Opinión

Aladino Barros e Os Gales de España

Un breve depoimento sobre o grupo de música Os Gales de España e sobre Aladino Barros.

Comezou a estudar acordeón no ano 1963, con Segunda González Freijeiro, muller de Pepe Poceiro, o da afamada orquestra de Pontevedra.

Aos once meses, chegaron á Academia uns músicos de Marín buscando un acordeonista e despois de probar nove alumnos, decidíronse polo rapaz de Cerdedo para integralo nos Gales de España, permanecendo no grupo ata cumprir coas obrigacións militares.

A partir do ingreso no Conxunto, iniciou estudos de piano, recibindo aulas de don Ciriaco Juez Rojas, bilbaino director da Banda da Escola Naval Militar de Marín. Ata 5º ano examinouse no Conservatorio de Pontevedra, tanto de piano como de solfexo, teoría musical e harmonía.

Do 5º de Piano ao 8º, asistía dúas veces por semana en Madrid a clases co profesor coruñés, Rafael Sebastiá.

Os Gales de España estaba integrado por Luis Medal Novas, baixista e voz; Xaime González Viceiro, saxo tenor, alto e clarinete; Tomás Abreu Mouco, guitarra e voz; Bibí, cantante e trompeta; Euloxio, batería alén de Aladino Barros. No ano 1967 incorporouse a filas na capital de España e os tres meses, formou o trío "Los Gigantes".

Ao cumprir, vinte días despois, chamárono Los Rivers, músicos da Banda Escola Naval Militar, e, cando chegou aos oídos do baixista dos Gales de España, mestre nacional, insistiulle que retornara ao grupo para substituír un portugués que tocaba o acordeón.

Aladino non estaba moi conforme, dado que se regresaba había que ensaiar moito máis, mínimo tres días semanalmente. Sexa como for Barros, reincorporouse substituíndo igualmente a Xaime González Viceiro nas funcións de director da formación musical, impoñendo a partir desa data, sancións aos que incumprisen as normas. Aos dous meses resistiu só o guitarrista e cantante, Tomás Abreu Mouco, incorporando músicos da súa idade.

Enrique Esperón Sobral, batería que infelizmente faleceu no ano 1979; Felix Quintillán, baixista, Antonio Castro, trompeta e cantante, Carlos Froiz Planes, guitarra e voz, os tres de Poio e o saxo Xosé Fernández Leiro.

Aladino xa cun órgano Hanmond, modelo L122 e Leslie 760, alén dunha amplificación Semprini que substituiría dous anos máis tarde por Altec Lansing, máis alá dun equipo de luces.

Recorrían a xeografía galega de festa en festa, alén do Lérez, nun vehículo Mercedes 220 SE e unha Roulot Catusa, fabricada en Porriño, esixindo ás Comisións un palco de 10 metros de longo por 6 de fondo, cuberto de telas brancas ou sabas e un poste no medio do recinto para a instalación dun proxector.

“Black is black, I want my baby back // It's grey, it's grey, since she went away, oh oh // What can I do, 'cause I, I'm feelin' blue // If I had my way, she'd be here today…” Podíase escoitar en calquera verbena ou Salas de Festas, onde eles subían ao escenario e tamén temas como "Eloisa", "Todo tiene su fin", “El gato que está triste y azul", "Un beso y una flor" e mesmo "Airiños, airiños aires", que te tiñan que repetir en moitas ocasións.

Días antes do malogrado accidente de Nino Bravo compartiran palco no Xardín Club de Vigo, igual que coincidiron con Cristina y Los Stop na Sala As Airas de Carballo; Irmáns Benítez, na Miramar de Redondela; Os Pecos en Negreira; Juan Bau, Montouto; Manolo Escobar, Sala Yenka de Caldas de Reis; Hermanos Calatrava, Montesol, As Neves; Antonio Machín, na Piscina de Sanxenxo; Os Sirex Sala Teucro en Pontevedra; Mari Trini , A Ramallosa 2000 Nigran; Jeannete, Sala Peña de San Xorxe de Sacos; Basilio en Xardin Club; Módulos en Vilanova de Arousa, Sala Hermida 5000.

No Xardín Club de Vigo, coñeceu a María Esperanza García Pereira no ano 1972 a que se uniu para compartir amor e traballo en diversas empresas.

Hoxe continúan desfrutando da música e doutros negocios que ten que ver co contorno natural e a paisaxe, tanto na Boa Vila como no seu berce de Carballás en Cerdedo, Terra de Montes que pariu personaxes que levaron a música e as artes alén Mar, Avelino Cachafeiro, Virxilio Vieitez, Chano Piñeiro, Ricardo Portela, Antón Fraguas e mesmo a escritora Nélida Piñón, con raíces no territorio, sen esquecer aquelas Bandas de Música Lavandeira e de Benito.

Comentarios