Opinión

Xaquín Marín

Coincidindo co seu 80 aniversario, Xaquín Marín recibiu a homenaxe nacional organizada polas asociación culturais galegas que merece un dos grandes cidadáns galegos do noso tempo. Xenio extraordinario e virtuoso do debuxo, da ilustración, da pintura e do humorismo gráfico, ademais de pioneiro e fomentador da banda deseñada galega, todo dende hai seis décadas e de forma ininterrompida, a súa obra gráfica monumental (xornalística, bibliográfica, cartelística, expositiva e pictórica) representa tanto o compromiso do artista coa creación dunha obra singular e coa innovación estética e de formatos e soportes como a súa condición de militante de Galicia e fomentador incansable da súa conciencia colectiva.

Considerado por estudosos do humor, como Félix Caballero, como "o humorista galego máis relevante dende Castelao", de quen herdou a tenrura retranqueira da personalidade dos seus nenos, velaí os seus inesquecibles Gaspariño (Edicións do Rueiro 1978) e Lixandre, Marín desenvolveu a crónica gráfica das arelas e da crúa realidade dun país que coma el nunca se dobregou.

Autor da primeira historieta galega, O emigrante, publicada en marzo de 1971 no número 35 da revista Chan, como tamén do primeiro álbum de banda deseñada galega, que asinou con Reimundo Patiño como 2 viaxes (Brais Pinto 1975), ao que seguiu o seu primeiro libro en solitario, Ratas (Tres Catorce Diecisiete 1977), publicadas mentres o franquismo agonizaba, Xaquín contribuíu de forma decisiva a espallar a linguaxe do cómic e da narrativa debuxada e facelo de forma absolutamente orixinal en galego, a fala de todos os seus personaxes (Tonecho, Caitano, Don Augusto, Isolino, Sabeliña...), e cun trazo e un acento tamén netamente galego, "os seus debuxos de liña son románicos e saben a bola do patrón e das festas; mentres os outros son barrocos e saben a empanada", como salientou nun artigo recente o tamén humorista gráfico Siro López. Beizón ao noso admirado Xaquín Marín, mestre gráfico e artista irrepetible.

Comentarios