xoves 29/10/20

Aclaracións sobre "Os límites do crecemento"

O pasado 3 de setembro publicábase nestas mesmas páxinas o texto de Alberte Blanco "Clima e distribución de riqueza" sobre o que coido importante facer algunhas aclaracións. A impresión que a persoa lectora leva do texto é que as políticas medioambientais vixentes están a seguir as recomendacións dunha obra citada polo autor: Os límites do crecemento (1972). Así, afirma que "sobre esta premisa neomalthusiana foi construída a estratexia ambiental actual". Sen entrar a avaliar as descualificacións de "neomalthusianismo" ou "catastrofismo" nin o feito de confundir unha previsión de escenarios (que era o que ofrecía esa obra e as súas actualizacións en 1992 e 2004) cunha "premisa", cómpre desmentir que as conclusións do estudo serviran de base á "estratexia ambiental actual". Abonda con compararmos as súas recomendacións para evitar o colapso civilizatorio que amosaban algúns dos seus escenarios (non todos), para comprender que foi xusto o contrario: non se acometeu ningún dos cambios socioeconómicos que eles propuñan, comezando por poñer freo ao crecemento económico (que non é consecuencia do demográfico como Blanco dá a entender, senón impulsor do mesmo). E así é que a proxección business-as-usual que eles realizaron (o que sucedería se non se facía nada e seguían as tendencias vixentes a prol do crecemento económico) acertou plenamente, demostrando a validez do seu modelo informático World3 baseado na Dinámica de Sistemas, ciencia daquela emerxente, que non foi aínda superado por ningún modelo econométrico convencional na súa capacidade preditiva, nada menos que a 40 anos vista.

Xa que logo non cómpre botarlle a culpa a aquel informe do fracaso das políticas medioambientais actuais, máis ben ao contrario. De se lle ter feito caso, tería sido posible alcanzar a sustentabilidade das sociedades industrializadas na década do 1980. Agora xa é tarde (Dennis Meadows dixit) e só cabe procurar facernos máis resilientes ante un choque inevitable do tren civilizatorio contra o muro infranqueable dos límites biofísicos do planeta. Aconsello as persoas interesadas a lectura de Los límites del crecimiento retomados, publicada por Ugo Bardi en 2011, para coñecer a historia do debate a que deu pé aquela obra fundamental nos anos 70 e 80, así como o artigo de Hall & Day publicado en 2009 na revista American Scientist ou o estudo de Graham Turner para CSIRO no ano 2008 para comprobar até que punto acertaron na súa predición aqueles científicos pioneiros.

Polo demais, a cuestión do papel da equidade na loita contra o cambio climático apuntada por Blanco non entra en absoluto en conflito coas advertencias e recomendacións de Os límites do crecemento (que o son para a Humanidade no seu conxunto) nin de actualizacións recentes como a realizada no proxecto europeo Medeas coa colaboración de expertos galegos, como Xoán R. Doldán.

comentarios