Opinión

Móbiles na escola

O anuncio da prohibición dos móbiles nos centros escolares realizado por Alfonso Rueda chega tarde, cando o debate sobre o seu uso fóra das aulas, promovido por un grupo de familias, foi incorporado xa á axenda electoral. Unha polémica complexa para a que se pretende unha saída simple e restritiva, sen ter en conta nin a necesaria adaptación da medida a cada unha das etapas educativas nin as posibilidades dos centros de facela efectiva nin sequera en contar coa seguridade xurídica á hora de requisar aparellos ou aplicar sancións.

Debate que afecta a toda a comunidade educativa, con especial incidencia ao papel das familias que, non nos enganemos, proporcionan acceso ao uso e á propiedade dos móbiles dende idades moi temperás, nalgúns casos case dende o berce. Emprego que debe formar parte tanto das estratexias de alfabetización dixital, como instrumento de aprendizaxe e comunicación, como de educación e benestar emocional e mesmo de educación afectiva e sexual.

Unha controversia que xa debería ter sido abordada polo Consello Escolar de Galicia, como órgano superior de consulta e participación de todos os sectores educativos, xa que esta regulación restritiva afecta ao alumnado e ao persoal docente e non docente, como debería servir para regular tamén cuestións relacionadas co uso nos centros doutros dispositivos dixitais e pantallas (reloxos, consolas, tablets e computadoras), co emprego das imaxes do alumnado que se fan e publican nos perfís das redes sociais dos centros ou mesmo o uso dos grupos de WhatsApp que fan familias e o propio alumnado.

A proximidade da inminente convocatoria electoral non debería interferir na abordaxe de todas estas cuestións por parte das comunidades educativas nin tampouco desprazar o foco de atención sobre os problemas da rede escolar pública galega nin as xustas reclamacións sindicais de diminución de ratios e incremento de dotación de profesorado e recursos. Na escola galega non abonda con prohibir o uso dos móbiles no recreo.

Comentarios