos dereitos das nacións asoballadas por España (só fala de Cataluña e Euskadi), non di cales son estes, e no momento da verdade súmase ás posturas da dereita españolista, como agora, negando o dereito a decidir do pobo catalán.

"Coa sinatura por Artur Mas da convocatoria do referendo para o vindeiro día 9 de novembro, o proceso dá un pulo cualitativo que marca un antes e un despois".

Coa sinatura por Artur Mas da convocatoria do referendo para o vindeiro día 9 de novembro, o proceso dá un pulo cualitativo que marca un antes e un despois. Primeiro, porque o pobo catalán colle un gran protagonismo, xa que o impedimento do referendo, seguramente con intervención xudicial e policial, será contestado coa mobilización e a desobediencia civil; pode que mesmo cunha ou varias folgas xerais. Segundo, porque isto conducirá a unha maior radicalización da postura dos cataláns que apostaban pola independencia, mais tamén achegará a esta opción a moitos e moitas que tiñan dúbidas ou non consideraban oportuna a plena soberanía por razóns económicas ou doutro tipo. Terceiro, porque a radicalización da confrontación, negando mediante a represión ese dereito básico, é un muro que frea un posíbel pacto para unha saída con certas concesións autonómicas, que ate hai pouco, podería ter sido atractivo para unha franxa do nacionalismo e para o autonomismo. Esta saída sería vista hoxe como unha traizón pola inmensa maioría dos cataláns. Nen os sectores máis mornos do nacionalismo, ou os autonomistas, teñen xa capacidade para xogar esta carta, que por outra banda o PP nen sequera se formula. E, cuarto, diante da represión do Estado, cada partido amosará o que dá de si na práctica, tanto aqueles que defenden a independencia (ERC, CIU e as CUP), como as que fican nunha ambigüidade calculada (UDC, ICV e IU). 

"Ábrese polo tanto unha etapa de sacrificios e heroísmos para o pobo catalán, na que ficarán espidas as contradicións, aumentará o nivel de conciencia social"

O que pase en Cataluña nos vindeiros meses, ou anos, será fundamental para o nacionalismo galego, tanto porque coloca en primeiro plano a cuestión nacional, como porque deixa en evidencia o carácter represivo do Estado español, malia que se arroupe cun formalismo democrático, xa que se agudizan as contradicións, tanto nacionais como sociais. Tamén será ilustrativo no relativo á postura que adopte cada un dos partidos políticos de esquerda no ámbito estatal, porque amosará ate onde chegan os principios democráticos ou se todo é verborrea. Asemade, a agudización das contradicións deixará máis unha vez en evidencia o carácter reaccionario da Unión Europea centrada en adorar o becerro de ouro, e totalmente insensíbel aos dereitos nacionais, á xustiza social, e á democracia. Ábrese polo tanto unha etapa de sacrificios e heroísmos para o pobo catalán, na que ficarán espidas as contradicións, aumentará o nivel de conciencia social, e se poderán acumular forzas para a conquista da liberdade se mantén como ate hoxe a iniciativa, e non se racha a unidade social-partidaria-institucional. Este tipo de procesos, no mundo actual, son ademais impulsores da conciencia de clase, xa que o capital aposta con toda claridade polo secuestro dos dereitos nacionais mediante a globalización que é funcional á centralización e concentración da riqueza e do poder. 

"A loita do pobo catalán a prol da soberanía é unha contribución ás reivindicacións das clases populares na Galiza, do nacionalismo galego en específico"

Neste contexto, o nacionalismo galego debe apoiar con firmeza, como vén facendo, o dereito a que a poboación de Cataluña poda decidir soberanamente o seu futuro, contribuír a clarificar o que alí acontece, xa que os medios hexemónicos terxiversan os feitos, e realizar actos de solidariedade. Agora ben, iso non debe significar que se deixen nun segundo plano as reivindicacións e loitas para mudar a realidade do noso país, que ten unhas características e historia específicas. Non se pode ignorar que a preocupación social está centrada na procura dunhas condicións laborais dignas, na xeración de emprego, na oposición ás privatizacións e á redución dos servizos e prestacións públicas, contra unha fiscalidade regresiva e unha lexislación cada vez máis represiva, na defensa da lingua e identidade nacionais, na necesidade da igualdade de xénero, na protección do medio ambiente, etc. 

A loita do pobo catalán a prol da soberanía é unha contribución ás reivindicacións das clases populares na Galiza, do nacionalismo galego en específico, e do BNG como forza máis probada e coherente. Pode selo de xeito determinante, sempre que sexamos quen de vencellar na súa xusta medida a cuestión social coa soberanía, e o nacional co internacional. Só así poderemos mobilizar arreo a base social do nacionalismo, gañar coa praxe os sectores máis activos do movemento social, e arrastrar o conxunto das clases populares da Galiza. Impulsar e fortalecer a mobilización popular que fóra de Cataluña cuestiona o Estado español, especialmente nas outras nacionalidades históricas, é a acción solidaria máis importante que se pode realizar neste intre co pobo catalán.

http://manuelmera.blogaliza.org/