Opinión

Viñetas desde o Atlántico

A dúas semanas da apertura prevista de Viñetas desde o Atlántico nada se sabe dos contidos do programa do festival de cómic da Coruña. Unha situación a todas as luces anómala, denunciada polo editor e autor Kiko da Silva, que veu alertando da precariedade na que quedaba a organización do certame dende que no mes de marzo Miguelanxo Prado, fundador e director de todas as edicións, presentara a súa renuncia ao Concello da Coruña, Administración que se ocupou do seu sostemento económico e infraestrutura, a través da Concellaría de Cultura e do equipo de organización de exposicións do Kiosko Alfonso. Nacido coa ambición de achegar a linguaxe da banda deseñada á sociedade galega, máis alá do público afeccionado, ademais de dar visibilidade á creación galega de cómic e ilustración, durante vinte e cinco anos "Viñetas" conseguiu localizar Galicia no mapa mundial da banda deseñada e colocar a semana coruñesa como referencia ineludible no calendario internacional dos eventos de cómic. Un éxito popular e profesional incuestionable, atribuíble en moi boa medida ao talento e a implicación persoal de Prado, que a pesar do orzamento reducido e conxelado e a asfixiante rixidez administrativa, conseguiu preservar os principios fundacionais acordados en 1998 co Concello coruñés de ofrecer un programa para todos os públicos, acoller con agarimo os artistas convidados e remuneralos de forma digna polos seus servizos e presentar nas mellores condicións os materiais expositivos. Con estes vimbios, Prado conseguiu unha cita que xa é patrimonio da Coruña, que como sucedeu noutros eventos culturais de éxito, como o Culturgal e O Salón do Libro, ambos os dous en Pontevedra, debe agora enfrontar en condicións incertas unha nova etapa, conservando a ambición inicial e a identidade conformada, mais tamén utilizando un novo modelo de xestión que faga compatibles os patrocinios públicos e a actividade comercial do sector. Velaí o reto moi complexo da nova etapa de Viñetas 
desde o Atlántico.

Comentarios