Acordo de "terras raras". Dará azos á paz?
Despois dunha morea de pasos adinte e pasos atrás, escenificados do xeito máis dramático, ao final a Ucraína asinou cos Estados Unidos (SA) un acordo para a explotación das terras raras e minerais básicos situados no primeiro destes países. Seica trataríase dunha sociedade ao 50% na que a entrega de armamento por parte de USA sería considerada como un aporte ao capital da sociedade. Visto desde fóra os Estados Unidos consigue facerse con minerais estratéxicos tanto para o armamento militar como para os proxectos de IA. Sen dúbida isto terá consecuencias respecto da guerra na Ucraína, porque, en principio, canto máis dure maior será o capital aportado por Washington sen utilizar o capital en efectivo. Cando menos iso parece. Ou será unha análise demasiado simplista que se matizará nos textos definitivos?. Se fose deste xeito, hai que dicir que Zelenski así como os países europeos máis belixerantes (Reino Unido, Francia, Polonia, bálticos...) teríanlle gañado a partida a Trump que seica ía parar a guerra, como máximo, en cen días.
Se esta fose a a nova folla de ruta escollida por Trump, premido pola falta de avances non só na guerra da Ucraína, senón en Palestina, e sobre todo no eido da economía, o último trimestre caeu o PIB no -0,3%, fronte a un aumento do 2,4% no trimestre anterior (da etapa Biden). Aínda que é cedo para tirar conclusións sobre as medidas que poda adoptar Trump, especialmente coa presión arancelaria, dado que están en pleno proceso negociador, as expectativas non son moi boas, máxime cando sumamos a caída da Bolsa, os pobres resultados do comercio exterior, o prezo do dólar, a débeda pública, e o valor dos bonos. Non é casual que xa haxa enquisas que lle rebaixan o apoio cidadán a Trump a un 39%.
Polo tanto, dado a falta de avances concretos en materia de dialogo no conflito na Ucraína, abriríase a opción de presentar os acordos en terras raras como un éxito económico, desligándose da guerra onde as partes non axudan a solucionala, e contribuíndo ao armamento da Ucraína, que sería visto positivamente pola parte máis belixerante da OTAN. Agora ben, as dúas alternativas fican abertas, tanto para un acordo de paz, tendo en conta que Rusia vai gañando a guerra e necesita consolidar os triunfos, como para Estados Unidos manter o conflito apoiándose nos sectores máis belixerantes da Ucraína e da OTAN. O que fará Trump nas vindeiras semanas é fundamental, mais non deixa de ser unha incógnita, máxime cando mesmo é capaz de casar as alternativas máis contraditorias, e o que dixo onte perde valor nunhas horas.