Opinión

Novela de praia

Espallouse por Twitter unha curiosa oferta de libros usados baixo a etiqueta de «novela de praia». A pesar de parecerme un pouco caro o saldo destes libros a granel, tres euros un exemplar, cinco por dous, divertiume que o alfarrabista anónimo crease unha tipoloxía de edición, que permanecía inédita, sen encomendarse ao criterio de academia crítica ningunha ou sequera emulando a promoción do márketing dalgunha editora inconformista coa visibilidade do seu catálogo.

Porén, o que máis me gustou do caso é que a recomendación de levar novelas á praia fose utilizada poucos días despois na rede de Musk para animar á lectura (e compra) dunha recente novela galega «ben escrita e con moito humor», coincidencia probablemente só atribuíble as sereas do azar. Emporiso, anunciamos que a «novela de praia» chegou a literatura galega, que non vai ser todo «novela negra», e como outros fenómenos da nosa contorna editorial, por cativo que sexa o seu mercado, terá vontade de continuidade.

Con semellante precedente imaxino que as editoras galegas de referencia terán en conta este nicho de mercado na preparación dos seus futuros plans editoriais, como xa teñen asumidos os lanzamentos de nadal ou letras galegas. Fóra da brincadeira desta coincidencia, a serendipia amosa o perigo de utilizar etiquetas para a produción editorial, máis aínda da literaria, que poden chegar a confundir aos públicos lectores. Claro está que non hai razón ningunha para que as novelas lidas na praia sexan apenas produtos de lectura ou libros artisticamente menores. As novelas de praia son as que as lectoras deciden levar ao areal, un espazo lector para calquera tipo de textos e soportes.

Recomendo ler na praia, e facelo da forma máis confortable que coñezo, empregando cadeira, parasol e a protección solar necesaria. As editoras galegas continúan ofrecendo unha oferta moi diversa de novidades de novelas ben escritas, con humor, intriga, reflexión, memoria, emoción... para gozar tamén nos nosos areais.

Comentarios